Non volvimos de baleiro

30 06 2008

Esta fin de semana un equipo formado por xentes de Mos, O Porriño e Salceda chantouse en Celeiro de Mariñaos (Barreiros, A Mariña, Lugo) para desputar o Torneo Interparroquial de Billarda. Os rivais: seis equipos de parroquias da Mariña (Ribadeo, Celeiro de Mariñaos, Xove, Remourelle, San Cosme e Astur-Eo) e un equipo asturiano (Asturlirio). O terreo de xogo: as pistas de Celeiro de Mariñaos e Vilamar. O premio: un año mouro para o equipo vencedor. Nós asumimos a representación do Val da Louriña.

O equipo estivo formado por Otero, Chupi, Gil, Lago, Elvis, Óscar e Moisés, coa fichaxe de última hora de Camilo, de Celeiro. A mestura de “veteranía” (os que levaban tres ou catro torneos xogados) e “renovación” (os que lle pegaban á pincha por primeira vez na súa vida) non funcionou todo o ben que podiamos esperar. Quizais estabamos demasiado cansados, como se pode ver nesta foto do banquillo (atención á equipaxe oficial: un gorro colchoneiro)…

ou aínda mellor nesta outra…

Chegamos o sábado á tarde-noite para a festa de presentación, e prolongamos a noite bastante, quizais algo máis do habitual en deportistas de élite (e incluso afeccionados…). Ás nove da mañá tocaba xogar o primeiro encontro, e aínda que con media hora de retraso, aparecimos na pista dispostos a dar a sorpresa. Xogamos con Astur-Eo catro contra catro en dous grupos, e cada equipo gañou nun grupo. Pero no desempate caímos derrotados.

Como algúns xogadores estaban algo cansos despois do entrenamento nouturno, pensamos que ao que tomaramos un café e nos atopásemos máis descansados poderiamos endereitar o rumbo. Pero non foi así. O seguinte partido foi ás 13 horas e os de Ribadeo malláronnos. Eran os favoritos, todo hai que dicilo. Só nos quedaba xogar con Asturlirio, o equipo máis novato. Confiabamos en poder gañarlles, pero tamén aí nos equivocamos. Gañou un equipo en cada grupo e no desempate volvimos caer.

E así foi como con 3 derrotas e 0 victorias tivemos que xogar un desempate co equipo de Xove para ver cal era o peor conxunto do torneo. Puxemos esa responsabilidade nas mans de Óscar… e gañamos nós! (é dicir, perdimos). Fumos os últimos clasificados, e como tales conseguimos un premio, polo que non volvimos de baleiro. Trouxemos unha culler de pao, que fará boa compañía ao xerro do Salnés que si que obtivemos os do sur e que xa codician os do norte…

A final do Interparroquial desputárona Celeiro de Mariñaos e Ribadeo, e gañaron os locais, os de Celeiro. Bravo por eles e bravo pola organización de David, Xermán, Ismael e compañía, como sempre espléndida. Por certo, que de Barreiros saímos antes de que remataran a final e do resultado enterámonos polo camiño escoitando a Radio Galega. En plan Carrusel billardeiro.





Expedición Lacón

20 02 2008

Este domingo pasado, a Conferencia Sur presentouse en Cervo para amosar as súas cartas aos máis veteranos palanadores e palanadoras da LNB. Catro representantes da pincha do sur chantáronse no Torneo do Lacón dispostos a arrebatarlles tan suculento trofeo aos mariñáns. Otero, Fuco, Moi e a fichaxe sorpresa internacional (Alberto, de Bilbao) competiron dignamente na cuarta edición do máis veterano dos trofeos de billarda que se disputan en Galicia.

A pesar da súa inexperiencia en torneos desta categoría e a non dominar as reglas oficiais da LNB, demostraron que hai madeira para dar a talla en futuras competicións. Un dos nosos palanadores caeu na primeira rolda, nunha eliminatoria moi disputada. Outros dous quedaron apeados na segunda e un deles pasou esta rolda para caer en cuartos contra David, que ao final se proclamaría campión. O Sur existe, e na tempada 2008/2009 pode dar moitas sorpresas. Polo de agora, hai que ir preparándose para estar nas mellores condicións de cara á Copa do Salnés (en Xil, Meaño, o 27 de abril).

Pronto poremos unhas cantas fotos da expedición (na que estreamos unhas camisetas deseñadas para a ocasión por Otero e Seve). Polo de agora podedes ver en televaral este estupendo vídeo da competición, e no blog do varal unha crónica do acontecemento con algunhas fotos.