Hai que roelas!!!

27 05 2010

Este ano a LNB Sur presentarase no Conxo coas mellores palanadoras da tempada, un conxunto que combina experiencia na final, Fátima subcampiona 09, con novos talentos como María, a mellor pegada da LNB, Ana Diz, moita clase, e Pauliña, a mais xenial e autora dalgúns dos golpes mais espectaculares do ano.  Bueno, e tamén vai Lorera que… é moi simpática.

Pese todo este potencial a cousa ímola ter realmente complicada, a Conferencia Norleste ven encabezada por Geni, actual campiona e primeira palanadora en ser gañadora absoluta nun aberto. Reyes que tamén ven de gañar o pasado mes o Aberto do Grelo en Compostela. Lola que non é a palanadora mais xenial pero si a de mais xenio. Isa, 3º no xerro do salnés e Sofía, de quen non temos referencias, debe salir pouco da casa.

Geni, Iolanda, Reies, Xeila e Isa

O noso espía enviado a Ribadeo mandounos un interesante informe no que advirte que as palanadoras do Norleste están adestrando a dobre xornada en pista de terra para adaptarse ao terreo do Conxo e que están probando innovacións para esta superfecie coma a “Pincha patera” chamada así pola sua forma concava e a técnica do garabullo empregada por Geni consistente en por un pequeno pau atravesado debaixo da billarda para conseguir o “efecto catapulta”.

Dende La Coru chegan Leti e Marica, moito ollo con elas, sobre todo coa primeira, que foi quen de colarse tamén na final absoluta e capitaneará aos Xarutos na final por equipos.

Por último estrenanse nas finais a Conferencia centro onde destacan Carmela e Begoña pola sua gran pegada dende a saida, a quen acompañan a irregular Iolanda, a xovencísima Sheila e Raquel, se ben esta última presenta pouco perigo.





A Quinibillarda das finais

26 05 2010

Aquí temos a última oportunidade dunhas vacacións mellores grazas aos cartos da Quinibillarda. Aqueles que veñan a Compostela que vaian estudiando os seus pronósticos, para os que non poidades estar alí non perdades a oportunidade de participar enviandonos as vosas apostas por correo electrónico.

Carlos Fabra, un experto apostante envianos os seus pronósticos:

Geni Vs Fátima: Enfrontamento entre a campiona e a subcampiona nacional, Geni chega no seu mellor momento e aspira a vencer non so no feminino senón tamén no absoluto. 1

Carmela Vs Leti: Carmela que que estivo a piques de colarse tam,en na finalabsoluta contra Leti a mellor palanadora da Coruña, que si o logrou. X

Furabolos Vs Pincharango: Os Furabolos do Pino vencedores na Conf. Centro tatarán de aproveitar a inexperiancia dos Pincharangos, malia que os de Salceda remataron a tempada moi forte. 1

Xan Rodiño Vs X. Miguel: O vexetariano abstemio contra o canibal peneque, despois do xantar Xosé Miguel co bandullo cheo de viño e LK ainda logrará paparse ao lobo de Portonovo. 2.

Sergio Vs Xermán: Sergio, músico do grupo folk emerxente Maghua rival na quinibillarda do maior rachacordas do rock galego. Mellor músico e mellor palanador, un 1.

Eric Vs Franco: Eric de 13 anos, coa ausencia de Viana, será o encargado de derrotar a Franco de 128 anos, pero a sombra do Franquísimo e alongada. 2.

Rubén Otero Vs Markitos: O Campión do 08 e o do 09 cairán ambos irremediablemente na primeira fase, X.





Poderío meridional

1 06 2009

Só tres semanas despois da dolorosa derrota no xerro do Salnés, sandada a base de bebidas espirituosas para esquecer o mal trago (deportivo), as xentes do sur demostraron en Conxo que non esqueceron como se xoga á billarda. Onte aproveitaron as circunstancias climatolóxicas, e nun ambiente semi-tropical aproveitaron para impoñerse aos seus compañeiros norteños (máis afeitos aos climas humidos) no Play-Off Nacional 2008-2009.

Ía calor, moita calor. O sol petaba como se o xabre do campo de fútbol de Conxo fose en realidade a area do Sahel. As tribus nómades chegaron de tres esquinas de Galicia coas billardas entre os dentes, dispostos a suar por coronarse como campións nacionais da LNB. E suar, suaron, diso podemos dar fe!

Á mañá desputouse a final feminina, na que o sur estaba representado por Diana, Ana, Fátima e Chus. As catro fixeron un bo papel, malia que Diana e Ana non conseguiron pasar a primeira rolda ao enfrontarse a dúas rivais de moita categoría: Geni e Demelsa. Chus e Fátima si pasaron e xogáronse entre elas o posto na final. Foi Fátima quen, cun xogo implacable, conseguiu a vitoria que lle permitía enfrontarse na última partida á gran favorita, Geni. E aínda que tivo na man a vitoria na primeira carreira, Geni impuxo a súa lei e Fátima tivo que conformarse cun brillante subcampionato, que como dicía algún locutor vespertino “ser subcampión é máis que ser campión”. Parabéns, Fátima!.

A finais por equipo tamén se desputou pola mañá. Furabolos e Remourelle Bulls chegaban moi preparados á gran final, mentres que os Paquete Pinchas viñan de poñer en práctica un curioso e relaxado sistema de preparación: praia e partidas de chave. Pero estaban afinados, e demostraron o seu poderío tal como fixeron ao longo de toda a liga. Chupi, Elvis e Amil gañaron as cinco carreiras que desputaron, e tamén Charlie, Pablo e Manuel apañaron unha boa chega de puntos, que lles serviron para proclamarse campións nacionais fronte a dous rivais de moita categoría aos que non deron tregua.

Pero o máis inspirado do día fixo a súa aparición pola tarde. Rubén Otero, demostrou ter o brazo máis poderoso da LNB. Primeiro no concurso de varados. En dez intentos logrou dous varados, por diante de Fuco e Markitos, que obtiveron un cada un. Ademais de Otero e Fuco, nesta final participaron polo sur Xosé Miguel e Santi, que non tiveron sorte nos seus lanzamentos.

E xa só quedaba a final absoluta, na que se decidiría quen sucedía a Markitos como campión da LNB. Polo sur tiñamos oito clasificados: Amil, Agus, Alberte e Xosé Miguel xogaron a un bo nivel, pero non conseguiron pasar da primeira rolda. Na segunda rolda houbo un enfrontamento fraticida entre Elvis e Chupi, no que caeu o primeiro. Pablo chegou ata as semifinais, onde lle tocou xogarse o pase co defensor do título. Pese a xogar a un nivel moi alto, non puido con Markitos. Noutra semifinal enfrontábanse os dous palanadores que só un mes antes se xogaran en Mos o título de campión do sur: Chupi e Otero. O dos Lideiras tiña o brazo fino, e pronto tomou vantaxe, que consolidou para colocarse na final, xunto con Markitos e Hugo, dous Billardeiros Musicais. Pero Otero estaba lanzado, e na final non cedeu un só punto: gañou as cinco carreiras e proclamouse campión. Rubén Otero, parabéns!