Estase cocendo o I Aberto de Mos!

16 03 2008

A Conferencia Sur está estes días ultimando o que será o seu empurrón definitivo. Primeiro foi a xuntanza duns amigos, logo a presenza dunha delegación no Trofeo do Lacón de Cervo, e agora, antes incluso de presentarse oficialmente ao mundo participando en Meaño na Copa do Salnés, a Conferencia Sur organiza o seu primeiro torneo local para quentar motores, lograr que medre a afección, e xuntar forzas para chegar a Meaño con ganas de dar a sorpresa fronte aos experimentados xogadores do norte.

O 5 de abril poñede os vosos GPS orientados ao sur, porque esa tarde celebrarase o I Aberto de Mos!!!

O lugar está aínda sen confirmar, con varias opcións abertas. Estamos tamén facendo contactos para que o grupo dunha ducia de palanadores e palanadoras que nos xuntamos no primeiro ensaio medre considerablemente. Pronto teremos máis novidades, pero xa podedes marcar o sábado 5 de abril en vermello nos vosos calendarios.

E para ir abrindo boca, Fuco e Otero perpetraron esta gloriosa curtametraxe promocional. A psicose da pincha provoca enfermidades mentais difíciles de curar…

Sen dúbida un vídeo histórico por varias razóns: probablemente é a primeira audiovisual produción do sur de Galicia dedicada á pincha, e sen dúbida é a primeira aportación da Conferencia Sur a Televaral. Simplemente, espeluznante.





Os precursores

26 01 2008

A Rede xa se fai eco desta andaina que comeza. Por aquí, por alí e por máis alá danlle a benvida a esta aventura que a LNB trata de poñer en marcha polo Sur. A cousa está collendo corpo, fainos falta que máis xente coma ti se anime a participar neste gran acontecimento.

E enleados nestas lides de poñer en marcha o campionato polas terras do Sur, é bo momento para saudar aos Palan-ganas, os auténticos precursores da Liga Nacional de Billarda na zona de Vigo. Hai dúas tempadas implicáronse activamente xogando regularmente na liga da Mariña. Agardamos que recuperen ese equipo de nome e logo tan apropiados para achegar experiencia e bo saber ao campionato que pronto pariremos. Esperámolos!





Por unha liga de billarda tamén no sur!

24 01 2008

A billarda rexurde en Galicia. Desde as terras da Mariña deron o primeiro golpe: a billarda está aí e é un deporte moderno. Crearon a liga galega, a LNB. Medra a afección, consolídanse os equipos. A febre esténdese como a pólvora polo país. Xa contaxiou aos da Coruña e agora prende no sur. É a nosa hora!

Co entusiasmo debido e coa ilusión de facernos grandes co deporte ao que tanto lle pegamos de cativos, unímonos á LNB. Estamos traballando para crear unha conferencia no sur de Galicia. Por agora preparámonos para estrenarnos nun campionato que terá lugar en abril en Xil (Meaño), pero con vistas a que na tempada 2008-2009 arrinque a nosa liga.

Así que se andas pola metade sur do país e de pequeno lle dabas á billarda (ou estornela, pincha, etcétera), se queres recuperar a puntería que tiveches ou es novo nestas faenas pero cres que tes futuro neste deporte de raíces tradicionais pero rabiosamente moderno, ponte en contacto connosco.

E a darlle á pincha!