Xosé Miguel gaña en Mos e Chupi proclámase campión da primeira tempada

6 04 2009

Un auditorio de luxo, tres pistas, unha tarde soleada, máis dun cento de persoas e unha rulot con música puxeron o ambiente para o último torneo da tempada 2008-2009 da LNB Sur: o II Aberto de Mos, que aquí podedes ver en fotos. Batemos a marca de participantes, con 78 palanadores e palanadoras en liza. E despexouse a gran incógnita sobre quen se proclamaría campión de liga. Ao final conseguiuno Chupi!

Chupi, primeiro campión da LNB Sur

Chupi, primeiro campión da LNB Sur

A vitoria no último torneo foi para Xosé Miguel, de Faísca. Era un dos favoritos, porque levaba unha boa tempada que só lle faltaba rematar cunha vitoria. Grazas aos 10 puntos que conseguiu ascendeu ata o terceiro posto na clasificación xeral. Pero a emoción estaba nos dous primeiros postos. A penas cinco puntos separaban a Rubén Otero de Lideiras de Chupi de Paquete Pinchas. Otero estivo a piques de quedar eliminado nos grupos previos. Á falta dunha carreira ía terceiro e só se clasificaban dous, pero ao final resolveu a papeleta e pasou de primeiro do seu grupo. A pesar diso e de facer dous varados esa tarde, Elvis botoulle un cabo a Chupi, o seu compañeiro de equipo, e eliminou a Otero en oitavos de final.

Xosé Miguel recibe o premio como gañador en Mos

Xosé Miguel recibe o premio como gañador en Mos

Con ese resultado, se Chupi chegaba a semifinais empataba no alto da clasificación. Pero o de Pontellas conseguiu incluso clasificarse para a final, co que se asegurou o triunfo definitivo na liga. Con este resultado, os oito xogadores clasificados para o Play-Off son:

1.Chupi (Paquete Pinchas): 42 puntos
2.Rubén Otero (Lideiras): 39
3.Xosé Miguel (Faísca): 31
4.Elvis (Paquete Pinchas): 26
5.Agus (Almuinha): 24
6.Alberte (Almuinha): 23
7.Pablo (Paquete Pinchas): 22
8.Amil (Paquete Pinchas): 21

En canto aos equipos, en Mos volveron triunfar Paquete Pinchas, que redondearon así unha tempada na que demostraron ter o equipo máis completo e equilibrado. Foron o mellor equipo en seis dos oito torneos e sacáronlle 45 puntos aos segundos, asegurándose xa a mediados de tempada ser o equipo que representa á Conferencia Sur nos Play-Off de Compostela. Faísca fixo un bo torneo en Mos, e coa vitoria de Xosé Miguel conseguiron os puntos suficientes para arrebatarlle a segunda posición a Almuinha.

As prazas da cuarta á sexta decidíronse por 2 puntos de diferencia, amosando a igualdade entre Moaña, Lideiras e Culombio. Treze Catorze, Assembleia Aberta, Se Foras Traballar e Branco e Negro completan a relación de dez equipos que participaron de forma regular nesta tempada. Así quedou a clasificación:

1.Paquete Pinchas: 128 puntos
2.Faísca: 83
3.Almuinha: 79
4.Moaña: 67
5.Lideiras: 66
6.Culombio: 65
7.Treze Catorze: 61
8.Assembleia Aberta: 57
9.Se Foras Traballar: 51
10. Branco e Negro: 34

Fátima, gañadora feminina en Mos

Fátima, gañadora feminina en Mos

A clasificación feminina non se moveu nas primeiras posicións tras o Aberto de Mos. Fátima de Culombio foi a gañadora do torneo, e consolidouse como a terceira muller mellor clasificada. Por diante dela quedaron Ana de Assembleia Aberta (segunda) e Chus de Se Foras Traballar, que fixo valer a súa regularidade para rematar primeira da liga. Na cuarta posición produciuse un empate entre Diana de Almuinha e Pilar de Se Foras Traballar:

1.Chus (Se Foras Traballar): 14 puntos
2.Ana (Assembleia Aberta): 12
3.Fátima (Culombio): 11
4.Diana (Almuinha): 8
4.Pilar (Se Foras Traballar): 8

No que toca á clasificación de varados, o torneo de Mos serviu para que Rubén Otero se distanciase máis do resto de xogadores. Con 9 varados esta tempada, situouse moi lonxe dos seus principais perseguidores: Fuco de Branco e Negro (5 varados) e Santi de Assembleia Aberta e Xosé Miguel de Faísca (4 varados cada un). Eles os catro estarán nos Play-Off:

1.Rubén Otero (Lideiras): 9 varados
2.Fuco (Branco e Negro): 5
3.Santi (Assembleia Aberta): 4
3.Xosé Miguel (Assembleia Aberta): 4

Rubén de Treze Catorze fixo un varado, pero non foi suficiente para clasificarse

Rubén de Treze Catorze fixo un varado, pero non foi suficiente para clasificarse

O torneo pechámolo cunha gala no que todos os equipos recolleron un galardón e na que os clasificados para o Play-Off recibiron os aplausos dos seus compañeiros e compañeiras de torneo. E logo houbo tempo para encher o bandullo cuns pinchos cortesía do Concello de Mos e de encher as orellas coa familia de ArrremecághonasProducións: O Leo de Matamá, o En-riquinho e O Leo i Arremecághona!!! Foi unha actuación gloriosa da turma d’O Leo, que uns días antes deixaba as súas impresións nunha entrevista en exclusiva para O Varal.

Así acabaron as billardas logo dunha tempada tan dura

Así acabaron as billardas logo dunha tempada tan dura

Pechamos así a tempada regular 2008-2009 da LNB Sur. Pero aínda hai máis:
– o Xerro do Salnés (Xil -Meaño-, 10 de maio),
– o Play-Off Nacional (Santiago de Compostela, 31 de maio),
– a Cunca Xíbara (con data e lugar aínda sen fixar)
e unha manchea de abertos amistosos (non podía ser doutra maneira) para o mes de maio:
– en Salceda de Caselas o 9 de maio (co formato tradicional)
– en Marín o 16 de maio
– en Moaña o 17 de maio.

Permanecede atent@s!

P.S.: Aquí vos deixamos a presentación dos resultados da LNB Sur 2008-09 que proxectamos na gala de Mos:





Horario do fin de festa: aberto, gala e concerto do Leo!

27 03 2009

Xa temos horario para o II Aberto de Mos, o derradeiro torneo puntuable desta tempada da LNB Sur 2008-2009, que organizamos coa colaboración do Concello de Mos. Apuntade nas vosas axendas a data do 4 de abril e reservade a tarde enteira para poder gozar da traca final da liga: aberto, gala de entrega de premios e concerto d’O Leo i Arremecághona!

Aquí tedes o programa da xornada:

16:00h. Comezo do aberto, no Multiusos das Pozas (ao aire libre).
19:00h: Remate do aberto.
19:30h. Pinchos de balde para todos os palanadores e palanadoras.
20:00h. Gala da LNB Sur, coa entrega de premios aos mellores da liga e a todos os equipos participantes.
20:30 concerto de O Leo i Arremecághona para poñer fin á tempada 2008-2009.

Entre as 19:00 e as 20:30 o Concello organiza de forma simultánea uns actos no propio Multiusos aos que estamos convidados: malabares e percusión africana.

Este é o lugar no que imos xogar e onde se entregarán os premios:

multiusosmos

Picade aquí para acceder ao mapa en GoogleMaps.





Quentando motores para a última xornada de liga

24 03 2009

O 4 de abril cerramos a Conferencia Sur da Liga Nacional de Billarda. En Mos celebraremos o último aberto puntuable da tempada, a última oportunidade de facerse cun oco no cadro de honra da LNB Sur e clasificarse para desputar o 31 de maio en Santiago de Compostela o Play-Off Nacional.

billardamos

Será o II Aberto de Mos, porque en Mos (na parroquia de Torroso) celebramos hai un ano o primeiro campionato da LNB organizado desde o sur. Estamos traballando para que a xornada do 4 de abril sexa especial. Para iso temos preparadas algunhas novidades, e outras están en proceso de maduración. Para comezar, ese día estrearemos a quiniela da billarda, un sistema de porra aberto a todo o que queira participar e que queremos estender para a próxima tempada. Hai que acertar o nome do xogador e do equipo gañadores do torneo. A aposta é de 1 euro. O gañador leva o 70% do recadado, se hai máis dun gañador o premio é a repartir. O 30% restante queda no bote para os gastos de organización. Se non hai acertante, todo queda para os gastos de organización.

A de Mos é a última xornada, polo que ao remate do torneo celebraremos a Gala da LNB Sur, na que entregaremos os premios aos mellores da tempada: o campión individual, o campión por equipos, a campioa feminina e o campión de varados. Axustade as vosas axendas para ese sábado contar cunha horiña máis para acompañar aos gañadores na entrega de premios. Estamos preparando algunha sorpresa para esa gala da que xa vos informaremos.

Nesa carreira polos primeiros postos da liga chegamos á última xornada con moitas cousas aínda en xogo. Para que esteades ao corrente de como son as opcións de cada quen, aquí vos van algunhas pistas.

Clasificación por equipos
Os Paquete Pinchas teñen máis que asegurado o campionato por equipos. Avantaxan en 43 puntos ao seguinte da clasificación, polo que poden durmir tranquilos e ir adestrando, porque eles serán os nosos representantes no Play-Off. A cousa está máis animada por detrás: Almuinha avantaxa en 4 puntos a Faísca, e entre eles xóganse rematar 2º e 3º. Para o 4º posto hai varios candidatos: Lideiras están mellor situados con 65 puntos, pero só son 3 máis que os de Culombio, 4 máis que os de Moaña, 7 máis que os de Treze Catorze e 8 máis que os de Assembleia Aberta. Se Foras Traballar, agora novenos, poden subir algún posto, mentres que Branco e Negro terá que conformarse coa 10ª praza.

Clasificación de varados
Na primeira posición sitúase moi destacado Rubén Otero (Lideiras), con 7 varados. Se non hai sorpresas, el será o campión nesta modalidade. Os seus inmediatos perseguidores son Xosé Miguel (Faísca), Santi (Assembleia Aberta) e Fuco (Branco e Negro) con 4 cada un. Moito terán que afinar se queren quitarlle o título a Rubén. Polo de agora eles ocupan as catro prazas que dan dereito a xogar os Play-Off de varados. Pero outros que veñen por detrás tratarán de clasificarse: manteñen opcións Chupi (Paquete Pinchas) e Luis Enrique (Almuinha) con 3 varados cada un, e Rubén Sabino (Treze Catorze) e Santi (Culombio) con 2 varados. En caso de que haxa algún empate pola cuarta praza, decidiremos quen se clasifica xogándoo á billarda máis longa con dúas tentativas para cada xogador.

Clasificación feminina
A emoción mantense na pugna por saber quen é a mellor palanadora da tempada. Agora mesmo encabeza a clasificación Chus (Se Foras Traballar) con 14 puntos, seguida de Ana (Assembleia Aberta) con 12 puntos. Todo apunta a que unha delas se levará o premio á mellor xogadora. En terceira posición está Fátima (Culombio) con 10 puntos, e cuarta Diana (Almuinha) con 8. Polo momento, elas son as catro clasificadas para o Play-Off. Pero a cuarta praza vai estar desputada: Pilar (Se Foras Traballar) e Ánxela (Almuinha) teñen 7 puntos cada unha e manteñen opcións. Aínda que matematicamente hai máis xogadoras con posibilidades, parece difícil que ningunha máis chegue ata os 8 puntos que (como mínimo) serían necesarios para clasificarse. En caso de haber empate pola cuarta praza, decidiríase quen se clasifica para os Play-Off cunha carreira entre as xogadoras empatadas.

Clasificación individual
Dous xogadores chegan ao final do campionato con opcións de gañar: Rubén Otero (Lideiras) e Chupi (Paquete Pinchas). Rubén ten 39 puntos, Chupi ten 35. Para mellorar a súa puntuación, Rubén ten que facer polo menos 4 puntos máis, e Chupi ten que facer 2. Cunha vantaxe de 4 puntos, as cousas pintan mellor para Rubén, pero Chupi tamén garda as súas opcións e conta cunha vantaxe psicolóxica: Otero está organizando o último torneo, e durante toda esta liga os organizadores sempre pincharon no seu propio torneo.

Estas son as opcións:
Rubén é o gañador:
– sempre que no torneo Rubén consiga os mesmos puntos ou quede por diante de Chupi;
– sempre que Chupi non chegue a semifinais.
Empate entre Chupi e Rubén:
– se Chupi cae en semifinais e Rubén cae en cuartos de final;
– se Chupi xoga (e perde) a final e Rubén cae en semifinais;
– Se xogan a final entre os dous e gaña Chupi.
Chupi é o gañador:
– se Chupi gaña o torneo e Rubén non pasa de semis;
– se Chupi xoga (e perde) a final e Rubén non pasa de cuartos;
– se Chupi chega a semifinais e Rubén non pasa de oitavos.

En resumo: para ter algunha opción Chupi ten que chegar a semifinais, e unha vez aí conseguir 2 puntos máis que Rubén para empatar ou máis puntos de diferencia para gañar. Se empatan a puntos, xogaranse o título ao mellor de tres carreiras.

Ademais do gañador, na clasificación individual decídese quen son os oito palanadores que xogarán o Play-Off. Rubén e Chupi están matematicamente clasificados. Agus (Almuinha, 24 puntos) e Alberte (Almuinha, 23 puntos) teñen a clasificación case no peto. Tamén Xosé Miguel (Faísca), que ten 21 puntos pero conseguidos en só 5 torneos. A partir da 6ª praza a cousa complícase algo máis: Pablo (Paquete Pinchas) e Elvis (Paquete Pinchas) teñen 21 puntos, e Amil (Paquete Pinchas) é o 8º con 20 puntos. E por detrás teñen xogadores con moitas opcións de arrebatarlles unha praza. Santi (Assembleia Aberta) conta con 19 puntos, e Pinto (Faísca) e Suso Diz (Faísca) teñen 17. A medida que baixamos na clasificación, as opcións de colarse entre os oito primeiros son máis pequenas, pero tecnicamente os xogadores con 11 ou incluso algúns con 10 puntos poden optar a clasificarse: só teñen que gañar en Mos!

Así de emocionante está o panorama para a última xornada. Estade atentos ao blog para informarvos dos horarios, localización e premios do torneo de Mos, e dos detalles da gala final.