Este sábado o campo de fútbol de Pardellas acolleu o III Aberto de Pateiro de Ponteareas, que por primeira vez se xogaba en exterior. O terreo de xogo era moi esixente: alí onde caía a billarda, quedaba espichada no xabre, o que obrigaba aos xogadores a amosar os seus mellores golpes.
Entre os 87 xogadores e xogadoras da xornada non faltaban as grandes estrelas da LNB Sur. Alí estaban once dos doce que o ano pasado foron a Conxo se clasificaron para Conxo, pero deles só Xosé Rodiño e Amil chegaron a oitavos. Foi unha xornada de sorpresas, cunhas semifinais inéditas: Fuco gañoulle ao debutante Andrés d’O Fresco, equipa ponteareá que se estreaba na liga. Xosé Rodiño venceu a Amil, e sen ceder un sorriso colouse na final para alí caer fronte a Fuco. O dos Branco e Negro Millenium fixo o único varado do torneo e conseguiu a súa primeira vitoria nun aberto puntuable.
Cos 9 puntos que sumou hoxe, Xosé Rodiño ascende ata a primeira praza da clasificación. Moitas veces á sombra do seu irmán, o máis discreto dos Rodiño Brothers demostra que é moi regular e está en plena forma. Chiwi, que non participou, baixa á segunda praza, e na terceira Fuco empata con Luis Enrique.
Ningunha xogadora pasou a dezaseisavos neste torneo, algo inusual na LNB Sur. Así que o premio feminino levouno Fátima, que con 9 puntos foi a que máis conseguiu na fase de grupos. Na clasificación mantéñense na cabeza Iolanda, Mucha e Ánxela, con 4 puntos cada unha.
O premio ao mellor neno ou nena levouno Cristian de Bateas, que aos 16 anos está a aproveitar unha das súas últimas oportunidades de apañar premios infantís.
Branco e Negro Millenium, líder por equipos
A vitoria na final de Fuco sobre Xosé Rodiño deulle ao combo Branco e Negro Millenium a vitoria no torneo. Con esta recuperan a primeira praza da clasificación, algo sorprendente se pensamos que o equipo foi montado a partir dos tres peores conxuntos da pasada tempada: Branco e Negro, Oestrimnios e os Roxos. Está claro que a unión fai a forza.
Pero a clasificación de equipos ten máis sorpresas, por arriba e por abaixo. Segundos están os Bateas, a equipa na que os Rodiño reclutaron en Sanxenxo figuras de futuro, como o debutante Luis, que con 4 puntos en cada torneo xogado destaca como o máis regular. Terceiros están Almuinha e cuartos os Lideiras Currichos. Do primeiro ao cuarto só hai 5 puntos de distancia. Un dato: ningún destes catro equipos quedaron o ano pasado entre os cinco primeiros.
Por abaixo atopamos equipos pouco acostumados ao frío da cola da clasificación. Os Paquete Pinchas seguen ascendendo e colócanse na sexta praza. Pero Pincharango, Se Foras Traballar e A Faísca (segundos, terceiros e cuartos o ano pasado) mantéñense na cola. Os de Vigo botan moito de menos aos Rodiño, Se Foras Traballar parecen noqueados e os axedrecistas de Salceda teñen as súas estrelas totalmente apagadas.
Esta é a visión do torneo dos irmáns Rodiño, os Coen galegos, aquí máis ben en plan Cine Dogma.