Momentos memorables

27 10 2008

Esta fin de semana, a selección galega, a Auténtica, volveu facerse coa Copa Cantábrica, nun duelo con Asturias que resultou máis axustado que nunca. Na alineación de Galicia figuraban tres palanadores do sur: Xose Miguel, Iván e Arosa, os tres de Moaña.

E falando de Moaña, xa temos en Televaral o vídeo do aberto que desputamos o día 18. Un resume estupendo do que deu de si a segunda xornada da LNB Sur, cunha boa recua de momentos memorables e entrevistas exclusivas ao gañador (Rubén), o finalista e co-líder da liga (Agus), a primeira moza na xeral (Ana) e a equipa líder (os Paquete Pinchas).

E xa pensando no que vén por diante… lembrade que a liga continúa o 15 de novembro en Marín. Pero se vos ferve o corpo de ganas de xogar, non tedes paciencia ou queredes practicar par chegar a Marín ao 100%, o sábado 8 de novembro tedes unha oportunidade excelente en Mos. Ese día celébrase un Magosto organizado pola asociación Mos-Keo Colectivo. Será a partir das cinco da tarde, unha hora estupenda para abrir apetito de cara á enchenta nocturna: catañas, grelos, chourizos, bolos preñados… e barra libre de queimada!!! E todo coa música da Vacaloura Vermella.

Advertisements




Canteira de billardeiros

2 10 2008

No Porriño hai canteira. E non só de granito rosa, tamén hai moita promesa da billarda que no primiero torneo da LNB Sur amosou o seu dominio da pincha. Estivérades ou non este sábado nas pistas do Colexio Fernández López, non vos podedes perder esta película chea de momentos inesquecibles: o bombo tipo UEFA do sorteo inicial, os varados de Fuco, o golpe da xornada con rebote no teito da pista por parte de Josué, o estilo “agachado” de Aníbal… e a explosiva entrevista de Fuco ao triunfador da xornada, Chupi. Todo isto e moito máis ao ritmo da Turre’s Band.





“Isto está pa min”

10 09 2008

Así de claro o tivo Gil desde o momento no que eliminou a Otero nos oitavos de final do Abertiño de Billarda do Festival de Poesía do Condado: “Isto está pa min”. Este é o clímax dunha nova e fabulosa videocreación que nos presenta Otero, o Chano Piñeiro da LNB Sur. Desta vez bailamos ao ritmo de música pimba e revivimos os mellores momentos da última cita da billarda no sur.





Abertiño do Festival de Poesía á vista!!!

3 09 2008

Este sábado temos unha nova cita coa billarda: o I Abertiño de Billarda do Festival de Poesía. En Salvaterra o son dos paláns ao bater coas pinchas pareceranos máis lírico que nunca: alí os bardos do varal loitarán para consagrarse no Parnaso dos grandes palanadores.  O Festival de Poesía chega á súa vixesimosegunda edición e alí estará a billarda… que tampouco se vende!

A cita é ás 16:00 horas no recinto das Murallas. Sós ou en equipo, Vide a pasalo ben e tentar apañar un dos premios que a modo de lotes de libros e caixa de viño do Condado dispón a organización. Podedes consultar neste mapa a localización exacta do recinto. Non tedes escusa!

Lembrade que este é o último aberto de verán antes do arranque da liga regular LNB Sur, que botará a andar o sábado 27 de setembro no Porriño. E para ir abrindo apetito para este sábado, aquí tedes o vídeo bravío que realizou Rubén Otero sobre o último torneo en Ponteareas, no que podemos ver a secuencia completa dunha tarde de pincha: diversión, emoción e a modestia do campión.





O vídeo da Copa do Salnés

1 05 2008

Aquí tedes o fabuloso vídeo que preparou Rubén Otero, o noso mellor realizador, que nesta ocasión presenta unha crónica elaborada do que foi a xornada do domingo en Xil, Meaño.





O vídeo da gran final

13 04 2008

Desde o servidor de Televaral, aquí podedes ver a emocionantísima final entre Josué e Chupi no I Aberto de Mos, na que polos puntos gañou Josué, que conseguíu o prezado lacón.





Estase cocendo o I Aberto de Mos!

16 03 2008

A Conferencia Sur está estes días ultimando o que será o seu empurrón definitivo. Primeiro foi a xuntanza duns amigos, logo a presenza dunha delegación no Trofeo do Lacón de Cervo, e agora, antes incluso de presentarse oficialmente ao mundo participando en Meaño na Copa do Salnés, a Conferencia Sur organiza o seu primeiro torneo local para quentar motores, lograr que medre a afección, e xuntar forzas para chegar a Meaño con ganas de dar a sorpresa fronte aos experimentados xogadores do norte.

O 5 de abril poñede os vosos GPS orientados ao sur, porque esa tarde celebrarase o I Aberto de Mos!!!

O lugar está aínda sen confirmar, con varias opcións abertas. Estamos tamén facendo contactos para que o grupo dunha ducia de palanadores e palanadoras que nos xuntamos no primeiro ensaio medre considerablemente. Pronto teremos máis novidades, pero xa podedes marcar o sábado 5 de abril en vermello nos vosos calendarios.

E para ir abrindo boca, Fuco e Otero perpetraron esta gloriosa curtametraxe promocional. A psicose da pincha provoca enfermidades mentais difíciles de curar…

Sen dúbida un vídeo histórico por varias razóns: probablemente é a primeira audiovisual produción do sur de Galicia dedicada á pincha, e sen dúbida é a primeira aportación da Conferencia Sur a Televaral. Simplemente, espeluznante.