Para quentar motores analizamos a pretempada

23 09 2008

O Torneo do Porriño está xa aí. Este sábado bota a andar a primeira tempada regular da Conferencia Sur da Liga Nacional de Billarda. Lémbrade que terá lugar ás 17:00 horas na pista cuberta do Colexio Fernández López. E xa sabemos cales son os premios que levarán os mellores, outorgados polo Concello do Porriño, que colabora na organización deste torneo. Seguindo a liña culinaria dos torneos de verán, o gañador individual recibirá un suculento xamón, ademais dun trofeo. Para o subcampión hai outro trofeo e un pequeno lote de produtos cárnicos (ou sexa, unhas latas de callos de edición especial). A mellor equipa recibirá tamén trofeo e lote de produtos cárnicos do mesmo tipo.

A LNB Sur é un campionato novo, polo que se presenta moi aberto, sen un favorito claro. Estamos seguros que ao longo dos vindeiros torneos haberá moitas sorpresas e coñeceremos nomes novos de futuras estrelas da billarda. Polo de agora, para ter unha idea de quen pode facer cousas importantes na liga, temos que botar a vista atrás e recordar o que foron os abertos que se celebraron nos últimos meses polas terras do sur… de aí podemos tirar cales poden ser as estrelas desta LNB Sur 2008-2009.

Os gañadores de torneos

Que a cousa vai estar aberta demóstrao que nos torneos que se desputaron ata agora ninguén repetiu vitoria. Seis abertos, seis gañadores.

– Josué. Xoga cos Lideiras, de Mos. Gañou o Aberto de Torroso (Mos) e demostrou clase e suficiencia a pesar da súa xuventude. Ausente dos seguintes abertos por razóns extradeportivas, a súa volta no Porriño é temida polos rivais.

– Rubén Otero. Xoga tamén cos Lideiras, de Mos. Gañou o Aberto A Nosa Terra de Pereiras (Mos). Un clásico do Sur, non fallou en ningún torneo ao que o foi convocado, aínda que tivese que percorrer centos de quilómetros nun día. Ten un golpeo duro e boa man para os varados, só lle falta gañar en regularidade.

– Alberte. Xogará no Almuinha, de Marín. Gañou o Aberto da Pataca de Xinzo de Limia. Pola súa fortaleza física e por vencer na final ao experimentado Xosé Miguel (o gladiador da billarda), podemos afirmar que estamos diante dun xogador poderoso que comandará a equipa de Marín nos vindeiros torneos.

– Chupi (Diego). Xogará nun equipo que se está formando na Louriña. Gañou o Aberto de Ponteareas, onde confirmou o que a maioría xa sabiamos: é un dos rivais a bater. Asusta a súa regularidade, pois case sempre completa as súas partidas en dous golpes, e incluso aporta algúns varados. No interparroquial de Barreiros soubemos que tamén pode ter un mal día. Chupi foi ademais finalista do Aberto de Torroso.

– Gil. Xogará nun equipo que se está formando na Louriña. Gañou o Aberto do Festival de Poesía do Condado, en Salvaterra. É unha estrela silenciosa, que sen facer moito ruído vai avanzando nos cadros para desvelar todo o seu potencial nos partidos importantes.

– No Aberto de San Xoán de Rio gañou un palanador local, Santi de Domecelle, que non participará na liga regular da LNB Sur, onde de seguro había dar moita guerra.

Os finalistas

Se a este grupo de xogadores do Sur que xa teñen algún torneo no peto lles engadimos os que chegaron a desputar finais, podemos ter unha listaxe bastante sólida de estrelas que poden despuntar na LNB Sur.

– Santi Bastos. Xoga co Culombio, da Louriña. Finalista no Aberto A Nosa Terra de Pereiras (Mos). Será o líder do seu equipo. Cando ten un bo día, resolve con eficiencia os seus encontros. A piques estivo de dar a sorpresa e superar ao experimentado Rubén Otero.

– Xurxo. Xoga co Almuinha, de Marín. Foi finalista do Aberto de San Xoán de Río. Outro xogador solvente da equipa que se formou en Marín. En Salvaterra volveu xogar a bo nivel e presenta un enorme potencial de cara a vindeiros torneos.

– Xosé Miguel. Xoga co Faísca, de Vigo. Finalista no Aberto da Pataca de Xinzo de Limia. É o palanador máis experimentado, o home ubicuo que xa xogou na Conferencia Noroeste e argallou un par de torneos polas terras de Ourense. Ten un golpeo conduntente, que foi decisivo no torneo do Xerro do Salnés. Nos últimos torneos amosouse algo irregular, pero todo apunta a que afinará máis nos que veñen agora.

– Ángel Cortaberry. Xoga co Culombio, da Louriña. Finalista no Aberto de Ponteareas. Alí deu a sorpresa ao retar en chancletas ao poderoso Chupi. A súa solvencia en todo tipo de deportes fai prever que de forma discreta saberá situarse entre os mellores da billarda.

– Manu. Xoga co Faísca, de Vigo. Finalista no Aberto do Festival de Poesía do Condado. Foi a gran sorpresa para a maioría dos que estivemos alí. Nun torneo dominado polas xentes de Mos e O Porriño, Manu acabou con todos os seus rivais con determinación e a punto estivo de proclamarse campión. Ten estilo, forza e moita proxección.

A lista de favoritos podería ser aínda moito máis ampla. Sen dúbida hai moitos palanadores e palanadoras que demostraron moi boas maneiras nestes torneos e que darán moito que falar nos vindeiros meses. Polo de pronto, xa sabemos cales son os rivais que tomar como referencia.

Advertisements




“Isto está pa min”

10 09 2008

Así de claro o tivo Gil desde o momento no que eliminou a Otero nos oitavos de final do Abertiño de Billarda do Festival de Poesía do Condado: “Isto está pa min”. Este é o clímax dunha nova e fabulosa videocreación que nos presenta Otero, o Chano Piñeiro da LNB Sur. Desta vez bailamos ao ritmo de música pimba e revivimos os mellores momentos da última cita da billarda no sur.





As fotos de Salvaterra

8 09 2008

No Foto Varal están xa as fotos do torneo de Salvaterra. Os mellores momentos do festival de golpeos que vivimos na muralla.





Gil, poeta da billarda

7 09 2008

Este sábado a fortaleza de Salvaterra viviu un dos abertos máis abertos deste verán.O I Abertiño do Festival de Poesía resultou emocionante de principio a fin, sen un favorito claro e coa vitoria final de Gil, o palanador de Pereiras (Mos).

As billardas invadiron a fortaleza. Dende ambas beiras do Miño escoitáronse os golpes dos paláns nas pinchas. Ducias de cativos (e algúns adultos) descubriron este deporte e probaron por primeira vez a súa pericia. Algúns non puideron agardar máis e lanzáronse ao posto de Novas da Galiza a mercar o seu pack de palán e billarda, tecnoloxía 100% mariñá.

Logo dun bo anaco para o entrenamento, ás cinco e pico da tarde comezou o torneo, cun total de 32 xogadores repartidos en catro grupos. No espazo de terra batida de Salvaterra concentrámonos palanadores locais e xente chegada do Porriño, Mos, Redondela, Moaña, Marín, Ourense, A Coruña… Nos primeiros enfrontamentos destacaron a solvencia de Fuco, Rubén Otero e David Cadenas, que gañaron todas as partidas dos seus grupos. Tamén sorprendeu a destreza de xogadores dos que non tiñamos referencias, como Xurxo de Marín, Eduardo e Amil. Dous palanadores presentes nas quinielas quedaron eliminados ás primeiras de cambio: Xosé Miguel, de Moaña-San Xoán de Río, e Ángel, finalista en Ponteareas, non conseguiron clasificarse para oitavos. Nesa rolda caeu Otero, outro dos favoritos, nun encontro fraticida con Gil. En oitavos caeron tamén as tres mulleres que lograron pasar dos grupos: Esme, Sara e a poeta Concha Rousía, que compatibilizou versos e billarda.

Na rolda de cuartos, Pablo Álvarez deixou fóra a Fuco, o mesmo que fixo Manu con Xurxo, Gil con Moisés e Amil con David Cadenas. En dúas semifinais moi apretadas, cos palanadores nerviosos ao ver tan cerca a final e rozar cos dedos os lotes de libros e o viño para os vencedores, Manu venceu a Pablo, e Gil acabou coas opción do debutante Amil. Chegaban á final dous palanadores que comezaran dubitativos pero que foron resolvendo con contundencia todos os encontros decisivos.

Foi unha final foi moi igualada, con dous xogadores de apariencia tranquila. O empate fixo que se tivese que volver empezar, cunha partida de prórroga. Na segunda ocasión, Gil conseguiu impoñerse e alzarse coa caixa de viño do Condado e o lote de libros do Festival de Poesía do Condado. Carlos, da S.C.D. Condado, foi o encargado de entregar os premios ao gañador e o lote de libros para Manu como segundo clasificado. En canto a equipos, o formado para a ocasión por Gil, Pablo, Amil e Fuco foi o mellor do torneo.

Parabéns para a S.C.D. Condado por este estupendo festival e por facerlle un oco á billarda. Verémonos de novo na fortaleza o ano que vén!





Abertiño do Festival de Poesía á vista!!!

3 09 2008

Este sábado temos unha nova cita coa billarda: o I Abertiño de Billarda do Festival de Poesía. En Salvaterra o son dos paláns ao bater coas pinchas pareceranos máis lírico que nunca: alí os bardos do varal loitarán para consagrarse no Parnaso dos grandes palanadores.  O Festival de Poesía chega á súa vixesimosegunda edición e alí estará a billarda… que tampouco se vende!

A cita é ás 16:00 horas no recinto das Murallas. Sós ou en equipo, Vide a pasalo ben e tentar apañar un dos premios que a modo de lotes de libros e caixa de viño do Condado dispón a organización. Podedes consultar neste mapa a localización exacta do recinto. Non tedes escusa!

Lembrade que este é o último aberto de verán antes do arranque da liga regular LNB Sur, que botará a andar o sábado 27 de setembro no Porriño. E para ir abrindo apetito para este sábado, aquí tedes o vídeo bravío que realizou Rubén Otero sobre o último torneo en Ponteareas, no que podemos ver a secuencia completa dunha tarde de pincha: diversión, emoción e a modestia do campión.





Chupi conquista Ponteareas

30 08 2008

O golpe limpo e preciso de Chupi e a súa seguridade para introducir a pincha no varal en non máis de dous lanzamentos, convertírono hoxe no gañador do I Aberto de Billarda de Ponteareas, que organizou a asociación Baiuca Vermelha. Tedes imaxes de como foi o torneo aquí.

No parque das Pombas congregáronse vinte xogadores nos que se mesturaba a experiencia de curtidos gladiadores como Otero e Xosé Miguel coa frescura de novos talentos que desde o corazón do Condado se enfrontaban por primeira vez á billarda.


Novos talentos para a billarda no Sur

Os grupos depararon sortes dispares, como a coincidencia de Chupi, Otero e Santi no que foi “grupo da morte”. Nestas primeiras partidas sorprendeu a destreza de Sebas, un mozo que sen tempo a quentar lanzouse a gañar partidas. Sebas pasou a cuartos, ao igual que Pablo Suengas, Jota, Agus (representante da xente de Marín), Chupi, Otero, Moisés e Ángel. Para as semis clasificáronse Jota e Ángel na parte alta do cadro e Chupi e Moisés na baixa. Ángel fixo valer a súa regularidade para impoñerse a Jota, mentres que Moisés caeu ante a elegancia no golpeo do de Pontellas.

Na gran final, Diego Chupito fixo valer a súa experiencia e fulminou a Ángel Cortaberry, revelación da xornada, en dous golpeos precisos que lle bastaron para introducir a pincha no varal.


O gañador e o finalista do Aberto de Ponteareas

E así foi a xornada en Ponteareas, onde os nosos anfitrións da asociación Baiuca Vermelha deron o primeiro paso para extender a billarda polo Condado. Para a próxima cita non sairemos desta comarca: será en Salvaterra o vindeiro sábado 6 de setembro ás 16:30 horas na Fortaleza, dentro do XXII Festival da Poesía do Condado.
Agardámosvos alí!





Ponteareas súmase á pincha!

28 08 2008


Atención billardeiras e billardeiros:
esta fin de semana temos un novo torneo de Billarda. Será o sábado 6 ás 18 horas no Parque das Pombas. Organízao a asociación Baiuca Vermelha co asesoramento de Xosé Miguel, que este agosto está sementando de torneos o sur de Galicia. Agardamos que este sábado nos xuntemos xente de Marín, Ponteareas, Mos, O Porriño, Vigo, Moaña… Vaise ampliando pouco a pouco a parroquia da pincha, e hai que estar preparados para o pronto inicio da tempada 2008-2009 na Conferencia Sur.

A seguinte cita no calendario será o sábado seguinte, desta vez en Salvaterra de Miño dentro da programación do Festival de Poesía do Condado. Manterémosvos informados!!!