Lemos rompe o maleficio do organizador no aberto con máis varados

1 12 2009
  • O dos Pincharango venceu a Chupi cun varado nunha tarde na que se conseguiron 16
  • Pauliña convertiuse na primeira xogadora en facer un varado, e Ana Diz e Lorena tamén conseguiron os seus
  • Os Paquete Pinchas volven gañar e mantñense na cabeza da clasificación
  • No pavillón de Salceda as pinchas bailaron a ritmo de pimba e Sarri Sarri

Que máis dá que chova cando á sombra dun pavillón tan xeitoso como o de Salceda se pode xogar a seco e sen mollarse! Ás billardas gustoulles o terreo no que se desputou o aberto organizado polos de Pincharango, e demostrárono esvarando con soltura por unha pista rápida e propicia para saídas de campo… e varados!

Unha pista de luxo, un campión sen melenas

Caeron nada máis e nada menos que 16. Tres xogadores fixérono por partida doble: Luís Enrique (Almuinha), Darío (Pincharango) e Pinto (Faísca). E as mulleres demostraron o altísimo nivel que están acadando esta tempada cos primeiros varados con selo feminino na LNB Sur: o primeiro foi de Pauliña (Treze Catorze), á que seguiron a súa compañeira Lorena e Ana Diz (Faísca).

As tres raíñas dos varados: Ana Diz, Pauliña e Lorena

As tres raíñas dos varados: Ana Diz, Pauliña e Lorena

En total, en Salceda participaron 74 palanadores. Houbo ausencias destacadas dalgúns dos favoritos, como Otero, Xosé Miguel, Tiago e Alberte, pero os que estiveron demostraron un nivel altísimo. Os Treze Catorze meteron un feixe de palanadores en dezaseisavos, pero todos caeron axiña. A Ghudalla amosou ter varias bazas boas: Panzo meteuse en cuartos e subiu outro pouco na xeral (xa é 4º), mentres Arosa se desquitou de tres torneos horribles; foi o primeiro en chegar a Salceda e a base de entrenamento colouse nas semifinais. Con 20 puntos, o equipo de Moaña quedou a un só do mellor equipo do torneo, que volveron ser Paquete Pinchas.

Arosa, o coloso da Ghudalla

A un paso das semis quedou Celso, que este sábado liderou os Lideiras. Na xogada máis polémica do partido (e do que vai de tempada), un golpe seu pegou nun dos paus do varal e o comité arbitral tivo que decidir se o fixo por dentro ou por fóra. Ao final resolveuse que por fóra, ante o disgusto do xogador.

O reporteiro Fuco entrevista a Celso logo da xogada da polémica

Celso perdeu ante Lemos, dos Pincharango, que despois de quedar terceiro no seu grupo foi mellorando de xogo ao longo das eliminatorias e acabou por chegar en plena forma a semifinais, onde eliminou a Arosa. Polo outro lado do cadro chegaron dous Paquetes, Amil e Chupi. O ninja de Pontellas, non perdeu puntería a pesar de que cortou o pelo, e deixou fóra ao seu compañeiro de equipo. Amil acabaría terceiro e consolídase nesa mesma praza na clasificación.

Veteranía no sur: Pepe, Celso, Mucha e Sita

Á gran final Lemos chegou cheo de moral e reventou todos os prognósticos: non só gañou por primeira vez un xogador do equipo organizador, senón que o fixo ao grande: cun varado. O pavillón case cae da emoción!

Espectación no golpe que lle deu a vitoria a Lemos

Pero realmente impresionante foi comprobar o altísimo nivel que están a acadar as palanadoras, e non só a base de varados. Lorena de Treze Catorze quedou co premio á mellor muller do torneo, ao caer en cuartos diante do campión e líder do campionato: Chupi. O sábado tamén pasaron de rolda Fátima, Ana Diz, Pauliña e María da Ghudalla. Elas as cinco parecen as máis fortes desta tempada, pero non poden perder de vista a outras xogadoras que apuntan maneiras, como Lara da Ghudalla ou as veteranas Sita dos Roxos e Mucha de Lideiras, ademais de dúas das mellores do ano pasado que este ano aínda non atoparon o seu xogo: Chus de Se Foras Traballar e Ana dos Currichos.

Foto de familia de Pincharango: gran organización, gran resultado

E do torneo quedámonos tamén coa animación do público, que non perdeu nin un golpe das dúas pistas mentres palmeaba e bailaba ao ritmo da selección musical de Dj Gil. Para recrear o ambiente, que mellor que lembrar dúas das cancións máis coreadas polo graderío este sábado: o pimba de Quim Barreiros na garagem da vizinha, e o rock vasco de Kortatu celebrando a fuga de Sarri. Música!

Advertisements




Asalto ao liderato en Salceda!

26 11 2009

Xa deixamos atrás tres xornadas da liga e a clasificación mantense moi igualada. En Salceda palanadores como Luis Enrique, Amil ou Davide, entre os máis regulares do que vai de tempada, tentarán quitarlle a primeira praza a Chupi, que conta cunha marxe escasa de puntos. Por equipos, este ano seguen a dominar os Paquete Pinchas, pero non o fan coa suficiencia do ano pasado porque o resto dos conxuntos están mellor armados que nunca: Almuinha ou os locais Pincharango non se atopan demasiado lonxe do liderato.

A cita é este sábado ás 16 horas no pavillón de Salceda de Caselas, organizado por Pincharango. Meteogalicia prognostica ameaza chuvia: de ser ese o caso, xogaremos no pavillón. Se non chove, xogaremos mentres o día aguante nas pistas de terra que hai fóra.





28N Salceda

25 11 2009

Nova xornada da LNB Sur nas terras de Salceda, casa dos treze catorze pero tamén dos Pincharango, que xogara coma equipa local i encargarase de organizar o aberto. Como xa pudemos comproar o pasado ano o recinto conta con un amplo espazo exterior de xabre se o tempo acompaña, pero tamén dispón de pavillón polideportivo que se chove favorecerá aos especialistas en toque curto.

O Pasado ano venceu Alberte, o de Almuinha aspira a revalidar e así aceder os postos de play off que este ano estarán realmente desputados. Ata o momento temos varias sorpresas nestes 8 primeiros nos que se situan Panzo, L. Enrique, Manolo e Davide que tentarán afianzarse en Salceda. Por detrás deles continua todo moi apretado, ata datse o feito de que cunha vicoria podería colocarse entre os seleccionados o 46º da xeral.

No tocante a clasificación  feminina suliñar a melloria das nosas palanadoras en Moaña que agardamos continue en Salceda. Pauliña defende título pero non será doado co bo momento de forma de Ana Diz, primeira da xeral, ou Lorena que nos abraiou no Aberto de Maceda donde chegou a semifinais.

A resolución téremo-la este  Sábado as 16h

 





Rompemos o silencio: haberá aberto en novembro!

17 11 2009

Despois de máis de un mes de mutismo (case) absoluto, volve á carga o blog da LNB Sur para anunciar o que todos estabades agardando: habemus torneo en novembro.

Despexamos a incógnita: o aberto será o sábado 28 de novembro en Salceda, organizado por un dos novos equipos da liga, os Pincharango.  Así que, logo dos días de tormenta, ide secando os vosos paláns e billardas para a nova cita.

Aproveitamos para lembrar o chamado de Pablo Suengas: búscanse voluntarios para gravar imaxes en vídeo dos torneos… e amplificámolo con novas demandas: necesitamos colaboradores para tirar fotos dos torneos, axudar coa puntuación, coa arbitraxe, coa quinibillarda… a LNB precisa da túa colaboración!

O 28 de novembro volvemos a Salceda