Os Lideiras asaltan o galiñeiro capitaneados por Celso

29 12 2009
  • O veterano palanador de 71 anos triunfa no Aberto da Galiña de Mos e escala ata o 4º posto na xeral.
  • Os Lideiras conseguen a maior puntuación dun equipo nun campionato este ano e colócanse cuartos na clasificiación.
  • Ana Diz é a mellor palanadora do torneo e mantense no liderato feminino, mentres que Aarón debuta con tres varados nun só día.
  • Éxito do novo formato da quinibillarda: 56 participantes e catro acertantes de cinco apostas.

Máis tarde que nunca, chega a crónica da quinta xornada da LNB Sur. Case nos pasamos ao ano seguinte sen informarvos de como quedou a xornada, como vai a clasificación e quen se leva o premio da quiniela, pero superados os impedimentos loxísticos/temporais, aquí estamos para informarvos, da forma máis telegráfica posible do sucedido. De como vai a clasificación podedes poñervos ao día aquí.

No I Aberto da Galiña de Mos participaron 94 palanadores e palanadoras que se sobrepoñeron ao frío siberiano que corría polo pavillón da Peña de Francia. Xogamos en dúas pistas: dúas algo máis curtas e estreitas fóra, cunha pista de asfalto, e dúas dentro, máis longas pero moi rápidas. As finais foron nestas últimas, nas que se viron a maioría dos varados da xornada.

Celso, nunha imaxe de arquivo

Vence Celso
En Mos estiveron a maior parte dos favoritos, e algúns deles non conseguiron pasar das roldas preliminares, como Xosé Miguel, Amil, Pablo, Tiago ou Fátima. Nas eliminatorias puidemos ver algúns duelos moi intersantes, como os que protagonizaron en cuartos de final de Chupi e Luis Enrique (1º e 2º na xeral) e Celso e Rubén Otero (pai e fillo). As semifinais foron entre membros dos mesmos equipos. Por unha banda dous Lideiras: o veterano Celso, 71 anos e unha traxectoria ascendente na LNB, e Aarón, debutante do mesmo equipo. Pola outra banda dous Paquete Pinchas: Chupi, líder sólido da clasificación, e Manuel Anxo, outra das sorpresas da xornada.

Chupi e Celso venceron aos seus finais e chegaron a unha fina moi igualada: foron necesarios dous desempates para proclamar a Celso gañador do seu torneo e merecedor do galo de Mos. Na final de consolación, Aarón asinou o seu terceiro varado da tarde e acadou a terceira posición. A vitoria serviulle a Celso para subir da 9ª á 4ª praza da clasificación individual e confirmar o seu bo momento de forma. O resto da clasificación non sofre cambios significativos, aínda que Chupi segue ensanchando a vantaxe sobre os seus perseguidores.

Lideiras bate a marca de puntos da tempada
Nada menos que 25 puntos conseguiu Lideiras: a mellor marca desta tempada. Foi grazas ás grandes actuacións de Celso, Aarón e Rubén Otero. Os outros equipos destacados da xornada foron Oestrimnios, que reapareceron con Elvis, Aníbal e Rubén en boa forma; A Ghudalla, nos que volveron destacar Cara e o sempre regular Panzo; e Paquete Pinchas, liderados por Chupi e Manuel Anxo. Foi unha boa xornada para Branco e Negro, que con 12 puntos conseguiu o seu mellor rexistro histórico. Pola contra, Culombio confirmou o seu mal estado de forma, ao non pasar dos 6 puntos.

No que se refire á clasificación por equipos, o gran beneficiado desta xornada é Lideiras, que escala postos ata a 4ª posición, mentres cae na táboa Treze Catorze, ausentes o pasado domingo. En cabeza mantense Paquete Pinchas.

Ana Diz e Chupi, na cabeza das clasificacións feminina e de varados
Ana Diz volveu ser a mellor palanadora, ao caer en dezaseisavos de final. Tamén Iolanda de Lideiras e María da Ghudalla conseguiron dous puntos ao ser terceiras dos seus grupos. A da Faísca consolídase no liderado feminino con 12 puntos, dous máis que María e Fátima.

En canto á clasificación de varados, Chupi consegue manterse en cabeza en solitario con catro varados tras o logrado en Mos, polo que é neste momento líder individual e de varados, e o seu equipo a mellor escuadra. Ségueno con tres varados Xosé Miguel, Luis Enrique, Rubén Otero e Aarón.

Catro acertantes da Quinibillarda
En canto á Quinibillarda, este foi o resultado final:
Chupi (PAQ) – Xosé Miguel (FAI): 1
Celso (LID) – Tiago (CUR): 1
Luis Enrique (ALM) – Amil (PAQ): 1
Ana Diz (FAI) – María (GHU): 1
Pincharango – A Ghudalla: 2
Lemos (PIN) – Fuco (BEN): 1

Houbo 56 apostas, polo que se recadaron 56 euros. Non houbo ningún acertante de 6. Os catro acertantes de 5 repártense o 50% do recadado: 28 euros. Son: Moi Culombio, Josué-Mucha Lideiras, Carolina Magán e Davide Gándara. Cada un deles recibirá na próxima xornada 7 euros.

*Actualización
Logo de revisar as actas, atopamos un erro: Rubén Otero conseguiu en Mos dous varados, polo que ten en total catro e empata na cabeza da clasificación de varados con Chupi.

Advertisements

Accións

Information

One response

30 12 2009
Alcohol alcohol!!

vara’o!
vara’o vara’o vara’o!
nos viñemos facer vara’o
o gañador danos igual!!

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s




%d bloggers like this: