Vén bailar a Bueu

13 01 2010

Ao pavillón de Beluso, en Bueu, este sábado ás catro da tarde vénse a xogar á billarda. Pero se queres, tamén podes vir bailar. A iso te convida Xosé Manuel Gayoso, que nos enviou desde o Luar este vídeo do concurso “Vai de baile”. Por agora Gil e Viana encabezan a clasificación de bailadores, pero Gayoso & troupe esperan novas propostas saídas das cadeiras dos noso palanadores e palanadoras. Anímate!

Para os que non gostedes do dancing, Beluso segue a ser unha cita imprescindible. Ao I Aberto de Bueu chegamos con Chupi algo escapado na clasificación individual. Xa é campión de inverno, pero os seus perseguidores non llo van poñer fácil para o que queda de tempada. Por detrás están apreta Luis Enrique e o resto están bastante igualadados: hai moitos billetes en xogo para quen queira entrar nos Play-Offs. Tamén está a cousa aberta por equipos (que non se despisten os Paquete Pinchas), varados (con duelo clásico entre Chupi e Otero na cabeza) e na feminina (liderada con solvencia por Ana Diz, pero cun feixe de candidatas detrás).

Para que non vos perdades, neste enlace podedes ver un mapa coa ruta para chegar ao pavillón de Beluso. Clica á esquerda en “como chegar” e amosarache o camiño entre a ponte de Rande e Beluso.

E para quen vexa que non ten un talento especial para bailar e tampouco para darlle á billarda, aínda lle quedan as apostas. En Bueu repetimos quinibillarda no modelo estreado no último torneo de Mos. Ide remexendo os miolos pra poder predicir o resultado destes novos emparexamentos e acadar o primeiro pleno na historia da Quinibillarda.

Desta vez o sorteo deparounos impactantes enfrontamentos con cadros fracticidas nos que haberá que fiar fino, e que poden presentar máis sorpresas e por tanto máis variantes que na pasada xornada (lembrar que en cada cadro sitúase como caseiro o mellor clasificado). Podedes levar as vosas quinibillardas xa confeccionadas ou completalas o mesmo sábado antes da competición. A xogar! En beneficio de tod@s!