3ª xornada: collede as cachisas… volvemos a Moaña

13 10 2009

Atención palanadores e palanadoras: este mes temos ración dobre de billarda. Se no Porriño zoaron as pinchas, en Moaña van bailar as cachisas! O 2º Torneo de Cachisa de Moaña vaise celebrar este sábado 17 de outubro no IES Paralaia ás catro da tarde, organizado pola Asociación Cultural A Ghudalla. Na súa web podes atopar un mapa para non perdervos no camiño.

En Moaña volveremos poñer a proba o record de participantes nun torneo da LNB, co reto que supón para sacar un torneo adiante antes de que caia o sol. Pero tranquilos: desta volta temos pavillón. E ademais estrearemos un novo sistema de sorteo. Dado que o bombo da LNB Sur non ten máis que 90 bolas e xa se nos quedan escasas para a cantidade de participantes que somos, imos pasar do analóxico ao dixital: abandonamos o bombo e faremos o sorteo por sistema electrónico. Billarda hi-tech!

supercomputador

O enxeñeiro que deseñou o supercomputador que se usará no sorteo nunca xogou á billarda

Esta entrañable imaxe de Fuco e Fátima sacando nomes do bombo da LNB non se volverá repetir

Esta entrañable imaxe de Fuco e Fátima sacando nomes do bombo da LNB non se volverá repetir





Momentos memorables

27 10 2008

Esta fin de semana, a selección galega, a Auténtica, volveu facerse coa Copa Cantábrica, nun duelo con Asturias que resultou máis axustado que nunca. Na alineación de Galicia figuraban tres palanadores do sur: Xose Miguel, Iván e Arosa, os tres de Moaña.

E falando de Moaña, xa temos en Televaral o vídeo do aberto que desputamos o día 18. Un resume estupendo do que deu de si a segunda xornada da LNB Sur, cunha boa recua de momentos memorables e entrevistas exclusivas ao gañador (Rubén), o finalista e co-líder da liga (Agus), a primeira moza na xeral (Ana) e a equipa líder (os Paquete Pinchas).

E xa pensando no que vén por diante… lembrade que a liga continúa o 15 de novembro en Marín. Pero se vos ferve o corpo de ganas de xogar, non tedes paciencia ou queredes practicar par chegar a Marín ao 100%, o sábado 8 de novembro tedes unha oportunidade excelente en Mos. Ese día celébrase un Magosto organizado pola asociación Mos-Keo Colectivo. Será a partir das cinco da tarde, unha hora estupenda para abrir apetito de cara á enchenta nocturna: catañas, grelos, chourizos, bolos preñados… e barra libre de queimada!!! E todo coa música da Vacaloura Vermella.





A billarda cheiraba a mar

20 10 2008

En Moaña a billarda cheiraba a mar, e houbemos perder as nosas no fondo da ría! Pode que por iso a xente non se animase a soltar demasiado o brazo, e non houbo quen conseguise facer un varado. E non foi por falta de candidatos. No Morrazo presentáronse 72 xogadores que bateron un novo récord de asistencia na Conferencia Sur da LNB, e crearon dores de cabeza par conseguir argallar uns cadros para desenvolver o campionato. “Eu pensaba que chegariamos a cen participantes”, dicía Xosé Miguel, anfitrión do torneo.

O ambiente na pista de xogo, detrás da praza de Abastos, era inmellorable. Entre os xogadores e o público xuntouse un bo feixe de persoas arrredor dun campionato que non decepcionou. Fixeron falta case catro horas de xogo e uns cantos focos para coñecer o gañador. A semifinais chegaron por un lado do cadro Ana de Asemblea Aberta e Agus de Almuinha e polo outro Xosé Miguel de Faísca e Rubén de Lideiras.

Ana deu a sorpresa solventando eliminatorias con moita seguridade, e a piques estivo de acadar a final. Os 6 puntos de Moaña sérvenlle para situarse claramente como a palanadora feminina mellor clasificada. E Xosé Miguel caeu na casa ás portas da final, quizais lastrado polo exceso de traballo ao longo das últimas semanas para organizar a macrofesta da billarda en Moaña. Así que a final xogárona Agus e Rubén, nun lance emocionante no que o público arroupou aos xogadores, rodeándoos nos últimos golpes a escasos metros do varal. Ao final foi Rubén o que se levou o pato a auga, ou mellor dito, os mexillóns ao papo.

En Moaña resentáronse máis equipas que nunca, en total once. Seis repetían, pero houbo tamén cinco franquicias novas ás que lle demos a benvida: Se Foses Traballar, Treze Catorze, Moaña, Por Vir e A Revolta. Agardemos que boa parte deles continúen nos seguintes torneos, porque amosaron que veñen dispostos a dar guerra. Á hora de decidir a mellor equipa do torneo a cousa estivo moi igualada. Os debutantes Se Foses Traballar conseguiron 12 puntos, un menos que Lideiras, que obtivo 13. En cabeza houbo unha triple empate entre Paquete Pinchas, Asemblea Aberta e Almuinha, con 14 puntos. Cada equipo escolleu a súa figura no torneo para xogarse o desempate á billarda máis longa, e un golpe potente de Chupi serviulle para ofrecer un saco de mexillóns aos seus, os Paquete Pinchas.

Así rematou a festa… ou case. Á noite seguinte, os Paquete Pinchas e Rubén reuníronse para dar boa conta dos mexillóns. Os Paquete van de enchenta en enchenta (primeiro callos e xamón, agora mexillóns), ao mellor gañan uns quilos que lle dan aos demais equipos a opción de meterlles o dente e triunfar nos seguintes campionatos.

En canto ás clasificacións, na individual hai un empate na cima entre Agus e Chupi, seguidos a só dous puntos por Aníbal e Rubén Otero. Os xogadores de Almuinha, Asemblea Aberta e Paquete Pinchas copan as doce primeiras posicións, coas excepcións de Rubén de Lideiras e Xosé Miguel de Faísca. É por iso que esas tres franquicias son tamén os que mandan na clasificación por equipos: 36 puntos para Paquete Pinchas, 30 para Almuinha e 27 para Asemblea Aberta.

Esta semana houbo tamén liga no Noroeste e no Norleste. E xa se van vendo os rivais máis potentes de cara aos play-offs.

( Por certo, podedes ver as fotos do torneo en Foto Varal).





Rubén e os Paquete Pinchas, enchenta de mexillóns

19 10 2008

O Torneo de Moaña bateu un record de participación na LNB Sur: nada menos que 72 participantes nun torneo intenso que se prolongou ata tan tarde que houbo que prender a iluminación artificial. E baixo a luz dos focos triunfou Rubén Otero, o líder dos Lideiras, que se impuxo na final a Agus, de Almuinha. Pero este acadou unha boa recompensa, xa que con 14 puntos alcanza a Chupi no máis alto da clasificación individual.

O torneo de onte estivo tan igualado que tres equipos empataron como os mellores con 14 puntos: Paquete Pinchas, Almiinha e Asemblea Aberta. Para dilucidar cal foi o mellor, xogouse á billarda máis longa, e Paquete Pinchas volveron triunfar. Seguen no alto da clasificación, pero Almuinha e Asemblea Aberta séguenos de preto.

Os gañadores recibiron os seus trofeos e uns bos sacos de mexillóns. Rumoréase nos mentideiros da billarda que esta noite vai haber unha gran mexilloada en Mos na que Rubén e os Paquete Pinchas van dar boa conta dos seus premios.

Podedes consultar as clasificacións nesta páxina. Os puntos totais aparecen en negriña, ao lado o número de xornadas desputadas e nas seguintes columnas os puntos conseguidos no 1º e 2º torneo. A pista de Moaña resistiuse aos especialistas en varados, así que a clasificación de varados non se moveu.

Pronto teremos no blog a crónica do torneo, as fotos e os vídeos. Estade atentos!





Este sábado… volve a liga!

14 10 2008

E non falamos de fútbol, claro. Falamos da LNB, a Superliga de Billarda, que de novo se retomará esta fin de semana nas tres conferencias: Noroeste, Norleste e Sur. Na do Sur a cita será o sábado 18 en Moaña. O segundo campionato puntuable para a LNB Sur será un encontro festivo que fará historia: billarda, teatro e música unidas nunha auténtica festa.

A cita é ás 16 horas detrás da praza de Abastos, isto é, no centro da vila. No (improbable) caso de que chova), trasladarase o torneo ao IES Paralaia. Ás 16 horas comeza a inscrición, os entrenamentos e o sorteo de grupos, para arrancar coa competición ás 17 horas. Se xa participastes no primeiro torneo, non debedes perder a ocasión de probar de novo a vosa destreza coa billarda, seguir sumando puntos na liga e avanzar na clasificación. E se non estivestes na anterior xornada no Porriño, participade, porque aínda estades a tempo de engancharvos ao tren da liga!

E por se o torneo non fora xa motivo suficiente para achegarse a Moaña o sábado, a festa acompañarase de teatro de rúa e música. Actuarán o grupo de teatro Codia e Miolo, e o gaiteiro Xosé “o ghaiteiriño de Aldán”, que darán paso a un serán aberto a todos os que traian algún instrumento e se atrevan a tocar.

Como vedes a cousa promete. E todo isto é resultado do esforzo organizador de Xosé Miguel e os colectivos A Fouce (Moaña), Asosiación Sosiocultural Patajullos, Grupo Ecoloxista Luita Verde e Asociacións de Amizade e Solidariedade, ademais da organización da LNB. Tamén colaboran a Concellería de Deportes do Concello de Moaña, a Federación de AA. VV. de Moaña A Chamusca e as xuntas de montes de Moaña. En fin, que as organizacións sociais de Moaña están apoiando o campionato, polo que prevemos unha ampla participación e moito espectáculo!

Así que… non podes faltar ti!





A cachisa volve a Moaña

7 10 2008

Moaña ten sede de cachisa. Moaña ten ganas de que a billarda volva a rodar polos camiños. A LNB Sur ten na vila do Morrazo a segunda cita da tempada 2008-2009. E non vai ser só un torneo, vai ser unha FESTA!

O sábado 18 a partir das 16:00 horas, vaise armar unha boa detrás da praza de Abastos. alí desputarase o torneo de billarda (que en Moaña chaman cachisa). E ademais haberá teatro de rúa e música, cun convite para que todos e todas (palanadores ou non) traian os seus instrumentos para acompañar harmonicamente o troquelear dos paláns nas billardas.

O torneo de Moaña promete ser unha cita irrepetible, que vai deixar pouso… e que por agora xa ten o seu lugar propio na Rede. Preparade as vosas redes para ver se apañades o primeiro posto no Torneo de Moaña!