Poderío meridional

1 06 2009

Só tres semanas despois da dolorosa derrota no xerro do Salnés, sandada a base de bebidas espirituosas para esquecer o mal trago (deportivo), as xentes do sur demostraron en Conxo que non esqueceron como se xoga á billarda. Onte aproveitaron as circunstancias climatolóxicas, e nun ambiente semi-tropical aproveitaron para impoñerse aos seus compañeiros norteños (máis afeitos aos climas humidos) no Play-Off Nacional 2008-2009.

Ía calor, moita calor. O sol petaba como se o xabre do campo de fútbol de Conxo fose en realidade a area do Sahel. As tribus nómades chegaron de tres esquinas de Galicia coas billardas entre os dentes, dispostos a suar por coronarse como campións nacionais da LNB. E suar, suaron, diso podemos dar fe!

Á mañá desputouse a final feminina, na que o sur estaba representado por Diana, Ana, Fátima e Chus. As catro fixeron un bo papel, malia que Diana e Ana non conseguiron pasar a primeira rolda ao enfrontarse a dúas rivais de moita categoría: Geni e Demelsa. Chus e Fátima si pasaron e xogáronse entre elas o posto na final. Foi Fátima quen, cun xogo implacable, conseguiu a vitoria que lle permitía enfrontarse na última partida á gran favorita, Geni. E aínda que tivo na man a vitoria na primeira carreira, Geni impuxo a súa lei e Fátima tivo que conformarse cun brillante subcampionato, que como dicía algún locutor vespertino “ser subcampión é máis que ser campión”. Parabéns, Fátima!.

A finais por equipo tamén se desputou pola mañá. Furabolos e Remourelle Bulls chegaban moi preparados á gran final, mentres que os Paquete Pinchas viñan de poñer en práctica un curioso e relaxado sistema de preparación: praia e partidas de chave. Pero estaban afinados, e demostraron o seu poderío tal como fixeron ao longo de toda a liga. Chupi, Elvis e Amil gañaron as cinco carreiras que desputaron, e tamén Charlie, Pablo e Manuel apañaron unha boa chega de puntos, que lles serviron para proclamarse campións nacionais fronte a dous rivais de moita categoría aos que non deron tregua.

Pero o máis inspirado do día fixo a súa aparición pola tarde. Rubén Otero, demostrou ter o brazo máis poderoso da LNB. Primeiro no concurso de varados. En dez intentos logrou dous varados, por diante de Fuco e Markitos, que obtiveron un cada un. Ademais de Otero e Fuco, nesta final participaron polo sur Xosé Miguel e Santi, que non tiveron sorte nos seus lanzamentos.

E xa só quedaba a final absoluta, na que se decidiría quen sucedía a Markitos como campión da LNB. Polo sur tiñamos oito clasificados: Amil, Agus, Alberte e Xosé Miguel xogaron a un bo nivel, pero non conseguiron pasar da primeira rolda. Na segunda rolda houbo un enfrontamento fraticida entre Elvis e Chupi, no que caeu o primeiro. Pablo chegou ata as semifinais, onde lle tocou xogarse o pase co defensor do título. Pese a xogar a un nivel moi alto, non puido con Markitos. Noutra semifinal enfrontábanse os dous palanadores que só un mes antes se xogaran en Mos o título de campión do sur: Chupi e Otero. O dos Lideiras tiña o brazo fino, e pronto tomou vantaxe, que consolidou para colocarse na final, xunto con Markitos e Hugo, dous Billardeiros Musicais. Pero Otero estaba lanzado, e na final non cedeu un só punto: gañou as cinco carreiras e proclamouse campión. Rubén Otero, parabéns!

Advertisements




Pereiras está cerca… e Vilanova de Lourenzá tamén

16 06 2008

A Nosa Terra convócanos a xogar á pincha ou billarda este sábado 21 ás 18:30 horas en Pereiras (Mos). É unha nova oportunidade para ir perfeccionando a técnica e postularse como candidato/a a facerse cun novo lacón. Josué, que levou o de Torroso, e Chupi, que alí foi finalista, parten co favoritos, pero aumenta a lista de xogadores que van xogando cada vez mellor e aspiran á victoria.

E o domingo da fin de semana seguinte, o 29 de xuño, Vilanova de Lourenzá, na Mariña Lucense acolle o Torneo Interparroquial. Do Sur vai ir alá un equipo. Se queres formar parte da expedición, envíanos un mail a lnb-sur@gmail.com, ou ponte en contacto con Otero ou Moi. Alí compartiremos cancha con algúns dos protagonistas dos Play-Offs finais que se celebraron onte en Compostela.





Novidades polo Sur

8 06 2008

En maio choveu ata fartar, día así e día tamén: é o peor tempo posible para xogar á pincha. Só en Torroso desafiaron o mal tempo para organizar o Día das Letras un pequeno torneo dirixido aos máis pequenos da parroquia. Pero agora que xa pasou o mal tempo, volve a billarda a rodar polos camiños do Sur.

E agarrádevos, porque este mes de xuño vén cargadiño de citas importantes:

– O sábado 21 de xuño, a Asociación de Veciños A Nosa Terra de Pereiras organiza o “1º Aberto A Nosa Terra” de pincha, con premios para os mellores xogadores e equipos. Será a partir das 18:30 horas nas pistas que hai ao lado do local da asociación de veciños, con inscrición libre e gratuíta. E para pechar o torneo, teremos ás 22:00 horas a música do grupo O Son do Castelo, de Santa Eulalia (Mos). A cousa promete, e é só a primeira xornada dunha fin de semana de actividades que continuará o domingo coa charanga Apeles, comida campestre, os grupos folclóricos Nosa Terra e Trompos ós pés e as cantareiras As Zaragateiras. E o 23, noite de San Xoán con fogueira, sardiñas, viño e a charanga Os Iris. Como vedes, a pincha abrirá unha festa que promete moito!

– E a fin de semana seguinte, Vilanova de Lourenzá, no norte de Lugo, acollerá o encontro anual de todas as parroquias billardeiras de Galicia, o Torneo Interparroquial. Será o domingo todo o día, e temos que ir preparando equipo ou equipos para ir alá. Polo menos unha selección do sur, ou aínda mellor, un equipo de Mos e outro do Porriño. Hai que ir pensándoo.

– E estade atentos, porque este mes desputarase en Santiago os play-offs finais entre as conferencias Noroeste e Norleste. Será un espectáculo ao que valerá a pena asistir como público para ir facéndonos unha idea de como son e así estar máis preparados para o ano vindeiro.

Xuño, mes da billarda. Agarrade os paláns!