Electrocútate co videoestalo de Redondela

22 09 2009

A LNB é unha canteira de talentos que trascende o deportivo. Non só concentra algúns dos mellores palanadores e palanadoras do universo, senón que os hai que van máis alá e amosan as súas habilidades en facetas tan dispares como o audiovisual.

Aquí temos unha boa mostra dese talento cun novo videoestalo de Pablo Suengas. Sons electrónicos mesturados co timbre opaco dos paláns e as billardas: ritmo e emoción, deporte e cantina, todo mesturado cos espectaculares efectos psicotrópicos do Michel Gondry da billarda.

Advertisements




Vídeo-inmersión no Aberto de Salceda

30 03 2009

Estamos na semana decisiva da LNB Sur. Faltan só 5 días para que todo se decida. Para afrouxar a tensión que se respira no ambiente, hoxe ofrecémosvos o último vídeo-estalo do TeleVaral: o do Aberto de Salceda. E ao igual que xornada a xornada medra o nivel dos xogadores, tamén de cada vez contamos con vídeos máis completos, propostas máis arriscadas para transformar en imaxe e música as vibracións das billardas e os paláns.

Nesta ocasión temos un vídeoclip experimental, no que Pablo Suengas nos transporta con sons electrónicos  e imaxes desestruturadas ao territorio da billarda, emulando a grandes como Michel Gondry ou Chis Cunningham.

Para cando a LNB na MTV?





As citas desta semana

4 03 2009

1ª cita:
Aberto de Salceda de Caselas (7ª xornada da LNB Sur)
sábado 7 de marzo ás 16.00 h
no campo detrás do pavillón de Salceda (se chove, no pavillón).
Premios a base de callos e viño.
Salceda estará sinalizada para que ninguén se perda de camiño ao pavillón.
cartel20pincha1

2ª cita:
All Stars 2009 de Ourense
Aberto, campionato de mates e campionato de triples
domingo 8 de marzo ás 12.00 h
no campo de chave xunto ao estadio do Couto.
Premios: cachucha de porco para @ vencedor/a do aberto, uñas de porco para @ gañador/a dos mates e rabos de porco para @ gañador/a dos triples.

Cartel da xornada organizada por Siareiros, na que se encadra o All Stars

Cartel da xornada organizada por Siareiros, na que se encadra o All Stars

Atención! buses para acudir a Ourense:
Sairá ás 9.45 h de Vigo (praza dos cabalos), coas seguintes paradas:
– 10 h Sanguiñeda (Eroski)
– 10.10 h Ponteareas (primeira rotonda)
(Estamos estudando que o bus saia antes de Marín).
A volta será ás 19.30 h desde Ourense, parando nos mesmos lugares que na ida.
Está programada unha comida en Ourense a base de cocido (non podía ser doutro xeito) ás 14.45 h.

E se pensábades que na nosa sección de vídeos nos esquecéramos do Aberto de Vigo… aquí o tedes (máis vale tarde que nunca!).





Achégase a super-finde billardeira: Aberto de Salceda e All Stars en Ourense

27 02 2009

En Budiño vivimos un dos máis impactantes abertos da tempada, do que dá boa mostra esta nova superprodución:

Deu moito de si, calidade no xogo e bo ambiente na cancha, pero agora hai que mirar para adiante e xa está aí cerquiña a gran super-finde billardeira. O sábado 7 de marzo Salceda de Caselas acollerá a 7ª xornada da LNB Sur, organizado pola xente da Asociación Treze Catorze. E o domingo 8, todos ao interior a participar no Billarda All Stars Ourense’09.  Alí xuntarémonos todas as estrelas da billarda chegadas desde os catro puntos cardinais do país para amosar as nosas destrezas.

O All Stars contará cun aberto, un torneo de mates e outro de triples. Preparade as vosas xogadas mestras para lucilas na pista de chave, ao lado do estadio do Couto. Pola semana daremos información máis detallada do desenvolvemento do All Stars.





Varados en prime time

20 01 2009

Se non o viches o xoves pasado na TVG nin estes días na web d’O Varal, aquí tes unha nova oportunidade de asistir á irrupción da billarda no prime time galego. Cachiza, pincha, Lideiras, Paquete Pinchas…, o sistema de xogo, os nomes, os equipos, a billarda no mundo… breve e efectivo, parabéns ao Cazador de Palabra, parabéns a Xermán e Daniel, e parabéns á LNB.

Próximo obxectivo: a retransmisión íntegra pola canle dixital das finais absolutas da LNB!





Saudade da 3ª xornada e ansiedade por que chegue a 4ª

2 12 2008

Para curar a vosa saudade dese completísimo torneo que o mes pasado desputamos en Marín, aquí chega o supervídeo da 3ª xornada, que demostra que houbo tanta intensidade como se prevía no vídeo previo ao torneo. Imaxes da habilidade perfeccionista na confección das billardas, da rivalidade polo liderato e da eficacia aplastante dos Paquete Pinchas que só deixaron a mesa!

E como xa se aproxima a 4ª xornada de liga, aquí vos vai unha foto na que queda ben claro cal é o rival a bater. Aquí temos os Paquete Pinchas dándose unha nova zampada con actitude desafiante… confían en seguir dominando a liga, pero o resto dos equipos van ir a Ponteareas mentalizados para poñer contra as cordas á tropa da Louriña aproveitando o máis que probable empacho de comida e fumes que levan enriba.

Ansiosos todos e todas xa porque chegue a 4ª xornada: será o sábado 13 en Ponteareas, organizado pola Assembleia Aberta Baiuca Vermelha. Atentos á confirmación de horario e lugar.





Exclusiva mundial: este sábado… Marín pode chegar a arder!

11 11 2008

Sen palabras…