Non volvimos de baleiro

30 06 2008

Esta fin de semana un equipo formado por xentes de Mos, O Porriño e Salceda chantouse en Celeiro de Mariñaos (Barreiros, A Mariña, Lugo) para desputar o Torneo Interparroquial de Billarda. Os rivais: seis equipos de parroquias da Mariña (Ribadeo, Celeiro de Mariñaos, Xove, Remourelle, San Cosme e Astur-Eo) e un equipo asturiano (Asturlirio). O terreo de xogo: as pistas de Celeiro de Mariñaos e Vilamar. O premio: un año mouro para o equipo vencedor. Nós asumimos a representación do Val da Louriña.

O equipo estivo formado por Otero, Chupi, Gil, Lago, Elvis, Óscar e Moisés, coa fichaxe de última hora de Camilo, de Celeiro. A mestura de “veteranía” (os que levaban tres ou catro torneos xogados) e “renovación” (os que lle pegaban á pincha por primeira vez na súa vida) non funcionou todo o ben que podiamos esperar. Quizais estabamos demasiado cansados, como se pode ver nesta foto do banquillo (atención á equipaxe oficial: un gorro colchoneiro)…

ou aínda mellor nesta outra…

Chegamos o sábado á tarde-noite para a festa de presentación, e prolongamos a noite bastante, quizais algo máis do habitual en deportistas de élite (e incluso afeccionados…). Ás nove da mañá tocaba xogar o primeiro encontro, e aínda que con media hora de retraso, aparecimos na pista dispostos a dar a sorpresa. Xogamos con Astur-Eo catro contra catro en dous grupos, e cada equipo gañou nun grupo. Pero no desempate caímos derrotados.

Como algúns xogadores estaban algo cansos despois do entrenamento nouturno, pensamos que ao que tomaramos un café e nos atopásemos máis descansados poderiamos endereitar o rumbo. Pero non foi así. O seguinte partido foi ás 13 horas e os de Ribadeo malláronnos. Eran os favoritos, todo hai que dicilo. Só nos quedaba xogar con Asturlirio, o equipo máis novato. Confiabamos en poder gañarlles, pero tamén aí nos equivocamos. Gañou un equipo en cada grupo e no desempate volvimos caer.

E así foi como con 3 derrotas e 0 victorias tivemos que xogar un desempate co equipo de Xove para ver cal era o peor conxunto do torneo. Puxemos esa responsabilidade nas mans de Óscar… e gañamos nós! (é dicir, perdimos). Fumos os últimos clasificados, e como tales conseguimos un premio, polo que non volvimos de baleiro. Trouxemos unha culler de pao, que fará boa compañía ao xerro do Salnés que si que obtivemos os do sur e que xa codician os do norte…

A final do Interparroquial desputárona Celeiro de Mariñaos e Ribadeo, e gañaron os locais, os de Celeiro. Bravo por eles e bravo pola organización de David, Xermán, Ismael e compañía, como sempre espléndida. Por certo, que de Barreiros saímos antes de que remataran a final e do resultado enterámonos polo camiño escoitando a Radio Galega. En plan Carrusel billardeiro.

Advertisements




Rubén e Os Cativos, gañadores do Torneo A Nosa Terra

24 06 2008

Este sábado Pereiras concentrou a atención da billarda no sur. Alí se celebrou o segundo campionato de pincha, logo do éxito do Torneo de Torroso. Nesta ocasión era o Torneo A Nosa Terra, que contou coa participación de máis de cincuenta xogadores.

E en Pereiras deuse algunha sorpresa. Os dous favoritos ao título, Chupi e Josué os dous palanadores que máis alto cotizaran nas apostas do Sur, non conseguiron pasar de cuartos de final. Alí lucíronse Santi e Rubén Otero, que protagonizaron unha final emocionante na que se impuxe Rubén.


O campión contento co seu lacón


A billarda xa ten o seu Nadal (nesta ocasión quedou segundo)

O partido polo terceiro e cuarto posto foi entre dous xogadores locais, e Gil conseguiu a terceira posición. Por equipos resultaron gañadores Os Cativos.


Os Cativos (un deles non tanto…)

A próxima cita, xa o sabedes, este domingo en Vilanova de Lourenzá, no Torneo Interparroquial. Alí nos esperan os mellores xogadores da Mariña e de Asturias. Apuntádevos!





Pereiras está cerca… e Vilanova de Lourenzá tamén

16 06 2008

A Nosa Terra convócanos a xogar á pincha ou billarda este sábado 21 ás 18:30 horas en Pereiras (Mos). É unha nova oportunidade para ir perfeccionando a técnica e postularse como candidato/a a facerse cun novo lacón. Josué, que levou o de Torroso, e Chupi, que alí foi finalista, parten co favoritos, pero aumenta a lista de xogadores que van xogando cada vez mellor e aspiran á victoria.

E o domingo da fin de semana seguinte, o 29 de xuño, Vilanova de Lourenzá, na Mariña Lucense acolle o Torneo Interparroquial. Do Sur vai ir alá un equipo. Se queres formar parte da expedición, envíanos un mail a lnb-sur@gmail.com, ou ponte en contacto con Otero ou Moi. Alí compartiremos cancha con algúns dos protagonistas dos Play-Offs finais que se celebraron onte en Compostela.





Novidades polo Sur

8 06 2008

En maio choveu ata fartar, día así e día tamén: é o peor tempo posible para xogar á pincha. Só en Torroso desafiaron o mal tempo para organizar o Día das Letras un pequeno torneo dirixido aos máis pequenos da parroquia. Pero agora que xa pasou o mal tempo, volve a billarda a rodar polos camiños do Sur.

E agarrádevos, porque este mes de xuño vén cargadiño de citas importantes:

– O sábado 21 de xuño, a Asociación de Veciños A Nosa Terra de Pereiras organiza o “1º Aberto A Nosa Terra” de pincha, con premios para os mellores xogadores e equipos. Será a partir das 18:30 horas nas pistas que hai ao lado do local da asociación de veciños, con inscrición libre e gratuíta. E para pechar o torneo, teremos ás 22:00 horas a música do grupo O Son do Castelo, de Santa Eulalia (Mos). A cousa promete, e é só a primeira xornada dunha fin de semana de actividades que continuará o domingo coa charanga Apeles, comida campestre, os grupos folclóricos Nosa Terra e Trompos ós pés e as cantareiras As Zaragateiras. E o 23, noite de San Xoán con fogueira, sardiñas, viño e a charanga Os Iris. Como vedes, a pincha abrirá unha festa que promete moito!

– E a fin de semana seguinte, Vilanova de Lourenzá, no norte de Lugo, acollerá o encontro anual de todas as parroquias billardeiras de Galicia, o Torneo Interparroquial. Será o domingo todo o día, e temos que ir preparando equipo ou equipos para ir alá. Polo menos unha selección do sur, ou aínda mellor, un equipo de Mos e outro do Porriño. Hai que ir pensándoo.

– E estade atentos, porque este mes desputarase en Santiago os play-offs finais entre as conferencias Noroeste e Norleste. Será un espectáculo ao que valerá a pena asistir como público para ir facéndonos unha idea de como son e así estar máis preparados para o ano vindeiro.

Xuño, mes da billarda. Agarrade os paláns!