Análises no ecuador (I): como van os equipos

7 01 2009

Pasado o ecuador da LNB Sur, é hora de analizar as clasificacións para afrontar preparados esta segunda quenda de torneos de aquí a abril. Comezamos pois coa analise da clasificación por equipos.

Logo das dúas primeiras xornadas nas que se foron incorporando e desaparecendo varios equipos, desde a xornada terceira contamos cun número estable de dez equipos que participan constantemente nos torneos.

O mellor equipo será o campión da LNB Sur e participará nos play-offs para enfrontarse aos mellores das ligas Noroeste e o Nordeste. Ese posto correspóndelle por agora aos líderes indiscutibles, os Paquete Pinchas. O conxunto con base en Pontellas (O Porriño) acumula tres vitorias en catro torneos, e cos seus 80 puntos, lévalle 30 ao seguinte na táboa. O segredo: unha figura como Chupi e un conxunto extremadamente regular no que sempre hai outros catro ou cinco xogadores que conseguen boas puntuacións: Aníbal, Elvis, Charlie, Pablo, Amil… Non hai que esquecer que este equipo ten catro xogadores entre os oito mellores da clasificación individual.

Séguelle na táboa Almuinha. Os de Marín obtiveron nos dous primeiro campionatos moi bos rexistros e situáronse moi cerca dos Paquete Pinchas, pero nos torneos de Marín e Ponteareas non estiveron tan finos. A súa liña descendente é inversamente proporcional á liña ascendente que marcan Faísca, os seguintes na táboa só cun punto menos. Se ben comezaron bastante frouxos, nas últimas xornadas os de Vigo amosaron unha sorprendente progresión, que os levou a gañar o último torneo, disputado en Ponteareas. Agora tócalles xogar en casa, algo que polo que parece non senta ben aos equipos.

E se non que llo pregunte a Assembleia Aberta, que sofren unha pequena caída nos resultados, similar á de Almuinha. O resultado disto é que perderon un posto na última xornada e agora teñen que defender cos seus 44 puntos a terceira posición diante de Lideiras e Culombio. Lideiras suma 38 e ten como principal problema unha excesiva dependencia do seu mellor palanador: Rubén conseguiu case 2/3 deses puntos. Culombio leva 35 puntos. Logo dun inicio de tempada frustrante parece que as cousas lle van mellor nas últimas xornadas, e aspiran a seguir mellorando.

Por detrás quedan catro equipos que só xogaron tres xornadas, e a pesar diso están en condicións de subir postos e situarse máis arriba na clasificación. Moaña, Se Foras Traballar e Treze Catorze amosan bos resultados, e nos tres casos dan a impresión de que poden dar moito máis de si e que nalgún torneo dos que faltan van dar a sorpresa. Branco e Negro presenta unha liña moi irregular polos poucos xogadores que presenta en cada torneo, pero pode ter a súa oportunidade se subsana este problema.

Por debaixo do primeiro posto a clasificación está moi aberta, máis se temos en conta que só puntuarán os seis mellores resultados de cada equipo. Todo pode ocorrer!

Advertisements




Galicia – Alemaña: cita coa historia

16 09 2008

A billarda ten este sábado 20 de setembro outra cita coa historia. A selección galega, a Auténtica, enfrontarase con outra selección europea, a todopoderosa Alemaña. Ribadeo será o escenario dun novo enfrontamento internacional logo das dúas edicións da Copa Cantábrica desputadas con Asturias.

Se queres coñecer a fondo todo o relacionado co gran derby, visita O Varal, onde tes cumprida e excitante información do encontro. Ou escoita a Xermán Viluba e Aitor Rivas na Radio Galega dando conta do encontro. Alemaña xa ten convocatoria, a galega está aínda por presentar, a falta de confirmar os palanadores do sur que se unirán á selección.

E mentres agardamos por coñecer a lista de seleccionados para a lista de internacionais de Galicia, podemos xa adiantar os xogadores que formarán parte dos primeiros dous equipos confirmados na LNB Sur: Almuinha de Marín e Culombio da Louriña.

ALMUINHA: Diana, Alberte, Fram, Jurjo, Xoam, Cristian, Ajus, Helena e Ánxela.

CULOMBIO: Róber Alonso, Moi Álvarez, Santi Bastos, David Cadenas, Esme L. Castro, Ángel Cortaberry, Laura Pereira, Fátima R. Sío, Pablo Suengas e Tito.

Agardamos en breve ter a formación dos equipos que están a argallar A Faísca de Vigo, a Baiuca Vermelha de Ponteareas, e un par de conxuntos máis que se están cocendo na Louriña.