Santiago gaña no Magosto de Mos coa 3ª xornada de liga á vista

10 11 2008

Este sábado moitos dos palanadores da Conferencia Sur se achegaron a Mos para desputar o aberto do Magosto, organizado pola asociación Mos-keo Colectivo. O encontro serviu para a posta a punto dos xogadores de cara á vindeira xornada en Marín. Se en Chantada estaban representadas as equipas Lideiras, Paquete Pinchas, Branco e negro, e Faisca (esta última cunha gran actuación de Viana que de non ser polo mal estado da pista teríase feito co torneo), en Mos ademais estaba xente dos Culombio, da Asemblea Aberta e da equipa Moaña. Todo o mundo quere estar en forma para a liga!

As estrelas da LNB sur enfrontaronse a una nutrida representación local, que pese a sua inexperincia lebaban a billarda no sangue, ate o punto de que Iñaki se colou na gran final e fíxose co collar de chourizos do subcampión. Cabe destacar a actuación de Raúl de Moaña e de Chupi que cairon en semifinais ou de Pablo, Arosa, Rubén  e Xose Miguel, que amosaron o seu bo estado de forma, ainda que non lles foi suficiente para resistir o forte rimo que impuxo dende o primer momento Santiago. O palanador de Asemblea Aberta tivo unha tarde sublime na que doblegou a todolos seus rivais e levou o lacón para Ponteareas, presentando así candidatura para Marín.

Podedes aceder ao FotoVaral para botarlle unha ollada as fotos do Aberto de Chantada e do Aberto do Mos-Keo.

E este só é o aperitivo para o que nos agarda esta fin de semana. A terceira xornada da LNB Conferencia Sur celébrase en Marín o sábado 15 ás 16 horas no Colexio da Laxe en Marín. Consultade no mapa o enderezo exacto.

Vai ser unha xornada cargada de emoción: Almuinha xoga en casa e tratarán de quedarse cos trofeos e de paso aasaltar o liderato por equipos. E na clasificación individual a igualdade manda e hai espazo para moitas sorpresas.

E para animar aínda máis aos xogadores, os da A. C. Almuinha de Marín xuntaron un monllo de sustanciosos premios para os vencedores: follas de bacallau, un lacón e un reloxo! E ademais uns preciosos trofeos que reproducen en forxa os paláns e as billardas. Que máis se pode pedir!

Advertisements




Rubén e Xosé Miguel retáronse en Chantada

3 11 2008

O poderío dos xogadores da Conferencia Sur da LNB deixouse ver esta fin de semana en Chantada. Antes de que os Real Mckenzies ruxiran no Castañazo Rock, o público puido vibrar coas habilidades de tres ducias de palanadores que se enfrontaron no primeiro aberto que se celebra na Ribeira Sacra luguesa. E ata alá foron Rubén Otero e Xosé Miguel para certificar que se atopan nun estado de forma excepcional.

The Real Mckenzies, flipando coa billarda

The Real Mckenzies, flipando coa billarda

Xa se enfrontaran nunha das semifinais do torneo de Moaña. Alí venceu Rubén, que logo se faría co triunfo final. Desta vez atopáronse na gran final, que se desputou no Bravú Arena de Chantada. E a pesar das ganas de vinganza de Xosé Miguel, de novo Otero se fixo coa vitoria, nunha final que as crónicas contan que foi igualada e emocionante, sumando dous torneos consecutivos en menos dun mes. Haberá que buscar o segredo nos mexillóns?

Tremede todos, que Rubén e Xosé Miguel van fortes para o seguinte torneo de liga, o 15 de novembro en Marín. E antes, esta mesma fin de semana, Rubén tratará de sumar outra vitoria nun novo aberto “amistoso”, desta vez en casa. Será o sábado 8 a partir das 17 horas na Carballeira de Mos.





Momentos memorables

27 10 2008

Esta fin de semana, a selección galega, a Auténtica, volveu facerse coa Copa Cantábrica, nun duelo con Asturias que resultou máis axustado que nunca. Na alineación de Galicia figuraban tres palanadores do sur: Xose Miguel, Iván e Arosa, os tres de Moaña.

E falando de Moaña, xa temos en Televaral o vídeo do aberto que desputamos o día 18. Un resume estupendo do que deu de si a segunda xornada da LNB Sur, cunha boa recua de momentos memorables e entrevistas exclusivas ao gañador (Rubén), o finalista e co-líder da liga (Agus), a primeira moza na xeral (Ana) e a equipa líder (os Paquete Pinchas).

E xa pensando no que vén por diante… lembrade que a liga continúa o 15 de novembro en Marín. Pero se vos ferve o corpo de ganas de xogar, non tedes paciencia ou queredes practicar par chegar a Marín ao 100%, o sábado 8 de novembro tedes unha oportunidade excelente en Mos. Ese día celébrase un Magosto organizado pola asociación Mos-Keo Colectivo. Será a partir das cinco da tarde, unha hora estupenda para abrir apetito de cara á enchenta nocturna: catañas, grelos, chourizos, bolos preñados… e barra libre de queimada!!! E todo coa música da Vacaloura Vermella.