2ª xornada: este sábado no Porriño… a polos 100!

28 09 2009

Cartel Pincha Out-09

A LNB Sur volve á carga este sábado 3 de outubro no Porriño. A vila do Louro está en festas, e que mellor maneira de celebralo que co II Torneo de Pincha “Festas do Cristo”. Ás catro da tarde do sábado do Re-Cristo, os palanadores e palanadoras meridionais xuntaranse no curuto máis próximo ao centro urbano: o Monte da Risca. Para atopalo, botádelle un ollo ao mapa (vén marcado en verde). Na explanada montaremos o noso peculiar Roland Garros, con tres ou catro pistas na que xogar de forma simultánea. Ollo, que se chove a cousa trasládase ao pavillón de Atios: se é así, xa vos informaremos do seu emprazamento.

O torneo organizámolo coa colaboración do Concello do Porriño, que ofrece os premios para os mellores da xornada, a base de produtos cárnicos cortesía de Coren-Frigolouro e bebidas de calidade. Coidado, que che hai moita xente con ganas de comer e beber ben… non só os que estiveron a gran altura en Redondela turrarán por levarse os premios. En Ponteareas celebrouse hai un par de semanas un torneo amistoso no que chegaron á final dous que en Redondela estiveron pouco finos: Carlos Amil dos Paquete Pinchas (que venceu o torneo) e Manuel, de Se Foras Traballar. Eles e moitos outros teñen ganas de vitoria e de porco.

Bateremos no Porriño o record de xogadores nun torneo? A cifra redonda dos 100 palanadores quédanos a tiro de pedra, e o escenario é o mellor para conseguilo. Animádevos, o premio é sustancioso, e a compañía inmellorable.





O vídeo da gran final

13 04 2008

Desde o servidor de Televaral, aquí podedes ver a emocionantísima final entre Josué e Chupi no I Aberto de Mos, na que polos puntos gañou Josué, que conseguíu o prezado lacón.





A pincha fíxose un oco en Mos

7 04 2008

A pincha volveu voar no torreiro de Torroso, en Mos. O ruído dos paláns pegando nas billardas volveuse escoitar no sur de Galicia e esta vez regresou para quedarse. Este sábado celebrouse o 1º Aberto de Mos, cun éxito de participación extraordinario: 48 participantes, nenos, nenos, mozos, mozas e algún que outro peinando as canas. Xentes de Mos, O Porriño, Vigo e outras localidades responderon á chamada da LNB. Ás 5 da tarde iniciouse ete torneo que é a primeira pedra da futura liga regular da Conferencia Sur. A destacar a presencia de moitos nenos e xente moza de Torroso, e a chegada desde Vigo de Aitor e o equipo dos Palanganas, auténticos referentes da billarda no Sur.

Baixo un son de xustiza e co hiphop da Mafia Gallega tronando no aparato de música, botou a andar o campionato En dúas pistas paralelas xogouse a primeira fase, na que os 48 participantes se enfrontaron en 12 grupos de catro persoas. Os 24 mellores (ou máis afortunados) pasaron á segunda fase, con eliminatorias directas.

A emoción foi medrando a medida que avanzaba o torneo. Na segunda fase foron caendo algúns palanadores que nos grupos previos amosaran bo tino. Seis palanadores chegaron ás semifinais: Chupi, Cristóbal e Esteban pola parte de arriba do cadro, e Fuco, Manolo e Josué na de abaixo. Ao final, Chupi e Josué chegaron á final, co público entregado a dous palanadores que apuntan maneiras de figuras da Conferencia Sur. Ao seu favor o feito de que foron os únicos que o sábado conseguiron cadanseu varado.

E a final non puido ser máis emocionante. Ambos meteron a pincha no varal no mesmo numero de golpes, polo que tiveron que desempatar ao lanzamento máis longo. Por sorteo tocoulle a Chupito comezar. Puideron os nervios e saíulle un golpe moi malo. Pero eses mesmos nervios atacaron a Josué, que tamén fixo un lanzamento malo. Ao final houbo que medir cos paláns a distancia, e por menos de medio palán impúxose Josué.

Así que, o Aberto de Mos xa ten o seu primeiro campión: Josué.

E por equipos, os que acumularon máis puntos foron A Tropa, no que xogaban Josué, Celsito, Ioli e Xaime.

Pronto teremos aquí unha ampla reportaxe fotográfica do Aberto de Mos, e agardamos que tamén un vídeo. E non esquezades que a próxima cita é a Copa do Salnés!

Moitas gracias a todos os que participastes o sábado: Álvaro, Fran, Fuco, Mariña, Chupi, Miguel, Noni, Cholo, Aitor, Adrián, Laura, Bisco, Esme, Moi, Fátima, Santi, Porto, Silvia, Diego, Merchi, Josué, Celsito, Ioli, Xaime, Chicho, Gonzalo, Xiana, Manolo, Henrique, Miguel, Esteban, Xavi, Adri, Iago, Cristian, Piollo, Anxo, Martín, Pablo, Manu, Alfonso, Teresa, Mari, Ruben, Patri, Jota, Manuel Barcia e Miguel. E gracias tamén aos que viñeron a apoiar!





Extra, extra, torneo de billarda en Mos!

4 04 2008

Os xornais de hoxe na comarca de Vigo anuncian pasmados a celebración do Aberto de Mos: recuperación da billarda, beisbol galego… Sorpresa xeral e entusiasmo!
Aquí tedes a información no Faro de Vigo e aquí na Voz de Galicia, e hai tres días xa daban conta do campionato en Vieiros, o medio máis atento á evolución da LNB. E para hoxe, entrevista en exclusiva a Rubén Otero en Onda Cero O Porriño.

Non sei se daremos collido todos mañá no torreiro de Torroso…





Todo listo en Torroso: faltan 2 días para o Aberto de Mos…

2 04 2008

O torreiro de Torroso luce desde o sábado pasado estas espectaculares banderolas que anuncian a eminente celebración do gran acontecemento da billarda no sur de Galicia: o I Aberto de Mos. A pista na que imos xogar é a que vedes na foto. Un lugar fermosos, delimitado por altos plátanos de sombra.

Neste lugar imos delimitar dúas pistas, para que unha sirva de zona de entrenamento e na outra desenvolvamos a competición. As pistas teñen unhas características singulares que Rubén Otero define perfectamente da seguinte maneira: Pista dura, de superficie lenta, rugosa. Firme irregular. A altura dos lanzamentos está condicionada polas árbores. É longa á vez que estreita. E ten un lixeiro desnivel cara a esquerda. En resumo e nas súas palabras “unha pista para estrategas!”.

Ver mapa más grande

A cita xa sabedes, este sábado 5 de abril ás 16:30. A partir das 16:00 horas faremos as inscricións e os grupos para a competición. A estas alturas descoñecemos cantos palanadores responderán á chamada para inaugurar a Conferencia Sur da LNB, pero temos xa algunhas presenzas aseguradas: estarán algúns representantes dos Palanganas, mítico equipo de Vigo que debutou hai 3 anos na LNB como único representante meridional na disputada liga da Mariña. Tamén estarán a maior parte do grupo de intrépidos que hai un par de meses realizaron o entrenamento en Pontellas no que se deu o empurrón definitivo á idea de artellar a liga no Sur. E teremos sorpresas nas inscricións, como a posible participación dun xogador cubano, auténtica conexión entre a billarda e o deporte curmán do beisbol, no que Cuba é unha das grandes potencias mundiais.

Todo isto e máis sorpresas no Aberto de Mos. E despois do espléndido exemplo do éxito do Aberto de Lugo, que amosa como a febre pola billarda se expande. Non sei que tes pensado facer o sábado, pero eu non o pensaría dúas veces… Inscríbete xa en lnb.sur@gmail.com.





Aberta a inscrición para o I Torneo de Mos de Billarda

27 03 2008

O 5 de abril ás 16:30 en Torroso, concello de Mos, viviremos un momento histórico: dará inicio o primeiro campionato de billarda da Conferencia Sur da LNB. Pr fin as pinchas voarán no sur de Galicia nunha competición oficial.

Desde xa está aberta a inscrición. Basta con enviar un email ao enderezo lnb.sur@gmail.com. E tamén vos podedes inscribir o propio día do torneo entre as 16 e as 16:15 horas. A inscrición é individual, pero os xogadores poderán ademais agruparse en equipos de 4 a 6 persoas.

Emulando aos nosos mentores do norte, o premio ao gañador individual será un lacón, acompañado dun bo mollo de grelos. Para o equipo triunfador, a recompensa será un queixo e un marmelo. Premios gastronómicos para encher o bandullo despois do esforzo.

Xogaremos coas reglas oficiais da LNB, que aos que esteades alí vos explicaremos en detalle, pero que basicamente son as seguintes: dous xogadores enfróntanse, e van golpeando a pincha (ou billarda) alternativamente para introducila entre dous paus (o varal) a uns 50 metros de distancia. O que o consiga en menos golpes é o gañador. Iremos xogando ata chegar á gran final! E os xogadores acumularán puntos para decidir cal é o equipo con maior puntuación que se proclame gañador.

A organización terá material para todos os que asistan. Aínda así, convidámosvos a que fagades o voso material: pinchas ou billardas, de entre 15 e 25 centímetros de lonxitude e rematada en punta, e paláns ou pateiros, os paus maiores cos que golpear a pincha, duns 60 centímetros de lonxitude.

E non esquezades que, por suposto, o obxectivo é pasalo ben volvendo xogar á pincha. Apuntádevos!





A pincha está viva!

13 02 2008

O pateiro pétalle nunha punta á pincha, esta érguese no aire dando voltas sobre si mesma e plac, zúscalle e sae zoando no aire… A pincha está viva!

A pincha está viva, e púidose demostrar esta fin de semana en Pontellas, onde unha ducia de entusiastas chegados de diversas parroquias da Louriña celebraron os primeiro entrenamentos preparatorios de cara á súa entrada no circuíto da LNB. Foi unha tarde moi divertida. Durante un par de horas xogamos ao xeito tradicional, por equipos, con buraco no chan e medindo a distancia. O equipo de Otero, Laura, Fátima, Róber, Fuco e Chupi venceron por 200 a 170 ao equipo que formabamos Aníbal, Ángela, Pablo, Santi, Jota e Moi. Emocionados, continuamos logo practicando coas reglas da LNB, e xa se nos botara a noite enriba cando á luz dunha farola seguiamos petándolle á billarda no torreiro de San Campio. Tanta foi a emoción que unha pequeniña delegación da Louriña viaxará esta fin de semana a Cervo para participar no Torneo do Lacón. Treme A Mariña!

A pincha esta viva, e están máis que vivos os Palanganas, que xa se puxeron en contacto connosco para reunirnos e intercambiar ideas para os tempos que veñen na febre meridional da billarda.

A pincha está viva, pronto teremos novos entrenamentos, e tamén podes vir ti!