Para quentar motores analizamos a pretempada

23 09 2008

O Torneo do Porriño está xa aí. Este sábado bota a andar a primeira tempada regular da Conferencia Sur da Liga Nacional de Billarda. Lémbrade que terá lugar ás 17:00 horas na pista cuberta do Colexio Fernández López. E xa sabemos cales son os premios que levarán os mellores, outorgados polo Concello do Porriño, que colabora na organización deste torneo. Seguindo a liña culinaria dos torneos de verán, o gañador individual recibirá un suculento xamón, ademais dun trofeo. Para o subcampión hai outro trofeo e un pequeno lote de produtos cárnicos (ou sexa, unhas latas de callos de edición especial). A mellor equipa recibirá tamén trofeo e lote de produtos cárnicos do mesmo tipo.

A LNB Sur é un campionato novo, polo que se presenta moi aberto, sen un favorito claro. Estamos seguros que ao longo dos vindeiros torneos haberá moitas sorpresas e coñeceremos nomes novos de futuras estrelas da billarda. Polo de agora, para ter unha idea de quen pode facer cousas importantes na liga, temos que botar a vista atrás e recordar o que foron os abertos que se celebraron nos últimos meses polas terras do sur… de aí podemos tirar cales poden ser as estrelas desta LNB Sur 2008-2009.

Os gañadores de torneos

Que a cousa vai estar aberta demóstrao que nos torneos que se desputaron ata agora ninguén repetiu vitoria. Seis abertos, seis gañadores.

– Josué. Xoga cos Lideiras, de Mos. Gañou o Aberto de Torroso (Mos) e demostrou clase e suficiencia a pesar da súa xuventude. Ausente dos seguintes abertos por razóns extradeportivas, a súa volta no Porriño é temida polos rivais.

– Rubén Otero. Xoga tamén cos Lideiras, de Mos. Gañou o Aberto A Nosa Terra de Pereiras (Mos). Un clásico do Sur, non fallou en ningún torneo ao que o foi convocado, aínda que tivese que percorrer centos de quilómetros nun día. Ten un golpeo duro e boa man para os varados, só lle falta gañar en regularidade.

– Alberte. Xogará no Almuinha, de Marín. Gañou o Aberto da Pataca de Xinzo de Limia. Pola súa fortaleza física e por vencer na final ao experimentado Xosé Miguel (o gladiador da billarda), podemos afirmar que estamos diante dun xogador poderoso que comandará a equipa de Marín nos vindeiros torneos.

– Chupi (Diego). Xogará nun equipo que se está formando na Louriña. Gañou o Aberto de Ponteareas, onde confirmou o que a maioría xa sabiamos: é un dos rivais a bater. Asusta a súa regularidade, pois case sempre completa as súas partidas en dous golpes, e incluso aporta algúns varados. No interparroquial de Barreiros soubemos que tamén pode ter un mal día. Chupi foi ademais finalista do Aberto de Torroso.

– Gil. Xogará nun equipo que se está formando na Louriña. Gañou o Aberto do Festival de Poesía do Condado, en Salvaterra. É unha estrela silenciosa, que sen facer moito ruído vai avanzando nos cadros para desvelar todo o seu potencial nos partidos importantes.

– No Aberto de San Xoán de Rio gañou un palanador local, Santi de Domecelle, que non participará na liga regular da LNB Sur, onde de seguro había dar moita guerra.

Os finalistas

Se a este grupo de xogadores do Sur que xa teñen algún torneo no peto lles engadimos os que chegaron a desputar finais, podemos ter unha listaxe bastante sólida de estrelas que poden despuntar na LNB Sur.

– Santi Bastos. Xoga co Culombio, da Louriña. Finalista no Aberto A Nosa Terra de Pereiras (Mos). Será o líder do seu equipo. Cando ten un bo día, resolve con eficiencia os seus encontros. A piques estivo de dar a sorpresa e superar ao experimentado Rubén Otero.

– Xurxo. Xoga co Almuinha, de Marín. Foi finalista do Aberto de San Xoán de Río. Outro xogador solvente da equipa que se formou en Marín. En Salvaterra volveu xogar a bo nivel e presenta un enorme potencial de cara a vindeiros torneos.

– Xosé Miguel. Xoga co Faísca, de Vigo. Finalista no Aberto da Pataca de Xinzo de Limia. É o palanador máis experimentado, o home ubicuo que xa xogou na Conferencia Noroeste e argallou un par de torneos polas terras de Ourense. Ten un golpeo conduntente, que foi decisivo no torneo do Xerro do Salnés. Nos últimos torneos amosouse algo irregular, pero todo apunta a que afinará máis nos que veñen agora.

– Ángel Cortaberry. Xoga co Culombio, da Louriña. Finalista no Aberto de Ponteareas. Alí deu a sorpresa ao retar en chancletas ao poderoso Chupi. A súa solvencia en todo tipo de deportes fai prever que de forma discreta saberá situarse entre os mellores da billarda.

– Manu. Xoga co Faísca, de Vigo. Finalista no Aberto do Festival de Poesía do Condado. Foi a gran sorpresa para a maioría dos que estivemos alí. Nun torneo dominado polas xentes de Mos e O Porriño, Manu acabou con todos os seus rivais con determinación e a punto estivo de proclamarse campión. Ten estilo, forza e moita proxección.

A lista de favoritos podería ser aínda moito máis ampla. Sen dúbida hai moitos palanadores e palanadoras que demostraron moi boas maneiras nestes torneos e que darán moito que falar nos vindeiros meses. Polo de pronto, xa sabemos cales son os rivais que tomar como referencia.

Advertisements