Achégase a super-finde billardeira: Aberto de Salceda e All Stars en Ourense

27 02 2009

En Budiño vivimos un dos máis impactantes abertos da tempada, do que dá boa mostra esta nova superprodución:

Deu moito de si, calidade no xogo e bo ambiente na cancha, pero agora hai que mirar para adiante e xa está aí cerquiña a gran super-finde billardeira. O sábado 7 de marzo Salceda de Caselas acollerá a 7ª xornada da LNB Sur, organizado pola xente da Asociación Treze Catorze. E o domingo 8, todos ao interior a participar no Billarda All Stars Ourense’09.  Alí xuntarémonos todas as estrelas da billarda chegadas desde os catro puntos cardinais do país para amosar as nosas destrezas.

O All Stars contará cun aberto, un torneo de mates e outro de triples. Preparade as vosas xogadas mestras para lucilas na pista de chave, ao lado do estadio do Couto. Pola semana daremos información máis detallada do desenvolvemento do All Stars.





14F: Budiño prepárase para o entroido a golpe de palán

11 02 2009

(CARTEL DE PRESENTACI323N.cdr)

Logo da intensa xornada de aberto o domingo pasado en Santiago, volve a liga á LNB Sur coa sexta xornada de liga, desta volta en Budiño. A Asociación Cultural A Forna organiza un torneo que se disputará este sábado 14 de febreiro a partir das 16 horas na pista de futbito da Forna. Parece que desta vez o tempo vai acompañar e poderemos xogar ao aire libre. Se chove, a cita será no pavillón do Colexio Público Cruz-Budiño. Cos estupendos planos que preparou Amil non vos perderedes:

A FORNA.cdr

a-forna-03

A xornada promete ser apaixonante. A clasificación está aínda moi aberta, e se ben parece que son poucos os que están en condicións de loitar polo primeiro posto da liga, o abano de palanadores e palanadoras en disposición de clasificarse para os play-offs é moi grande.

Lembrade que nos play-offs xogarán os mellores das tres conferencias para obter o título de campión absoluto da Liga Nacional de Billarda. Para clasificarse hai que rematar entre os oito primeiros da liga, posto que agora comparten Pinto e Charlie. Pero o campión de cada torneo obtén 10 puntos, e hai case medio cento de xogadores e xogadoras que se atopan a 10 puntos ou menos do oitavo posto. A clasificación está moi aberta e pode dar moitas voltas, confiade nas vosas posibilidades!

E para animarvos a empregarvos a fondo en Budiño, a A.C. A Forna preparou uns premios suculentos, propios do entroido que xa chega. Seguindo a tradición culinaria dos trofeos da LNB, os galardóns serán a base de pezas para facer un bo cocido e pan do Porriño. Hai premios reservados para o campión e o subcampión, o mellor equipo, a muller mellor clasificada, e (dado que o torneo cae en 14 de febreiro) un premio á mellor parella.

Vémonos en Budiño!