Vigo prepárase para o seu primeiro aberto

4 01 2009

Co 2009 acabado de parir, Vigo prepárase para acoller o seu primeiro aberto, o quinto torneo da tempada da LNB Sur. Xa rebasado o ecuador do campionato, a cita promete ser unha das máis completas coa estrea dun formato novo en doble sesión: obradoiro e campionato de paláns pola mañá, torneo puntuable pola tarde.

O sábado 10 será o día. O pavillón do Monte da Mina en Castrelos será o lugar. Ao programa que preparou o Local Social Faísca non lle falta detalle, así que aquí volo expoñemos con detalle:

– 11 h. Obradoiro de billarda: Aprendizaxe e adestramento asesorado por expertos palanadores da LNB.

– 12 h. Concurso de paláns: Espectacultar versión no deporte da billarda do concurso de triplas do All Stars da NBA. Preparádevos para esta nova modalidade de billardismo extremo que se estrea en Vigo e para que a xente de Faísca ten reservados premios para os gañadores.

– 14 h. Receso para xantar. Haberá un xantar aberto alí mesmo no pavillón. O menú: fabada (tamén haberá versión vexetas), pan, viño, postre e chupiños, todo por 8 euros! Os que queiran quedarse a comer que avisen canto antes no correo zevianagz@gmail.com para poder facer un cálculo de cantidades. Se sobra algo non importa… pero que non falte!


– 16 h. 1º Aberto de billarda de Vigo, puntuable para a LNB Sur. Será a hora da competición oficial, e é necesaria esquisita puntualidade. Fontes ben informadas aseguran que os premios desta xornada están confeccionados a base de marisco, así que se non vos chegou o que comestes no nadal, aquí tedes a última oportunidade de marcarvos unha enchenta.

Xa vedes que a cousa está ben pensada: xornada oficiosa pola mañá e oficial pola tarde. Pero convidámosvos a gozar de toda a xornada de billarda, acudir desde a mañá, comer tod@s xunt@s e pasar un día 100% billardeiro.

Ah! E para os que aínda non vos enterastes… o sábado 27 tivo lugar na Coruña e coincidindo co Galicia – Irán de fútbol o Aberto da Auténtica, cunha selecta representación do Sur, nun torneo que compartimos coa xente do Noroeste e o Norleste. Tivemos varios representantes que fixeron un bo papel clasificándose nos seus grupos: Manuel de Se Foras Traballar, Alberte de Almuinha, Elvis de Paquete Pinchas, Chuki de Moaña… E Rubén de Lideiras conseguiu chegar á final dun torneo competidísimo no que as partidas decisivas decidíronse a dous golpes, ata que Ginés se impuxo na final cun varado, e conseguiu desa maneira a convocatoria directa para o vindeiro encontro que dispute a selección galega de billarda, a Auténtica. Os do fútbol decidíronse unir tamén á festa e deron goles e espectáculo en Riazor. Galicia celebrou que conta con dúas seleccións invictas nos seus deportes de masas: fútbol e billarda. Tedes unha crónica completa n’O Varal. E todas as imaxes en FotoVaral.

Coda: Os vindeiros días, e para animar o ambiente de cara ao 5º torneo da liga, publicaremos no blog unha serie de análises da clasificación. Estade atento@s!





Aberto da Auténtica

22 12 2008

cartaz-aberto-autentica-g1

O luns 10 de xaneiro comprobaremos en Vigo que palanadores e palanadoras se deixaron levar máis polos excesos neste tempo de enchentas e cheas que vén por diante. Como referente para medir o rendemento no próximo torneo, o cineasta oficial da LNB Sur (Rubén prefire que non digamos o seu nome) ofrécenos a súa última produción: “Chuzos de punta”, resumo da que caeu en Ponteareas.

A de Vigo será a seguinte cita da liga regular da LNB Sur, pero antes temos un encontro de altura: O Aberto da Auténtica!Este sábado 27 de decembro a Selección Galega de fútbol enfróntase a Irán en Riazor. E antes as rúas da Coruña acollerán un aberto que se promete espectácular, con estrelas da billarda chegadas desde todas as esquinas de Galicia para xogar nas proximidades do estadio. Os do sur tamén estaremos alí, poñédevos a punto: afiade as billardas, estirade os brazos e preparádevos para triunfar nun torneo que comezará ás catro da tarde.

Siareiros Galegos vai poñer un autobús para ir alá, ao prezo de 5 euros para o bus e 7 para o carné de socio de Siareiros, con regalo da entrada para as seleccións masculina e feminina e outros partidos profesionais. E desde a LNB, a Assembleia Aberta Baiuca Vermelha está tratando de levar outro autobús nas mesmas condicións. Se queres asistir en bus, ponte en contacto canto antes con eles en aabaiucavermelha@gmail.com.

Algúns equipos están entrenando duramente para esta cita. Aquí temos un exemplo: Culombio, unha franquicia que camiña pola metade da táboa, aproveitou a mañá do domingo para practicar un pouco e sobre todo facer medrar o espírito de equipo. E que mellor lugar para entrenar que a parroquia do núcleo dos Paquete Pinchas… a ver se se lles pega algo!

pic_0017

Animamos ao resto de equipos a que nos envíen fotos dos seus entrenamentos, celebracións, etc. Queremos vervos a todos no blog da LNB Sur.