Cadros mixtos e fraticidas na quinibillarda de Marín

8 04 2010

Sen perder de vista todas as novas que nos depara ultimamente o audiovisual billardeiro, non deixemos de probar sorte na nova edición da Quinibillarda.

Os supersticiosos están de noraboa porque este próximo sábado capicua -10/04/10- os cadros veñen máis sorprendentes que nunca e prometen dar moito xogo.

A LNB quere romper un palán pola igualdade e achega por fin os enfrontamentos mixtos ás apostas. Ademáis desta vez figuran palanadores en pleno ascenso como Salgue(PAQ), Xan Rodiño(FAI) e Manuel(SFT), e os heroes locais Luis Enrique e Alberte que de seguro quererán lucirse diante do seu público.

Moita sorte!!

Advertisements




O Concello de Marín sanciona á A. C. Almuinha por pegar nas rúas carteis do campionato de billarda

30 01 2009

O Concello de Marín vén de sancionar con 100 euros á Asociación Cultural Almuinha por pegar carteis polas rúas da vila de Marín. Foron os carteis do campionato de billarda que en novembro celebramos na vila, organizados por unha asociación activa na súa localidade e moi implicada na LNB Sur. A Concellería de Medio Ambiente entendeu que vulneraron unha ordenanza municipal e, sen unha advertencia previa, iniciaron un expediente que desembocou o 19 de xaneiro nesta sanción.

De nada valeron as alegacións de Almuinha. Pouco importa que se tratase da promoción de actividades culturais por unha asociación social sen ánimo de lucro. Tampouco se tivo en conta que moitas outras entidades pegasen e sigan a pegar carteis nos mesmos lugares. O que é peor: o propio Concello incurriu na mesma falta, como denunciou a A. C.  Almuinha nesta interesantísima reportaxe fotográfica.

Agora Almuinha ten que afrontar unha multa que, ademais de afectar ás arcas dunha asociación con poucos recursos, supón unha decisión inxusta e un desprezo ao traballo que desenvolven en Marín. Eles querían explicar esta situación aos veciños cunha mesa informativa na porta do Pleno, pero o Concello denegoulles esa posibilidade. Aquí podedes ler íntegro o comunicado de Almuinha, con moita e moi interesante información.

O próximo domingo 8 de xaneiro terá lugar en Santiago o Aberto Nacional de Solidariedade con Palestina. Será a oportunidade de amosar tamén a solidariedade coa xente de Almuinha, para o que disporemos unha “caixa de resistencia” para quen queira colaborar para cubrir o custe da sanción. A multa será pagada enchendo unha saca con 10.000 moedas de 1 céntimo. Bo proveito aos recadadores!





Saudade da 3ª xornada e ansiedade por que chegue a 4ª

2 12 2008

Para curar a vosa saudade dese completísimo torneo que o mes pasado desputamos en Marín, aquí chega o supervídeo da 3ª xornada, que demostra que houbo tanta intensidade como se prevía no vídeo previo ao torneo. Imaxes da habilidade perfeccionista na confección das billardas, da rivalidade polo liderato e da eficacia aplastante dos Paquete Pinchas que só deixaron a mesa!

E como xa se aproxima a 4ª xornada de liga, aquí vos vai unha foto na que queda ben claro cal é o rival a bater. Aquí temos os Paquete Pinchas dándose unha nova zampada con actitude desafiante… confían en seguir dominando a liga, pero o resto dos equipos van ir a Ponteareas mentalizados para poñer contra as cordas á tropa da Louriña aproveitando o máis que probable empacho de comida e fumes que levan enriba.

Ansiosos todos e todas xa porque chegue a 4ª xornada: será o sábado 13 en Ponteareas, organizado pola Assembleia Aberta Baiuca Vermelha. Atentos á confirmación de horario e lugar.





Os Paquete Pinchas arrasan en Marín

17 11 2008

Os Paquete Pinchas arrasaron no Torneo de Marín desta fin de semana. Chegaron dispostos a levalo todo e conseguírono: campión e finalista individual, mellor equipo, xogador con máis varados e liderato nas clasificacións individual e por equipos. Tras a celebración das tres primeiras xornadas aparecen claramente como os rivais a bater… e seguro que o resto de equipos o terán moi en conta de cara a vindeiros torneos. Tremede Paquete Pinchas, que vos temos de ollo!

En Marín a equipa local aspiraba a darlle continuidade ao bo estado de forma que demostraran nas citas anteriores. Pero o esforzo organizativo para montar un torneo estupendo en todos os aspectos pasoulles factura á hora de competir. Só Agus puido asomar a cabeza nunhas semifinais copadas polos Paquete Pinchas. E é que os de Pontellas conseguiron colocar un dos seus en cada unha das eliminatorias de cuartos… e gañaron tres!

Venceu Chupi de novo

Na primeira das semifinais xogaron os ata entón co-líderes, Chupi e Agus, que se xogaban o liderato. Venceu Chupi, que ao pasar á final asegurábase permanecer líder no mes de novembro. O seu rival ía saír dunha semifinal fraticida entre Charlie e Elvis. E aínda que o primeiro colocou a billarda a escasos metros do varal no primeiro golpe, Elvis enganchou un varado espectacular que o lanzou directo á final. Era o segundo varado da xornada, o que o confirmou como xogador revelación do torneo e campión de varados do día. Na final Elvis non puido consumar a sorpresa, e caeu diante da regularidade case matemática de Chupi, que volveu triunfar coa súa sucesión de carreiras case perfectas nas que consegue marcar sempre en dous ou tres golpes.

62 palanadores

Os demais equipos quedaron ensombrecidos pola racha dos Paquete Pinchas. Tanto é así que fronte aos 28 puntos do equipo líder, Almuinha, Faísca e Culombio chegaron só aos 11 puntos, e o resto das franquicias quedaron por debaixo desa marca. En total, no Colexio da Laxe presentáronse 62 palanadores de 10 equipos, as escuadras que van protagonizar esta LNB Sur ata o final da tempadas.

Clasificacións (podedes consultalas completas nesta ligazón)

A clasificación individual está agora encabezada en solitario por Chupi (Paquete Pinchas) con 24 puntos, catro máis que o seu máis inmediato perseguidor, Agus (Almuinha). Por detrás veñen Rubén (Lideiras) con 16, Aníbal (Paquete Pinchas) con 15 e aparece xa con 11 en quinta posición Elvis (Paquete Pinchas).

Ana de Asemblea Aberta segue sendo a primeira na clasificación feminina con 8 puntos, pero logo dunha xornada na que non estivo afortunada ve como se lle achega Chus de Se Foras Traballar, que con moita regularidade acumula 6 puntos en dúas xornadas.

Por equipos, Paquete Pinchas son máis líderes que nunca cos seus 64 puntos, cunha ampla vantaxe sobre Almuinha, que ten 41. A partir de aí as cousas están apretadas, nun pelotón nos que se atopan Asemblea Aberta (34 puntos), Lideiras (29), Faísca (28), Culombio (24), Se Foras Traballar (20), Moaña (18), Branco e Negro (18) e Treze Catorze (17).

Nos varados, o liderato segue en mans de Fuco (Branco e Negro), que logrou este sábado outro varado máis e conta xa con 3. Séguenlle Santiago de Asemblea Aberta e Elvis de Paquete Pincha, con 2 varados cada un.

Como sempre, podedes ver no Foto-Varal as fotos do torneo. E estade atentos os próximos días á aparición do vídeo. E quen sabe se tamén poderemos ver as fotos da nova enchenta de Paquete Pinchas, esta vez a base de bacallau e lacón…





Lembrade: este sábado a LNB Sur chega a Marín

13 11 2008

Apuntádea no móbil, no ordenador, poñede un papeliño marelo na neveira, programade o despertador, cambiade o anel de man, escribídea a boli na man… o que queirades! Pero non vos esquezades da gran cita:

Sábado 15
16.00h
Colexio da Laxe (Marín)
3ª xornada da LNB Sur: Liga Nacional de Billarda – Conferencia Sur.





Exclusiva mundial: este sábado… Marín pode chegar a arder!

11 11 2008

Sen palabras…





Santiago gaña no Magosto de Mos coa 3ª xornada de liga á vista

10 11 2008

Este sábado moitos dos palanadores da Conferencia Sur se achegaron a Mos para desputar o aberto do Magosto, organizado pola asociación Mos-keo Colectivo. O encontro serviu para a posta a punto dos xogadores de cara á vindeira xornada en Marín. Se en Chantada estaban representadas as equipas Lideiras, Paquete Pinchas, Branco e negro, e Faisca (esta última cunha gran actuación de Viana que de non ser polo mal estado da pista teríase feito co torneo), en Mos ademais estaba xente dos Culombio, da Asemblea Aberta e da equipa Moaña. Todo o mundo quere estar en forma para a liga!

As estrelas da LNB sur enfrontaronse a una nutrida representación local, que pese a sua inexperincia lebaban a billarda no sangue, ate o punto de que Iñaki se colou na gran final e fíxose co collar de chourizos do subcampión. Cabe destacar a actuación de Raúl de Moaña e de Chupi que cairon en semifinais ou de Pablo, Arosa, Rubén  e Xose Miguel, que amosaron o seu bo estado de forma, ainda que non lles foi suficiente para resistir o forte rimo que impuxo dende o primer momento Santiago. O palanador de Asemblea Aberta tivo unha tarde sublime na que doblegou a todolos seus rivais e levou o lacón para Ponteareas, presentando así candidatura para Marín.

Podedes aceder ao FotoVaral para botarlle unha ollada as fotos do Aberto de Chantada e do Aberto do Mos-Keo.

E este só é o aperitivo para o que nos agarda esta fin de semana. A terceira xornada da LNB Conferencia Sur celébrase en Marín o sábado 15 ás 16 horas no Colexio da Laxe en Marín. Consultade no mapa o enderezo exacto.

Vai ser unha xornada cargada de emoción: Almuinha xoga en casa e tratarán de quedarse cos trofeos e de paso aasaltar o liderato por equipos. E na clasificación individual a igualdade manda e hai espazo para moitas sorpresas.

E para animar aínda máis aos xogadores, os da A. C. Almuinha de Marín xuntaron un monllo de sustanciosos premios para os vencedores: follas de bacallau, un lacón e un reloxo! E ademais uns preciosos trofeos que reproducen en forxa os paláns e as billardas. Que máis se pode pedir!