Chupi e Paquete Pinchas proclámanse campións por adiantado

12 04 2010

  • A falta dunha xornada, son gañadores matemáticos da clasificación individual e por equipos da LNB Sur
  • O campión de varados e a campiona feminina decidiranse en Vigo
  • Un bo feixe de pasaportes para os play-off están aínda pendentes de adxudicar: 15 palanadores se xogarán 4 postos no último torneo
  • O torneo de Marín saldouse con dominio local: vitorias de Xurxo en individual e de Almuinha en equipos, ademais de Pauliña como gañadora feminina

A penúltima xornada da tempada LNB Sur 2009-2010 deixa varias cousas claras e moita emoción para a última xornada, a principios de maio en Vigo. O torneo de Marín, que organizou a A. C. Almuinha, reuniu a 84 palanadores e palanadoras no pavillón do Sequelo, onde nos refuxiamos do poderoso calor da tarde do sábado. Foi unha xornada chea de sorpresas, na que os primeiros da clasificación foron caendo uns detrás dos outros. Unha semifinal copouna Almuinha, con Xurxo e Alberte. A outra protagonizárona dous dos palanadores máis en forma na parte final do campionato: Luis de Se Foras Traballar e Xan Rodiño de Faísca. Á final chegaron Xurxo e Luis. Este estaba moi concentrado na súa primeira participación nunha final, pero Xurxo tiña o apoio do público e en especial de Breixo, palanador de futuro. E venceu, aínda que para iso necesitou un desempate. A terceira praza foi para Rodiño.

Entre as palanadoras, Fátima e Pauliña demostraron estar en moi boa forma, e esta última gañou por méritos propios: quedou primeira dun grupo no que estaban Chupi e Xosé Miguel, fixo un varado e só cun varado rival caeu en oitavos.

Por equipos a vitoria foi para Almuinha, que conseguiu 20 puntos. Un erro na conta dos puntos fixo que se lle dese o premio a Se Foras Traballar, que en realidade foi a segunda mellor escuadra da xornada con 18 puntos. Tamén Culombio e Treze Catorze tiveron un bo día, con 16 puntos cada un.

[rockyou id=157261881&w=426&h=320]

Como queda a clasificación individual

1 Chupi PAQ 54

2 Rubén Otero LID 44

3 Amil PAQ 42

4 Luís Enrique ALM 41

A falta dunha xornada para que remate a liga regular, xa temos campión: Chupi, dos Paquete Pinchas, repite o triunfo da tempada pasada, aínda que desta vez o fixo con máis contundencia. En Marín só sumou 3 puntos, pero aproveitou o pinchazo dos seus perseguidores, Amil e Luis Enrique, que non pasaron dos grupos. Isto aproveitouno Rubén Otero para meterse segundo. Estes catro palanadores xa están matematicamente clasificados para os play-off de Conxo.

5 Celso LID 31

5 Lemos PIN 31

7 José Otero PIN 30

8 Gil BEN 30

As nosas contas din que 30 puntos serán suficientes para garantir a presencia nos play-off. Así que Celso, Lemos, José Otero e Gil xa teñen practicamente asegurado o seu pase.

9 Xosé Miguel FAI 29

10 Luis SFT 27

10 Pablo CUL 27

10 Tiago CUR 27

10 Davide PIN 27

14 Salgue PAQ 26

14 Manolo SFT 26

14 Juan SFT 26

14 Óscar CUR 26

18 Panzo GHU 26

19 Darío PIN 25

19 Cara GHU 25

19 Alberte ALM 25

22 Xan Rodiño FAI 24

23 Manuel SFT 22

A cousa complícase para os catro postos que faltan. Xosé Miguel teno fácil, pero o feito de que estea aínda mellor clasificado pola Conferencia Centro, na que tamén xoga, fai que probablemente a súa praza quede baleira para outro. E hai moitos candidatos: por agora están dentro Luis, Pablo Suengas, Tiago e Davide, pero contan só cun punto de vantaxe sobre Salgue, Manolo, Juan, Óscar e Panzo, e dous sobre Darío, Cara e Alberte. E por detrás vén como un ciclón Xan Rodiño, e incluso Manu Sánchez podería cunha boa xornada gañarse o pase. O que é seguro é que a Vigo, ademais de billardas e paláns, vai haber que levar calculadoras. Lembrade que só contan para a clasificación os oito mellores resultados!

Emoción na clasificación feminina

1 Fátima CUL 18

2 María GHU 17

3 Ana Diz FAI 16

4 Pauliña TRE 15

Onde está todo aberto é na clasificación feminina. Fátima deu esta fin de semana un bo salto e situouse primeira na clasificación, pero ten moi preto a María, Ana Diz e Pauliña. As catro teñen pé e medio xa nos play-off, agardando a saber quen as vai acompañar.

5 Chus SFT 11

5 Lara GHU 11

5 Lorena TRE 11

5 Mucha LID 11

9 Iolanda LID 10

10 Palmira CUR 8

10 Ánxela ALM 8

10 Ana CUR 8

A quinta praza compártena agora Chus, Lara, Lorena e Mucha. Elas son as mellor situadas para ir a Conxo, pero non se pode descoidar a Iolanda e incluso a tres palanadoras que veñen por detrás: Palmira, Ánxela e Ana. 12 puntos poden ser suficientes para pasar aos play-off, pero quen queira asegurar a praza terá que chegar aos 14.

Todo aberto na clasificación de varados

1 Chupi PAQ 7

1 Rubén Otero LID 7

2 Luis Enrique ALM 6

4 Xosé Miguel FAI 5

Algo parecido ocorre na clasificación de varados. Chupi quere conseguir o único título da LNB Sur que lle falta, pero leva varias xornadas sen conseguir ningún varado e ve perigar o seu liderado. Otero, Luis Enrique e Xosé Miguel están moi preto, e todos eles teñen dunha ou outra maneira garantida a súa presencia no play-off individual, polo que é fácil prognosticar que irán a Vigo a intentar sumar varados para proclamarse campións.

5 Darío PIN 4

6 Cara GHU 3

6 Chiwi TRE 3

6 Manuel Anxo PAQ 3

6 Aarón LID 3

A quinta praza ocúpaa agora mesmo Darío, pero 4 varados poden ser poucos se Cara, Chiwi, Manuel Anxo ou Aarón afinan en Vigo. E ollo, porque por detrás aínda hai outros 11 palanadores con dous varados, e polo tanto con opcións reais de meterse nos play-offs: David da Ghudalla, Pablo dos Paquete Pinchas, Chuki, Tiago, Óscar, Luis, Lemos, Yeyo, Ángel, Pauliña e Pinto.

Acompañará Pincharango a Paquete Pinchas en Conxo?

1 Paquete Pinchas PAQ 154

2 Pincharango PIN 130

3 Se Foras Traballar SFT 119

4 Almuinha ALM 117

4 A Ghudalla GHU 117

6 Faísca FAI 115

A vantaxe de Paquetes Pinchas na clasificación convértenos en gañadores matemáticos da tempada. Pero a segunda praza aínda hai que xogala. Despois de media temporada nesa posición, os debutantes Pincharango vense ameazados por Almuinha, A Ghudalla, Faísca e sobre todo por Se Foras Traballar, o equipo que mellor se reforzou para esta tempada.

Botade vós as contas. As nosas din que Pincharango terá case seguro o seu pase se suma 16 puntos en Vigo, porque iso obrigaría a Se Foras Traballar a facer 22 nese mesmo torneo, unha cantidade nada fácil. Pero se Pincharango suma 13 ou menos puntos, Se Foras Traballar necesitaría19 para empatar, unha cifra na que se están a mover nos últimos torneos. Os outros tres equipos téñeno moito máis difícil: no caso de que Pincharango non pasase de 13 puntos en Vigo, A Ghudalla necesitaría sumar 22 en Vigo, Almuinha precisaría 23 e a Faísca faríanlle falta 27.

7 Lideiras LID 100

8 Treze Catorze TRE 95

9 Culombio CUL 85

10 Os Currichos CUR 72

11 Branco e Negro BEN 66

12 Oestrimnios OES 57

13 Os Roxos ROX 35

14 Iríache Mellor IRI 9

Os outros oito postos da clasificación non parece que vaian sufrir cambios. Lideiras e Treze Catorze sitúanse na zona morna, Culombio escapou nas últimas xornadas da parte baixa da táboas, Os Currichos notan o seu escaso número de palanadores (aínda que están traballando moito coa canteira) e Branco e Negro viviu unha importante melloría este ano. A táboa péchana tres equipos debutantes que seguro que darán máis guerra o ano que vén, con maior regularidade na súa participación nos torneos: Oestrimnios, Os Roxos e Iríache Mellor.

Advertisements

Accións

Information

5 responses

12 04 2010
Lideiras

Lideiras 100 – Culombio 85
Si no Aberto de Vigo Lideiras non logra mais de 8 puntos e Culombio acada alomenos 21 conseguirán arrebatarlles o posto na xeral. Ánimo XD

13 04 2010
eu nunca serei yo

Parabéns polo artigo, unha analise moi currada.

13 04 2010
O Dato

O palanador da Faísca Xan Rodiño está actualmente clasificado como 7º na Conferencia Centro: http://conferenciacentro.blogspot.com/

Podería ser outro caso de doble clasificación para o Play-off.

14 04 2010
non mentero

Arredemo! que o que traen entre mans Ana e Gil na foto?

19 04 2010
eu

Noraboa a CHUPI e os PAQUETE PINCHAS pola victoria. Un ano mais os mellores!

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s




%d bloggers like this: