O vídeo da Copa do Salnés

1 05 2008

Aquí tedes o fabuloso vídeo que preparou Rubén Otero, o noso mellor realizador, que nesta ocasión presenta unha crónica elaborada do que foi a xornada do domingo en Xil, Meaño.

Advertisements




O Xerro do Salnés é noso!

30 04 2008

Saltou a sorpresa en Xil. O domingo 27 de abril, a Conferencia Sur obtivo unha victoria inesperada alzándose coa Copa, ou por mellor dicir, o Xerro do Salnés. Foi o colofón a unha estupenda xornada lúdico-deportiva na que correu o viño e a comida polos furanchos de Xil. Á crónica do Varal nos remitimos para dar conta da estupenda recepción que nos brindou Abel, da Taberna da Cancela.

Con certo retraso chegamos á pista das Angustias para comezar a darlle á billarda. A expedición do sur era ampla e algo desequilibrada, porque contabamos con auténticos referentes da billarda meridional (que xa amosaran a súa valía no Aberto de Torroso) e xente que ía enfrontarse a un encontro oficial por primeira vez. Sumóusenos o noso contacto beisbol-billarda directo desde Cuba, e o home que de seguro ensanchará cara ao surleste os dominios da billarda. E por fin os atrevidos de Meaño que se apuntaron a botar unha man no noso encontro co Combinado Norte, suma das forzas da Coruña e da Mariña.


Os xogadores
Así a cousa, a lista da Conferencia Sur para a Copa do Salnés estivo formada polos seguintes 25 palanadores:
Palanadores da Louriña:
– Rubén Otero
– Josué
– Chupi
– Celso
– Mucha
– Ruben Gil
– Fuco
– Ivonne
– Esme
– Moi
– Pablo Soengas
– Laura
– Pablo
– Manu
– Miguel
Palanador cubano:
– Harney
Palanador de San Xoán de Río (Ou):
– Xosé Miguel
Palanadores de Xil:
– Lino
– Camiña
– Pintos
– Salvador
– Miguel
– Elías
– José Manuel
– Manuel

E tiñamos o ánimo da nosa espectacular hinchada, chegada en boa parte desde A Louriña, ademais de contar co apoio dos afeccionados locais. A todos eles debemos a xesta de conseguir unha victoria non agardada.


O encontro
O encontro desputouse en dous grupos, con 25 carreiras en cada grupo. No grupo A o dominio do Combinado Norte foi aplastante. Gañaron todas as carreiras agás unha que obtivo Laura e outras tres que remataron en empate.
En cambio, no grupo B fraguouse a sorpresa. O Sur arrancou cun espectacular parcial de 5 a 0, que pouco a pouco se foi igualando ata dar nun 10 a 10 a falta de dúas partidas. A penúltima rematou en empate, polo que todo se decidía na última carreira. A responsabilidade no Sur recaeu en Lino, un palanador de Xil do que non tiñamos referencias, pero que nos deu a maior sorpresa posible: un varado espectacular que deixou a xogadores e público coa boca aberta e forzou o set de desempate.
Deixamos a responsabilidade do desempate nos paláns de Celso, Xosé Miguel, Chupi, Lino e Josué. Crecidos por chegar máis lonxe do que agardabamos, aínda que nerviosos por enfrontarnos a algúns dos mellores palanadores do Norte, gañamos tres carreiras e conseguimos o Xerro.


As claves
Na victoria do Sur houbo varias claves: entre as que que figuran o entusiasmo, o viño do Salnés e a tranquilidade de non ter nada que perder. Pero sobre houbo dous aspectos fundamentais. Por un lado, encadramos aos nosos mellores palanadores nun grupo para que tivesen máis opcións de gañar nel, aínda sabendo que no outro grupo iamos sufrir moito e gañar pouco, porque os xogadores do Norte tiñan moitísima máis experiencia.
E a segunda clave, que o Norte reservou a moitos dos seus mellores xogadores para os play-offs que se celebrarán en Compostela en maio. É probable que a participación dalgúns deses palanadores fixera imposible o que xa resultou para nós moi complicado. E sabemos que o ano que vén nolo porán aínda máis difícil. Tamén é certo que para entón estaremos máis experimentados, moitos dos que estabamos este domingo en Xil melloraremos a nosa técnica, e uniránsenos novos palanadores aínda por descubrir, entre os que agardamos que non escaseen futuras estrelas da pincha.

Na Rede podedes ver varias novidades da Copa Salnés cortesía da Conferencia Norleste da LNB: aquí tedes unha análise moi interesante do torneo. E no Foto-Varal hai unha selección de imaxes. Pronto colocaremos máis fotos, estas tomadas por Esme. Ademais, aquí podedes ver un completísimo vídeo de Tele-varal. Moi moi pronto teremos no noso blog outro vídeo, cortesía de Rubén Otero.

Desde aquí, unha aperta ás xentes do Norte. E lembrarlles que o Xerro agarda en Xil para o ano vindeiro… Alí estaremos!





Presentamos o Xerro do Salnés

24 04 2008

Se o tennis ten a ensaladeira de Winbledon, a LNB conta co fantastico xerro do Salnés. Unha peza de artesania capaz de saciar a sede dos exercitos de palanadores que arribarán este domingo a Meaño.

E para evitar que as tropas do norte se apoderen do Xerro do Salnes, a Coferencia Sur ten preparado un batallón defensivo liderados polos finalistas do I Aberto de Mos aos que se sumarán os nativos da comarca. Contando con este apoio popular, o sur pretende manter no seu poder recipiente que preserva o segredo da sua forza: o Albariño!





A Copa do Salnés espéranos

22 04 2008

A emoción da billarda concéntrase esta fin de semana na parroquia de Xil, en Meaño, na 1ª Copa do Salnés de Billarda. Na pista das Angustias, que aspira a converterse no Anfield da Billarda, a Conferencia Sur presentarase formalmente diante dos máis experimentados xogadores do norte. Será a nosa reválida logo do espectacular nacemento en Torroso da máis noviña (por agora) das conferencias da LNB.

En Xil presentarémonos unha ducia de palanadores e palanadoras do sur, que xunto con varios xogadores de Meaño, reclutados por Abel da Taberna da Cancela, e o apoio dos incondicionais siareiros meridionais (you’ll never walk alone), tentaremos facer un bo papel ante o Combinado Norte. Será un cara a cara intenso, por iso e para que non salten as chispas con tanta emoción, antes compartiremos mesa e mantel no restaurante O Noso Bar.

Mañá presentaremos publicamente o trofeo, que seguro que se convertirá nun dos premios máis codiciados polos palanadores de toda Galicia. Copa do Salnés: xa falta menos!





Xa están na Rede as fotos do Aberto de Mos

10 04 2008

Tardaron un pouco, pero xa están na rede as fotos do Aberto de Mos. Unha reportaxe completísima con 36 fotos que transmiten gráficamente a emoción que vivimos o sábado en Torroso.

Neste enlace podedes ver todas as imaxes.

Como vedes o Aberto de Mos deixounos imaxes para recordar.
A pincha…

Algúns golpes espectaculares (este a cargo de Chupi, o subcampión)…

A convivencia de veteranos e novatos…

O ambiente participativo…

O público da final…

O dura labor organizativo…

E Josué, o campión, celebrando con sidra a súa victoria!

E lembrade, a próxima cita en Xil (Meaño) coa Copa do Salnés. Debut da Conferencia Sur contra unha selección das conferencias Noroeste e Norleste.