CHUPI, O SEU EQUIPO E ANA DIZ CAMPIÓNS DE INVERNO

15 01 2010
  • O 2009 rematou case como empezou pero este novo ano promete moitas alternativas.
  • Máis de 40 palaneadores candidatos aos playoffs finais.
  • A festa billardeira de cada torneo o mellor aval.

Mentres agardamos coas billardas en punta polos novos torneos, chega a hora de facer balance dende o ecuador da competición. Rematou o 2009 e rematou a primeira volta da lnb-sur 09-10, pero o mellor inda está por vir.

Redondela, Porriño, Moaña, Salceda e Mos deixáronnos ata 175 competidores, cunha media por torneo arredor da centena.

En redondela gozamos dun escenario urbano cheo de curiosos e curiosas que descubriron que ás veces dous paus dan moito xogo, mentres que o bucólico escenario da risca xuntou coma nunca tradición e natureza. Pero chegou o inverno e tivemos que pornos a cuberto, gozando máis xuntos ca nunca da animación músico-vocal quen nos ofrece a organización e espontáneos colaboradores. Destacar tamén o primeiro aberto da resaca celebrado en Mos, onde se viu quen recupera mellor dos duros e impredecibles sábados noite.

Pero 5 estalos despois, a clasificación está máis igualada que nunca, o que manterá a emoción ata o final, Os próximos 5 torneos decidirán os gañadores e clasificados, coa emoción engadida das revoltas que nos ofrecerá a clasificación ao descartar os peores resultados de cada palanador/a.

CLASIFICACIÓN POR EQUIPOS

A por eles que son menos! A escisión este ano dos Paquete Pinchas parecía non terlles afectado significativamente, pero comezan a apreciarse síntomas de debilidade nos grandes campións, que xa se viron dobregados nun par de torneos e só gañaron os seus pola mínima.

A Ghudalla, cunha canteira admirable de onde non paran de xurdir compoñentes, e os Lideiras coa familia que xoga unida gaña unida, xa lle deron a alternativa aos porriñeses, e na mesma busca están grandes equipos como Pincharango e Almuinha candidatos a conseguir o seu primeiro triunfo desta tempada.

Calquera de todos eles que logre manter un pouco de regularidade poderá roubarlles o camiño de Compostela aos paquete pinchas alá polo mes de maio.

GAÑADOR ABSOLUTO E PLAY-OFFS

Rubén Otero (LID) e Chupi (PAQ), actuais campións nacional e sur respectivamente seguen manténdose como grandes favoritos. O de Pontellas só tivo un pequeno esbarazo en Moaña, e o Lideiras, que xa se perdeu un torneo, só necesita un par de boas actuacións das que nos ten acostumados para chegar ao máis arriba.

Loitando o primeiro posto ata á última billarda esperamos ver aos dous polos opostos da liga, Amil (PAQ), que xa podemos bautizar como o máis irregular da competición, e Luis Enrique (ALM), un dos palanadores con mellor técnica de golpeo, que dificilmente vai baixar das alturas da competición.

Pra completar os que actualmente comporían a potente expedición do sur aos play-offs, atopamos dous pincharangos de xadrezística estratexia, Lemos (PIN) e Davide (PIN), cuxa clasificación estará condicionada a súa presenza nos próximos torneos, xa que sabemos que para eles tamén hai vida máis alá do varal. Ademais, Panzo (GHU), cunha exquisita regularidade, e Celso (LID), definitivamente o palanador que máis ten evolucionado na competición, non llo porán sinxelo a quen queira colarse entre os mellores.

UN PELOTÓN QUE TIRA PARA ACHEGARSE

Ata quince virtuais gañadores en Bueu poderían meterse entre os oito primeiros na próxima xornada, polo que a cousa está do máis aberta, e por arriba ninguén se pode durmir porque o pelotón está tirando forte.

Proba disto son Manolo (SFT) e Pablo (CUL), que xa estiveron entre os mellores e un mal torneo sacounos do podium. Por detrás temos unha liña de agresivos palanadores, de duro golpe e capaces de vencer a calquera como son os anárquicos Elvis (OES) e Tiago (CUR), ou os billardeiros de golpe seco Xosé Miguel (FAI) e Arosa (GHU), todos eles potenciais favoritos a gañar un torneo e achegarse aos mellores.

Apoiados nunha efectiva regularidade pero á falta dunha gran actuación temos a Gil (BEN), Cara (GHU) ou Oscar (CUR), de corte máis conservador, pero que teñen demostrado a súa calidade con boas clasificacións e estelares actuacións en torneos oficiosos, e só precisan dun golpe de efecto pra non quedarse en terra sen varal.

E así ata máis de corenta candidatos, seguramente algunha nova promesa xurdirá no 2010. Polo de pronto esteamos atentos a palanadores como Jacobo (GHU), Angel (TRE), Xurxo (ALM), Manuel Anxo (PAQ) ou Aarón (LID) que xa nos agasallaron con excepcionais participacións.

FÉMINAS, MÁIS CANTIDADE MÁIS CALIDADE

O 2009 seguiu sumando novas palanadoras á nosa liga, e con ilo e a melloría das máis experimentadas cada vez está máis preto unha vitoria absoluta feminina nun torneo da lnb-sur. Veremos se se produce neste 2010.

O trío de ases na punta da clasificación, con so dous puntos de diferenza, son Ana Diz (FAI), María (GHU) e Fátima (CUL), que seguen mellorando a súa técnica pra abandonar definitivamente os temidos golpes ao aire. Pero a forza feminina tamén chega dende Salceda, Pauliña (TRE) e Lorena (TRE) seguen a compensar a mellorable actuación dos seus colegas masculinos.

Polo momento, a viguesa é a que presenta unha mellor proxección, mentres que a dos Coulombio é a que menos veces se queda na fase de grupos, polo que parecen as dúas máis fortes pra facerse co campionato.

Con posibilidades de meterse no play-off, esperando un punto de inflexión no seu xogo, temos a unha serie de xogadoras xa experimentadas como Ana (CUR), Mucha (LID), Iolanda (LID) ou Esmeralda (CUL). Por outra banda Chus (SFT), vixente campiona da conferencia sur non acaba de atopar o xogo da campaña pasada e esta tendo actuacións moi discretas polo que terá que dalo todo ata fin de tempada para voltar a situarse entre as primeiras.Pero a competición billardeira non perde o seu dinamismo e calquera das incorporacións que inda se seguen a producir pode dar a sorpresa.

NON SÓ BILLARDA…

E entre palanazo e palanazo seguiremos gozando de máis apostas, máis música, máis narracións, máis vídeos, máis cervexa e máis licorcafé… e por suposto máis sorpresas que nos deparará este novo ano billardeiro…

Ollo ao Varal, e a seguir batendo!!