Conta atrás: 3, 2 1… Budiño!

2 04 2011

En Budiño comeza a conta atrás da LNB sur, os últimos tres abertos da tempada, polo que entramos nas xornadas de mellora. Lembremos que son 12 xornadas das cales puntuarán as 9 mellores.

Análise das clasificacións de cara o triunfo na LNB Sur e cara as Finais Nacionais:

A loita polo título por equipos parece cousa de dous: Bateas e Paquete Pinchas, os de Portonovo mandan na xeral por un escaso marxe, mentres que os de Porriño teñen un calendario favorable dado que restan menos puntos. As espadas por todo o alto.

Por detrás aparecen con forza Branco e Negro Millenium, os históricos Almuinha, e o equipo emerxente, a sorpresa da tempada, Treze-catorze. Necesitan facer un sprint final espectacular para facerse co título, pro deberán competir  entre sí por unha praza para as finais nacionais en Conxo., Culombio, Pincharango, A Ghudalla, e Se Foras Traballar tentaran estrearse, e Lideiras Currichos  e  Faisca repetir victoria nas xornadas restantes.

A victoria en individual apunta a Xose Rodiño, pero quedan aimda 30 puntos en xogo e dos seus inmediatos seguidores, os irmáns Salgueiriño e Chiwi, dous teñen duas xornadas menos puntuadas. Detrás situase Xan así que ollo as tacticas de equipo entre irmáns.

Os postos de aceso as finais nacionais son nesta xornada para Otero, Luis, Gil, Elvis, Manu Faisca, Fuco, e Rubio pero a ventaxe é mínima e sinten o alento dos seu perseguidores na caluga.

O grupo de aspirantes está copado por grandes xogadores, campións nalgún aberto ou con experiencia en finais nacionais: Pablo, Amil, luis Enrique, Davide, Tiago, Alberte, Santi, Lemos,Oscar, Darío,josé otero, Ivan,Luis, Moi , Jacobo ou Xurxo.

Entremedias as positivas aparicións de David con so seis participacións e Pinto e Viana con catro que se plantan con moitas opcións. Cara, Penkas, Manuel, Luis Caminha, Angel Otero, Rober e Cristian apurarán as suas opcións de desbancar os favoritos. O resto de palanadores quédanos loitar por unha victoria parcial, puntuar para o equipo e colaborar nas estratexias.

A loita será feroz  no feminino para acadar o primeiro posto, a regularidade de Iola contra a xenialidade de Paulinha. Mentres Mucha,  Fátima e Anxela compiten polo último chanzo do podio e tratan de manter o seu billete para Compostela.

Entre as aspirantes a unhas das prazas para as finais nacionais atópanse Ana, Chus, Diana e María, todas elas con experiencia nestas lides, ademais de Palmira, Maika, Paula, Rebeca, Lorena, Esme, Luzia, Geni, Ana, laura ou Sandra manteñen opcións debido ao apertadas que están puntuaciós, xa que están situadas  a unha distancia que poden salvar nun so aberto.

En Varados temos empate entre o MVP da tempada, Chiwi e e o actual campión, Otero. O de Salceda tratará de arriscar buscando varados no final de tempada pero cun ollo posto na xeral individual. Buscando unha prazan para Conxo, Chupi, Penkas, Xan e Xose Rodiño, e Viana fan tablas con 4 varados. Pero esta e unha disciplina na que un bo día pode catapultar a calquer palanador  aos postos de privilexio. Se Malik Viana fixo 4 varados nun aberto ¿quen non vai ser capaz de facelos?





Análises no ecuador (II): así vai a clasificación individual

8 01 2009

Transcorrida a metade do campionato, parece claro que Chupi dos Paquete Pinchas é o rival a bater. Venceu en dous dos catro torneos disputados e foi finalista noutro, o que o sitúan á fronte da clasificación con dez puntos sobre os seus principais perseguidores. A súa baza é a gran regularidade, de modo que case sempre resolve as súas partidas en dous ou tres golpes.

Hai un aspecto fundamental para botar as contas da clasificación: lembrade que só van puntuar os 6 mellores campionatos de cada quen, así que como quen di os xogadores teñen a posibilidade de fallar dúas veces.

Os seguintes na clasificación son Agus de Almuinha e Rubén de Lideiras, con 22 puntos. Se ben non tan regulares como Chupi, amosaron en varias ocasións a súa capacidade competitiva e a súa destreza. Agus non acostuma fallar e Rubén ten unha gran potencia de lanzamento. Hoxe por hoxe parecen os dous únicos en condicións de alcanzar a Chupi.

Por detrás hai un bo número de xogadores que amosaron boas maneiras. A clasificación aprétase por debaixo dos 15 puntos de Aníbal dos Paquete Pinchas. Elvis e Charlie do mesmo equipo e Pinto de Faísca suman 13, Abrám de Assembleia Aberta e Pablo de Culombio chegan aos 11, e Fuco (Branco e Negro), Manu (Faísca), Santiago e Ana (Assembleia Aberta) teñen 10, e hai moitos xogadores con 9, 8, 7 puntos… A lista de xogadores aspirantes a rematar entre os oito primeiros é ampla e nese aspecto a liga está aberta a todo tipo de sorpresas. Polo seu rendemento nalgúns campionatos hai que ter moi en conta a Xosé Miguel (Faísca), Panzo, David e Chuki (Moaña), Amil (Paquete Pinchas), etc. E hai xogadores que aínda non destacaron na liga pero si fixeron bos campionatos na pretemporada: Alberte (Almuinha), Santi (Culombio), Josué…

En total, máis de 120 xogadores e xogadoras participaron por agora na LNB Sur, dos cales 65 fixérono en máis dunha ocasión e contan xa como fixos da liga. E con catro torneos por diante, todos e todas terán a súa oportunidade de se clasificaren.

Lembrade que a LNB Sur só terá un campión… pero os oito primeiros clasificados participarán no Play-Off final, enfrontándose aos mellores do noroeste e o nordeste, e de aí sairá o campión absoluto da Liga Nacional de Billarda.





Análises no ecuador (I): como van os equipos

7 01 2009

Pasado o ecuador da LNB Sur, é hora de analizar as clasificacións para afrontar preparados esta segunda quenda de torneos de aquí a abril. Comezamos pois coa analise da clasificación por equipos.

Logo das dúas primeiras xornadas nas que se foron incorporando e desaparecendo varios equipos, desde a xornada terceira contamos cun número estable de dez equipos que participan constantemente nos torneos.

O mellor equipo será o campión da LNB Sur e participará nos play-offs para enfrontarse aos mellores das ligas Noroeste e o Nordeste. Ese posto correspóndelle por agora aos líderes indiscutibles, os Paquete Pinchas. O conxunto con base en Pontellas (O Porriño) acumula tres vitorias en catro torneos, e cos seus 80 puntos, lévalle 30 ao seguinte na táboa. O segredo: unha figura como Chupi e un conxunto extremadamente regular no que sempre hai outros catro ou cinco xogadores que conseguen boas puntuacións: Aníbal, Elvis, Charlie, Pablo, Amil… Non hai que esquecer que este equipo ten catro xogadores entre os oito mellores da clasificación individual.

Séguelle na táboa Almuinha. Os de Marín obtiveron nos dous primeiro campionatos moi bos rexistros e situáronse moi cerca dos Paquete Pinchas, pero nos torneos de Marín e Ponteareas non estiveron tan finos. A súa liña descendente é inversamente proporcional á liña ascendente que marcan Faísca, os seguintes na táboa só cun punto menos. Se ben comezaron bastante frouxos, nas últimas xornadas os de Vigo amosaron unha sorprendente progresión, que os levou a gañar o último torneo, disputado en Ponteareas. Agora tócalles xogar en casa, algo que polo que parece non senta ben aos equipos.

E se non que llo pregunte a Assembleia Aberta, que sofren unha pequena caída nos resultados, similar á de Almuinha. O resultado disto é que perderon un posto na última xornada e agora teñen que defender cos seus 44 puntos a terceira posición diante de Lideiras e Culombio. Lideiras suma 38 e ten como principal problema unha excesiva dependencia do seu mellor palanador: Rubén conseguiu case 2/3 deses puntos. Culombio leva 35 puntos. Logo dun inicio de tempada frustrante parece que as cousas lle van mellor nas últimas xornadas, e aspiran a seguir mellorando.

Por detrás quedan catro equipos que só xogaron tres xornadas, e a pesar diso están en condicións de subir postos e situarse máis arriba na clasificación. Moaña, Se Foras Traballar e Treze Catorze amosan bos resultados, e nos tres casos dan a impresión de que poden dar moito máis de si e que nalgún torneo dos que faltan van dar a sorpresa. Branco e Negro presenta unha liña moi irregular polos poucos xogadores que presenta en cada torneo, pero pode ter a súa oportunidade se subsana este problema.

Por debaixo do primeiro posto a clasificación está moi aberta, máis se temos en conta que só puntuarán os seis mellores resultados de cada equipo. Todo pode ocorrer!