Expedición Lacón

20 02 2008

Este domingo pasado, a Conferencia Sur presentouse en Cervo para amosar as súas cartas aos máis veteranos palanadores e palanadoras da LNB. Catro representantes da pincha do sur chantáronse no Torneo do Lacón dispostos a arrebatarlles tan suculento trofeo aos mariñáns. Otero, Fuco, Moi e a fichaxe sorpresa internacional (Alberto, de Bilbao) competiron dignamente na cuarta edición do máis veterano dos trofeos de billarda que se disputan en Galicia.

A pesar da súa inexperiencia en torneos desta categoría e a non dominar as reglas oficiais da LNB, demostraron que hai madeira para dar a talla en futuras competicións. Un dos nosos palanadores caeu na primeira rolda, nunha eliminatoria moi disputada. Outros dous quedaron apeados na segunda e un deles pasou esta rolda para caer en cuartos contra David, que ao final se proclamaría campión. O Sur existe, e na tempada 2008/2009 pode dar moitas sorpresas. Polo de agora, hai que ir preparándose para estar nas mellores condicións de cara á Copa do Salnés (en Xil, Meaño, o 27 de abril).

Pronto poremos unhas cantas fotos da expedición (na que estreamos unhas camisetas deseñadas para a ocasión por Otero e Seve). Polo de agora podedes ver en televaral este estupendo vídeo da competición, e no blog do varal unha crónica do acontecemento con algunhas fotos.