14F: Budiño prepárase para o entroido a golpe de palán

11 02 2009

(CARTEL DE PRESENTACI323N.cdr)

Logo da intensa xornada de aberto o domingo pasado en Santiago, volve a liga á LNB Sur coa sexta xornada de liga, desta volta en Budiño. A Asociación Cultural A Forna organiza un torneo que se disputará este sábado 14 de febreiro a partir das 16 horas na pista de futbito da Forna. Parece que desta vez o tempo vai acompañar e poderemos xogar ao aire libre. Se chove, a cita será no pavillón do Colexio Público Cruz-Budiño. Cos estupendos planos que preparou Amil non vos perderedes:

A FORNA.cdr

a-forna-03

A xornada promete ser apaixonante. A clasificación está aínda moi aberta, e se ben parece que son poucos os que están en condicións de loitar polo primeiro posto da liga, o abano de palanadores e palanadoras en disposición de clasificarse para os play-offs é moi grande.

Lembrade que nos play-offs xogarán os mellores das tres conferencias para obter o título de campión absoluto da Liga Nacional de Billarda. Para clasificarse hai que rematar entre os oito primeiros da liga, posto que agora comparten Pinto e Charlie. Pero o campión de cada torneo obtén 10 puntos, e hai case medio cento de xogadores e xogadoras que se atopan a 10 puntos ou menos do oitavo posto. A clasificación está moi aberta e pode dar moitas voltas, confiade nas vosas posibilidades!

E para animarvos a empregarvos a fondo en Budiño, a A.C. A Forna preparou uns premios suculentos, propios do entroido que xa chega. Seguindo a tradición culinaria dos trofeos da LNB, os galardóns serán a base de pezas para facer un bo cocido e pan do Porriño. Hai premios reservados para o campión e o subcampión, o mellor equipo, a muller mellor clasificada, e (dado que o torneo cae en 14 de febreiro) un premio á mellor parella.

Vémonos en Budiño!





Sorpesa en Ponteareas: Pinto e Faísca vencedores

14 12 2008

Na cuarta xornada saltou a sorpresa en Ponteareas. Os de Faísca de Vigo chegaron dispostos a plantarlle cara a Paquete Pinchas e conseguiron doble premio: impuxéronse con autoridade como mellor equipo e un dos seus, Pinto, deixou a todos coa boca aberta ao vencer a Chupi na final do segundo torneo que desputaba.

Pinto, o gañador en Ponteareas. (A imaxe é de arquivo, tomada en Marin)

Pinto, o gañador en Ponteareas. (A imaxe é de arquivo, tomada en Marín)

O sábado pola mañá en Ponteareas non había onde aparcar, uns din que pola feira, outros que polo torneo de billarda, correspondente á cuarta xornada da LNB Sur. O pavillón do parque das Monxas deunos refuxio nun día húmido, no que non fixeron acto de presenza as tales relixiosas pero si unha tromba de auga que retumbou na chapa do pavillón como se milleiros de billardas fosen golpeadas a un tempo.

Dentro practicaban 56 palanadores dos 10 equipos que regularmente están participando nesta liga. Examinaban unha pista lisa, estreita e bastante curta, que logo se revelaría como idónea para marcar varados. Xogamos a xornada partida, polo que a mañá foi o turno para os partidos dos grupos, que desputamos a dúas canchas. Da mañá quedámonos co inicio intimidador de Chupi, con dous varados consecutivos, aos que desde a pista do lado respondeu Santi de Culombio con outros dous. Máis xentes sumouse á festa dos varados, entre eles Fuco, que demostrou como se pode render a altísimo nivel aínda con muletas e unha lesión de menisco.

A mañá deixou como resultado 32 clasificados para dezaseisavos, rolda na que todos os equipos estiveron representados. Pero o inicio das partidas eliminatorias tivo que agardar ata a tarde. No medio un cocido no local social Baiuca Vermelha esperaba aos xogadores. Cocido, viño, café, licor café… algún destes ingredientes (ou a mestura de todos) fixo efecto en varios xogadores que á tarde variaron o seu rendemento, nuns casos para ben, noutros para mal.

A pesar da inxesta de destilados polo xeral os palanadores amosaron que o nivel da LNB Sur medra xornada a xornada. En dezaseisavos caeu Agus de Almuinha, os representantes que quedaban de Se Foras Traballar e boa parte dos Paquete Pinchas. En dezaseisavos vimos duelos fraticidas como o de Rubén e Celso de Lideiras, no que o fillo non tivo piedade do seu pai e preferiu a vitoria a garantir un bo cacho na herdanza. Ou o enfrontamento entre os Treze Catorze David e Fernando, que marcaron un varado cada un e tiveron que recorrer ao desempate, no que se impuxo o segundo. Só unha moza pasou esta rolda: Fátima de Culombio, que caería en oitavos, pero á que ninguén arrebataría xa o premio á mellor xogadora feminina do torneo.

Da rolda de oitavos saíron os oito mellores do torneo, con predominio de tres escuadras con dous xogadores cada unha: Paquete Pinchas (Chupi e Charlie), Faísca (Manu e Pinto) e os sorprendentes Panzo e Chuki de Moaña, que chegaron a esta rolda logo de clasificarse nos grupos na repesca. Completaron o cadro Pablo de Culombio e Rubén de Lideiras.

Os Faísca desfixéronse de Pablo e Chuki nos seus compromisos (Pinto conseguiuno cun varado certeiro) e tiveron que desputarse entre eles un posto na final. A Pinto non o intimidou a maior experiencia do seu compañeiro de equipo (subcampión do Aberto da Poesía do Condado) e conseguiu chantarse na finalísima.

Polo outro lado do cadro Chupi acabou coas opcións do seu compañeiro de equipo Charlie, mentres Rubén conseguía o seu segundo varado do día e deixaba fóra a Panzo. A semifinal entre Chupi e Rubén caeu do lado do líder da liga, que chegaba así á súa terceira final nas catro xornadas que van de liga.

Pero a súa regularidade espectacular, a súa experiencia e o seu liderado incontestable na clasificación individual non foron suficientes para vencer a un Pinto crecido e arengado polo conxunto do equipo. O dos Faísca conseguiu a vitoria, que tamén gozou o equipo completo como mellor conxunto da xornada.

O torneo foi tamén un éxito para Assembleia Aberta, que se ben no deportivo non tiveron o seu día, si triunfaron na organización do campionato. A próxima cita será o 10 de xaneiro en Vigo. Faísca está xa organizando ese torneo no que serán os anfitrións e terán que loitar coa mala sorte que na liga está a acompañar aos equipos que xogan en casa, poida que por estar máis pendentes de organizar que de xogar.

Consultade como quedan agora as clasificacións. Xunto á posición de cada xogador/equipo na liga aparece un + cando subiu postos e un cando baixou postos respecto á xornada anterior.





Mañá chove, hai que manter as billardas enxoitas!

12 12 2008

Di Meteogalicia que mañá vai chover, pero a mal tempo boa cara! Na LNB sempre estamos preparados para a chuvia, para poder manter as billardas secas e golpealas sen empaparnos.

Así que poremos en marcha o plan B que xa tiña preparada a Assembleia Aberta do local social Baiuca Vermelha e o campionato trasládase ao pavillón do parque das Monxas. Aquí podedes ver nun mapa onde queda.

O horario mantense: inscrición a partir das 11 e comezo do campionato ás 12, para rematar pola tarde. No medio hai tempo para comer e quen queira pode apuntarse ao cocido no local de Baiuca Vermelha. Para iso é mellor anotarse mandándolle un mail a aabaiucavermelha@gmail.com.

Vémonos mañá!





Este sábado, sesión doble en Ponteareas

9 12 2008

Este sábado 13 de decembro volve a liga da Conferencia Sur da LNB cun novo torneo en Ponteareas. Organiza a Assembleia Aberta do Local Social Baiuca Vermelha e nesta ocasión porase en marcha un formato novo, con horario de mañá e tarde e xantar no medio.

A convocatoria é ás 11 da mañá co incio das inscricións, para comezar a xogar ás 12. Xogaranse os partidos correspondentes aos grupos antes da hora de plantar para comer ás 15 horas. Sobre as 17 h. está previsto reanudar a competición xogando as eliminatorias e a gran final.

O torneo desputarase no colexio Fermín Bouza Brey. En caso de chuvia, trasladarase ao pavillón do parque das Monxas.

No Local Social Baiuca Vermelha haberá un xantar popular por 8 euros, que constará de cocido, pan, viño, sobremesa, cafés e licor café. Se vos queredes anotar no xantar, poñédevos en contacto canto antes coa xente da Assembleia Aberta no correo aabaiucavermelha@gmail.com.

Non vos perdades esta nova ocasión de darlle ao pateiro. A cuarta xornada pode ser a boa, esperámosvos alí!

pateiro