As seis variantes deixan a Quinibillarda de Bueu sen premiados

21 01 2010

Desta volta os apostantes non conseguiron atinar cos inesperados resultados. A eliminación da maioría dos favoritos nas primeiras roldas deixaron un resultado (sen 1s e con maioría de Xs, ámbolos participantes chegaron á mesma rolda) que non lembraban nin os máis vellos do lugar.

Emi Costas e Jorge Vila, e Arturo de Pincharango, con 4 acertos, foron os que estiveron máis preto de acadar un suculento premio propiciado polas 44 apostas xogadas.

Se tedes curiosidade e non lembrades as vosas apostas podedes escribir ao mail da LNB-Sur ou pedilo na zona de comentarios.

Recordamos aos premiad@s de Mos, véxase … Moi, Josué-Mucha, Carolina Magán e Davide Gándara, que poden pasar pola mesa a cobrar o seu premio en calquera dos torneos.

Boa sorte a tod@s para a próxima.





Avante palanadoras

20 01 2010

A clasificación feminina está mais emocionante que nunca despois dos resultados de Bueu, apenas un par de puntos separan as palanadoras do Sur. Analicemos a clasificación:

María (GHU) venceu en Bueu acadando o mellor resultado da tempada, 5 puntos ao clasificarse primeira de grupo e avanzar ata oitaos de final.Con este resulado arrebata o primeiro posto provisional a Ana (FAI) a quen o sorteo a encadrou nun complicado grupo no que quedou a piques de pasar pero o seu intento de varado foise polo lateral do varal.

Nos postos de aceso as finais nacionais atópase Fatima (CUL) A actual subcampiona manten a terceira praza na xeral tras unha discreta 6ª xornada. Bueu foi unha pista propicia para as palanadoras da Ghudalla, Lara (GHU) logrou pasar a fase de grupos en primer lugar e sumou tres puntos que a levan ata a cuarta praza.

Con un punto menos na xeral aparecen tres palanadoras, Chus (SFT) recuperou en Bueu o toque de a levaron a vencer na xeral o pasado ano, tras un inicio ligueiro titubeante parce espertar a tempo para loitar pola xeral. Ioli (LID) mantense na zona alta da taboa pese a lesión que a fixo xogar mermada en Bueu. Lorena (TRE) unha das xogadoras mais técnicas da LNB que pese a non poder asistir a dous abertos ten un dos papeis de favoritas a victoria final.

Un chanzo por detrás estan Palmira (CUR) a pequena dos currichos tentara emular os seus pais e estar presente nas finais de Compostela, Benchara (SFT) que agarda repetir o feito en Moaña para voltar ao mais alto, Mucha (LID) que cada dia está mais preto da segunda fase, Ana (CUR) semifinalista o pasado ano en Moaña, e Pauliña (TRE) que xa por duas veces as portas da victoria esta tempada.

A espera de engarzar unha boa actuación no seguinte aberto temos a varias palanadoras de contrastada calidade xa que teñen superado a fase nalgunha ocasión como Anxela (ALM) Pilar (SFT) ou Diana (ALM) que comparten postos con algunhas debutantes nesta tempada Magan(BEN) Sisi (GHU) Emi(BEN) Sandra (GHU) Maria (BEN) Sofia(FAI) ou Andrea (PIN) que no seu debut superou a fase de grupos.

Pero o verdadeiro exito da LNB Sur básase no conxunto que forman todas as palanadoras, ata 45 no que vai de tempada, e sen ningunha delas sería o mesmo. Avante palanadoras!





Bueu: Primeiras Valoracións

19 01 2010

  • 84 participantes, onde máis da cuarta parte foron palanadoras.
  • Coa participación de Andrea nos Pincharango xa todas as equipas teñen representación feminina.
  • María alcanza o liderado da clasificación feminina.
  • Lara da Ghudalla clasifícase por primeira vez e sitúase entre as catro mellores.
  • Os favoritos da xeral Pinchan na moqueta de Bueu.
  • Manolo e Xosé Miguel volven estar entre os mellores, de onde se cae Davide.
  • Chupi e Paquete Pinchas ante o peor resultado da tempada.
  • Pincharango consiguen unha vitoria que levaba tempo en camiño.
  • A derrota de Xosé Miguel na final contra Jose Otero privou a Faisca do triunfo por equipos.
  • Conseguíronse 11 varados, 2 de Cara 2 de Angel de Almuinha, que gañou as dúas primeiras carreiras cun solo golpe, e 1 de Rubén Otero que pasa a comandar a clasificación.
  • A comunidade billardeira segue a medrar, en bueu estreáronse na LNB-SUR nove novos Palanadore@s.
  • Os máis afortunados gozaron dun terceiro tempo no Centro Social Almuinha.

Mentres a computadora da LNB actualiza as clasificacións deixamosvos coa crónica do Faro de Vigo acerca do acontecido en Bueu. Ademais podedes botarlle unha doble ollada as fotos do torneo, no fotovaral e nunha nova carpeta inagurada por Cara na que podedes compartir as vosas imaxes.  So tedes que enviarnos un mail para saber a contraseña

Nas próximas horas actualizaremos as clasificacións e faremos un exaustivo análise das mesmas, permanecede atentos.





CHUPI, O SEU EQUIPO E ANA DIZ CAMPIÓNS DE INVERNO

15 01 2010
  • O 2009 rematou case como empezou pero este novo ano promete moitas alternativas.
  • Máis de 40 palaneadores candidatos aos playoffs finais.
  • A festa billardeira de cada torneo o mellor aval.

Mentres agardamos coas billardas en punta polos novos torneos, chega a hora de facer balance dende o ecuador da competición. Rematou o 2009 e rematou a primeira volta da lnb-sur 09-10, pero o mellor inda está por vir.

Redondela, Porriño, Moaña, Salceda e Mos deixáronnos ata 175 competidores, cunha media por torneo arredor da centena.

En redondela gozamos dun escenario urbano cheo de curiosos e curiosas que descubriron que ás veces dous paus dan moito xogo, mentres que o bucólico escenario da risca xuntou coma nunca tradición e natureza. Pero chegou o inverno e tivemos que pornos a cuberto, gozando máis xuntos ca nunca da animación músico-vocal quen nos ofrece a organización e espontáneos colaboradores. Destacar tamén o primeiro aberto da resaca celebrado en Mos, onde se viu quen recupera mellor dos duros e impredecibles sábados noite.

Pero 5 estalos despois, a clasificación está máis igualada que nunca, o que manterá a emoción ata o final, Os próximos 5 torneos decidirán os gañadores e clasificados, coa emoción engadida das revoltas que nos ofrecerá a clasificación ao descartar os peores resultados de cada palanador/a.

CLASIFICACIÓN POR EQUIPOS

A por eles que son menos! A escisión este ano dos Paquete Pinchas parecía non terlles afectado significativamente, pero comezan a apreciarse síntomas de debilidade nos grandes campións, que xa se viron dobregados nun par de torneos e só gañaron os seus pola mínima.

A Ghudalla, cunha canteira admirable de onde non paran de xurdir compoñentes, e os Lideiras coa familia que xoga unida gaña unida, xa lle deron a alternativa aos porriñeses, e na mesma busca están grandes equipos como Pincharango e Almuinha candidatos a conseguir o seu primeiro triunfo desta tempada.

Calquera de todos eles que logre manter un pouco de regularidade poderá roubarlles o camiño de Compostela aos paquete pinchas alá polo mes de maio.

GAÑADOR ABSOLUTO E PLAY-OFFS

Rubén Otero (LID) e Chupi (PAQ), actuais campións nacional e sur respectivamente seguen manténdose como grandes favoritos. O de Pontellas só tivo un pequeno esbarazo en Moaña, e o Lideiras, que xa se perdeu un torneo, só necesita un par de boas actuacións das que nos ten acostumados para chegar ao máis arriba.

Loitando o primeiro posto ata á última billarda esperamos ver aos dous polos opostos da liga, Amil (PAQ), que xa podemos bautizar como o máis irregular da competición, e Luis Enrique (ALM), un dos palanadores con mellor técnica de golpeo, que dificilmente vai baixar das alturas da competición.

Pra completar os que actualmente comporían a potente expedición do sur aos play-offs, atopamos dous pincharangos de xadrezística estratexia, Lemos (PIN) e Davide (PIN), cuxa clasificación estará condicionada a súa presenza nos próximos torneos, xa que sabemos que para eles tamén hai vida máis alá do varal. Ademais, Panzo (GHU), cunha exquisita regularidade, e Celso (LID), definitivamente o palanador que máis ten evolucionado na competición, non llo porán sinxelo a quen queira colarse entre os mellores.

UN PELOTÓN QUE TIRA PARA ACHEGARSE

Ata quince virtuais gañadores en Bueu poderían meterse entre os oito primeiros na próxima xornada, polo que a cousa está do máis aberta, e por arriba ninguén se pode durmir porque o pelotón está tirando forte.

Proba disto son Manolo (SFT) e Pablo (CUL), que xa estiveron entre os mellores e un mal torneo sacounos do podium. Por detrás temos unha liña de agresivos palanadores, de duro golpe e capaces de vencer a calquera como son os anárquicos Elvis (OES) e Tiago (CUR), ou os billardeiros de golpe seco Xosé Miguel (FAI) e Arosa (GHU), todos eles potenciais favoritos a gañar un torneo e achegarse aos mellores.

Apoiados nunha efectiva regularidade pero á falta dunha gran actuación temos a Gil (BEN), Cara (GHU) ou Oscar (CUR), de corte máis conservador, pero que teñen demostrado a súa calidade con boas clasificacións e estelares actuacións en torneos oficiosos, e só precisan dun golpe de efecto pra non quedarse en terra sen varal.

E así ata máis de corenta candidatos, seguramente algunha nova promesa xurdirá no 2010. Polo de pronto esteamos atentos a palanadores como Jacobo (GHU), Angel (TRE), Xurxo (ALM), Manuel Anxo (PAQ) ou Aarón (LID) que xa nos agasallaron con excepcionais participacións.

FÉMINAS, MÁIS CANTIDADE MÁIS CALIDADE

O 2009 seguiu sumando novas palanadoras á nosa liga, e con ilo e a melloría das máis experimentadas cada vez está máis preto unha vitoria absoluta feminina nun torneo da lnb-sur. Veremos se se produce neste 2010.

O trío de ases na punta da clasificación, con so dous puntos de diferenza, son Ana Diz (FAI), María (GHU) e Fátima (CUL), que seguen mellorando a súa técnica pra abandonar definitivamente os temidos golpes ao aire. Pero a forza feminina tamén chega dende Salceda, Pauliña (TRE) e Lorena (TRE) seguen a compensar a mellorable actuación dos seus colegas masculinos.

Polo momento, a viguesa é a que presenta unha mellor proxección, mentres que a dos Coulombio é a que menos veces se queda na fase de grupos, polo que parecen as dúas máis fortes pra facerse co campionato.

Con posibilidades de meterse no play-off, esperando un punto de inflexión no seu xogo, temos a unha serie de xogadoras xa experimentadas como Ana (CUR), Mucha (LID), Iolanda (LID) ou Esmeralda (CUL). Por outra banda Chus (SFT), vixente campiona da conferencia sur non acaba de atopar o xogo da campaña pasada e esta tendo actuacións moi discretas polo que terá que dalo todo ata fin de tempada para voltar a situarse entre as primeiras.Pero a competición billardeira non perde o seu dinamismo e calquera das incorporacións que inda se seguen a producir pode dar a sorpresa.

NON SÓ BILLARDA…

E entre palanazo e palanazo seguiremos gozando de máis apostas, máis música, máis narracións, máis vídeos, máis cervexa e máis licorcafé… e por suposto máis sorpresas que nos deparará este novo ano billardeiro…

Ollo ao Varal, e a seguir batendo!!





Vén bailar a Bueu

13 01 2010

Ao pavillón de Beluso, en Bueu, este sábado ás catro da tarde vénse a xogar á billarda. Pero se queres, tamén podes vir bailar. A iso te convida Xosé Manuel Gayoso, que nos enviou desde o Luar este vídeo do concurso “Vai de baile”. Por agora Gil e Viana encabezan a clasificación de bailadores, pero Gayoso & troupe esperan novas propostas saídas das cadeiras dos noso palanadores e palanadoras. Anímate!

Para os que non gostedes do dancing, Beluso segue a ser unha cita imprescindible. Ao I Aberto de Bueu chegamos con Chupi algo escapado na clasificación individual. Xa é campión de inverno, pero os seus perseguidores non llo van poñer fácil para o que queda de tempada. Por detrás están apreta Luis Enrique e o resto están bastante igualadados: hai moitos billetes en xogo para quen queira entrar nos Play-Offs. Tamén está a cousa aberta por equipos (que non se despisten os Paquete Pinchas), varados (con duelo clásico entre Chupi e Otero na cabeza) e na feminina (liderada con solvencia por Ana Diz, pero cun feixe de candidatas detrás).

Para que non vos perdades, neste enlace podedes ver un mapa coa ruta para chegar ao pavillón de Beluso. Clica á esquerda en “como chegar” e amosarache o camiño entre a ponte de Rande e Beluso.

E para quen vexa que non ten un talento especial para bailar e tampouco para darlle á billarda, aínda lle quedan as apostas. En Bueu repetimos quinibillarda no modelo estreado no último torneo de Mos. Ide remexendo os miolos pra poder predicir o resultado destes novos emparexamentos e acadar o primeiro pleno na historia da Quinibillarda.

Desta vez o sorteo deparounos impactantes enfrontamentos con cadros fracticidas nos que haberá que fiar fino, e que poden presentar máis sorpresas e por tanto máis variantes que na pasada xornada (lembrar que en cada cadro sitúase como caseiro o mellor clasificado). Podedes levar as vosas quinibillardas xa confeccionadas ou completalas o mesmo sábado antes da competición. A xogar! En beneficio de tod@s!





Máis lonxe que nunca: o 16 de xaneiro a LNB Sur chega a Bueu

8 01 2010

Para este mes temos unha sorpresa no calendario: xogaremos un torneo en Beluso (Bueu). Estreamos praza e facémolo máis lonxe que nunca grazas á iniciativa do Concello de Bueu e ás xestións da xente da A. C. Almuinha de Marín.

O torneo é o sábado 16 de xaneiro ás 16 h no pavillón de Beluso. A próxima semana darémosvos indicacións sobre como chegar. Vide abrigados!