O Xerro_11, Furanchos a vista!

6 05 2011

A actualidade billardeira está que ferve,  tomade nota:

Domingo 8 de  Maio: Xerro do salnes, Meaño.

Sábado 14: Última xornada, Marín, e Festa treze Catorzeadora.

Sabado  21: Aberto de Repesca e Olimpiadas populares, Rivadavia.

Domingo 29 Finais nacionais, Conxo.

Este Domingo chega una das citas mais agardadas da tempada, O Xerro do Salnes, una xornada diferente, chea de festa no percorrido polos furanchos de Xil, onde os palanadores das distintas conferencias se abrazan e cantan ao ritmo do viño de Barrantes.

Esta xornada lúdico deportiva, fonte de lendas, resulta sempre memorable para os asistentes. A cita é as 12:00 na Taberna da Cancela en Xil, Meaño (Ao carón da capela das angustias) Dende ahí comezara o roteiro polos furanchos de Xil, este ano o xantar será de tapeo polos mesmos furanchos, e pola tarde, a iso das 16:30 comezará a loita polo xerro do Salnés. Non o dubides.

Advertisements




CHUPI, O SEU EQUIPO E ANA DIZ CAMPIÓNS DE INVERNO

15 01 2010
  • O 2009 rematou case como empezou pero este novo ano promete moitas alternativas.
  • Máis de 40 palaneadores candidatos aos playoffs finais.
  • A festa billardeira de cada torneo o mellor aval.

Mentres agardamos coas billardas en punta polos novos torneos, chega a hora de facer balance dende o ecuador da competición. Rematou o 2009 e rematou a primeira volta da lnb-sur 09-10, pero o mellor inda está por vir.

Redondela, Porriño, Moaña, Salceda e Mos deixáronnos ata 175 competidores, cunha media por torneo arredor da centena.

En redondela gozamos dun escenario urbano cheo de curiosos e curiosas que descubriron que ás veces dous paus dan moito xogo, mentres que o bucólico escenario da risca xuntou coma nunca tradición e natureza. Pero chegou o inverno e tivemos que pornos a cuberto, gozando máis xuntos ca nunca da animación músico-vocal quen nos ofrece a organización e espontáneos colaboradores. Destacar tamén o primeiro aberto da resaca celebrado en Mos, onde se viu quen recupera mellor dos duros e impredecibles sábados noite.

Pero 5 estalos despois, a clasificación está máis igualada que nunca, o que manterá a emoción ata o final, Os próximos 5 torneos decidirán os gañadores e clasificados, coa emoción engadida das revoltas que nos ofrecerá a clasificación ao descartar os peores resultados de cada palanador/a.

CLASIFICACIÓN POR EQUIPOS

A por eles que son menos! A escisión este ano dos Paquete Pinchas parecía non terlles afectado significativamente, pero comezan a apreciarse síntomas de debilidade nos grandes campións, que xa se viron dobregados nun par de torneos e só gañaron os seus pola mínima.

A Ghudalla, cunha canteira admirable de onde non paran de xurdir compoñentes, e os Lideiras coa familia que xoga unida gaña unida, xa lle deron a alternativa aos porriñeses, e na mesma busca están grandes equipos como Pincharango e Almuinha candidatos a conseguir o seu primeiro triunfo desta tempada.

Calquera de todos eles que logre manter un pouco de regularidade poderá roubarlles o camiño de Compostela aos paquete pinchas alá polo mes de maio.

GAÑADOR ABSOLUTO E PLAY-OFFS

Rubén Otero (LID) e Chupi (PAQ), actuais campións nacional e sur respectivamente seguen manténdose como grandes favoritos. O de Pontellas só tivo un pequeno esbarazo en Moaña, e o Lideiras, que xa se perdeu un torneo, só necesita un par de boas actuacións das que nos ten acostumados para chegar ao máis arriba.

Loitando o primeiro posto ata á última billarda esperamos ver aos dous polos opostos da liga, Amil (PAQ), que xa podemos bautizar como o máis irregular da competición, e Luis Enrique (ALM), un dos palanadores con mellor técnica de golpeo, que dificilmente vai baixar das alturas da competición.

Pra completar os que actualmente comporían a potente expedición do sur aos play-offs, atopamos dous pincharangos de xadrezística estratexia, Lemos (PIN) e Davide (PIN), cuxa clasificación estará condicionada a súa presenza nos próximos torneos, xa que sabemos que para eles tamén hai vida máis alá do varal. Ademais, Panzo (GHU), cunha exquisita regularidade, e Celso (LID), definitivamente o palanador que máis ten evolucionado na competición, non llo porán sinxelo a quen queira colarse entre os mellores.

UN PELOTÓN QUE TIRA PARA ACHEGARSE

Ata quince virtuais gañadores en Bueu poderían meterse entre os oito primeiros na próxima xornada, polo que a cousa está do máis aberta, e por arriba ninguén se pode durmir porque o pelotón está tirando forte.

Proba disto son Manolo (SFT) e Pablo (CUL), que xa estiveron entre os mellores e un mal torneo sacounos do podium. Por detrás temos unha liña de agresivos palanadores, de duro golpe e capaces de vencer a calquera como son os anárquicos Elvis (OES) e Tiago (CUR), ou os billardeiros de golpe seco Xosé Miguel (FAI) e Arosa (GHU), todos eles potenciais favoritos a gañar un torneo e achegarse aos mellores.

Apoiados nunha efectiva regularidade pero á falta dunha gran actuación temos a Gil (BEN), Cara (GHU) ou Oscar (CUR), de corte máis conservador, pero que teñen demostrado a súa calidade con boas clasificacións e estelares actuacións en torneos oficiosos, e só precisan dun golpe de efecto pra non quedarse en terra sen varal.

E así ata máis de corenta candidatos, seguramente algunha nova promesa xurdirá no 2010. Polo de pronto esteamos atentos a palanadores como Jacobo (GHU), Angel (TRE), Xurxo (ALM), Manuel Anxo (PAQ) ou Aarón (LID) que xa nos agasallaron con excepcionais participacións.

FÉMINAS, MÁIS CANTIDADE MÁIS CALIDADE

O 2009 seguiu sumando novas palanadoras á nosa liga, e con ilo e a melloría das máis experimentadas cada vez está máis preto unha vitoria absoluta feminina nun torneo da lnb-sur. Veremos se se produce neste 2010.

O trío de ases na punta da clasificación, con so dous puntos de diferenza, son Ana Diz (FAI), María (GHU) e Fátima (CUL), que seguen mellorando a súa técnica pra abandonar definitivamente os temidos golpes ao aire. Pero a forza feminina tamén chega dende Salceda, Pauliña (TRE) e Lorena (TRE) seguen a compensar a mellorable actuación dos seus colegas masculinos.

Polo momento, a viguesa é a que presenta unha mellor proxección, mentres que a dos Coulombio é a que menos veces se queda na fase de grupos, polo que parecen as dúas máis fortes pra facerse co campionato.

Con posibilidades de meterse no play-off, esperando un punto de inflexión no seu xogo, temos a unha serie de xogadoras xa experimentadas como Ana (CUR), Mucha (LID), Iolanda (LID) ou Esmeralda (CUL). Por outra banda Chus (SFT), vixente campiona da conferencia sur non acaba de atopar o xogo da campaña pasada e esta tendo actuacións moi discretas polo que terá que dalo todo ata fin de tempada para voltar a situarse entre as primeiras.Pero a competición billardeira non perde o seu dinamismo e calquera das incorporacións que inda se seguen a producir pode dar a sorpresa.

NON SÓ BILLARDA…

E entre palanazo e palanazo seguiremos gozando de máis apostas, máis música, máis narracións, máis vídeos, máis cervexa e máis licorcafé… e por suposto máis sorpresas que nos deparará este novo ano billardeiro…

Ollo ao Varal, e a seguir batendo!!





Varados en prime time

20 01 2009

Se non o viches o xoves pasado na TVG nin estes días na web d’O Varal, aquí tes unha nova oportunidade de asistir á irrupción da billarda no prime time galego. Cachiza, pincha, Lideiras, Paquete Pinchas…, o sistema de xogo, os nomes, os equipos, a billarda no mundo… breve e efectivo, parabéns ao Cazador de Palabra, parabéns a Xermán e Daniel, e parabéns á LNB.

Próximo obxectivo: a retransmisión íntegra pola canle dixital das finais absolutas da LNB!





Novo blog oficial da Conferencia Sur

1 09 2008

Benvidos/as ao novo blog da Conferencia Sur. Todos nos estamos preparando para o arranque da primeira tempada da LNB no Sur, e nesa posta a punto facíase preciso un blog con máis recursos e posibilidades, así que nos mudamos de blogspot para wordpress. Agardamos que vos guste esta nova fiestra para a billarda, na que ademais das entradas e comentarios do blog, poderedes consultar en todo o momento o calendario de abertos, torneos e outros acontecementos da billarda. E unha vez que a liga estea en marcha, haberá unha páxina permanentemente actualizada con todas as clasificacións.

Coa idea de que este blog sexa do agrado de todos/as, agardamos as vosas ideas para melloralo. Saúde!





A pincha está viva!

13 02 2008

O pateiro pétalle nunha punta á pincha, esta érguese no aire dando voltas sobre si mesma e plac, zúscalle e sae zoando no aire… A pincha está viva!

A pincha está viva, e púidose demostrar esta fin de semana en Pontellas, onde unha ducia de entusiastas chegados de diversas parroquias da Louriña celebraron os primeiro entrenamentos preparatorios de cara á súa entrada no circuíto da LNB. Foi unha tarde moi divertida. Durante un par de horas xogamos ao xeito tradicional, por equipos, con buraco no chan e medindo a distancia. O equipo de Otero, Laura, Fátima, Róber, Fuco e Chupi venceron por 200 a 170 ao equipo que formabamos Aníbal, Ángela, Pablo, Santi, Jota e Moi. Emocionados, continuamos logo practicando coas reglas da LNB, e xa se nos botara a noite enriba cando á luz dunha farola seguiamos petándolle á billarda no torreiro de San Campio. Tanta foi a emoción que unha pequeniña delegación da Louriña viaxará esta fin de semana a Cervo para participar no Torneo do Lacón. Treme A Mariña!

A pincha esta viva, e están máis que vivos os Palanganas, que xa se puxeron en contacto connosco para reunirnos e intercambiar ideas para os tempos que veñen na febre meridional da billarda.

A pincha está viva, pronto teremos novos entrenamentos, e tamén podes vir ti!





Primeiros entrenamentos…

6 02 2008

Pola banda da Louriña, nos concellos do Porriño e Mos, a nova da futura creación da Conferencia Sur da LNB xa puxo as pilas a máis de un. Avanzan as conversacións para gañar xogadores e xogadoras dispostos a baterse nun campionato regular de billarda. Hai bo ánimo e confianza na destreza dos nosos no golpeo da pincha, polo que no Sur non descartamos facer un papel máis que meritorio no primeiro evento que nos agarda: a Copa do Salnés, o 27 de abril en Xil (Meaño).

Para ir quentando motores e poñer os brazos en forma, un grupiño de entre 6 e 10 persoas participaremos este sábado 9 de febreiro os primeiros entrenamentos libres. Serán pola tarde no torreiro de San Campio, na parroquia de Pontellas (O Porriño). Habemos practicar o noso manexo coas reglas oficias da LNB, e dedicaremos un tempiño tamén a xogar ao xeito tradicional na nosa comarca (por equipos e medindo a distancia).

Ver mapa más grande

Non fixamos aínda unha hora, pero se queres vir xogar, recordar que tal se che daba a pincha ou probar por primeira vez, ponte en contacto con nós no correo moisesaj@yahoo.es





Os precursores

26 01 2008

A Rede xa se fai eco desta andaina que comeza. Por aquí, por alí e por máis alá danlle a benvida a esta aventura que a LNB trata de poñer en marcha polo Sur. A cousa está collendo corpo, fainos falta que máis xente coma ti se anime a participar neste gran acontecimento.

E enleados nestas lides de poñer en marcha o campionato polas terras do Sur, é bo momento para saudar aos Palan-ganas, os auténticos precursores da Liga Nacional de Billarda na zona de Vigo. Hai dúas tempadas implicáronse activamente xogando regularmente na liga da Mariña. Agardamos que recuperen ese equipo de nome e logo tan apropiados para achegar experiencia e bo saber ao campionato que pronto pariremos. Esperámolos!