- O dos Pincharango venceu a Chupi cun varado nunha tarde na que se conseguiron 16
- Pauliña convertiuse na primeira xogadora en facer un varado, e Ana Diz e Lorena tamén conseguiron os seus
- Os Paquete Pinchas volven gañar e mantñense na cabeza da clasificación
- No pavillón de Salceda as pinchas bailaron a ritmo de pimba e Sarri Sarri
Que máis dá que chova cando á sombra dun pavillón tan xeitoso como o de Salceda se pode xogar a seco e sen mollarse! Ás billardas gustoulles o terreo no que se desputou o aberto organizado polos de Pincharango, e demostrárono esvarando con soltura por unha pista rápida e propicia para saídas de campo… e varados!
Caeron nada máis e nada menos que 16. Tres xogadores fixérono por partida doble: Luís Enrique (Almuinha), Darío (Pincharango) e Pinto (Faísca). E as mulleres demostraron o altísimo nivel que están acadando esta tempada cos primeiros varados con selo feminino na LNB Sur: o primeiro foi de Pauliña (Treze Catorze), á que seguiron a súa compañeira Lorena e Ana Diz (Faísca).
En total, en Salceda participaron 74 palanadores. Houbo ausencias destacadas dalgúns dos favoritos, como Otero, Xosé Miguel, Tiago e Alberte, pero os que estiveron demostraron un nivel altísimo. Os Treze Catorze meteron un feixe de palanadores en dezaseisavos, pero todos caeron axiña. A Ghudalla amosou ter varias bazas boas: Panzo meteuse en cuartos e subiu outro pouco na xeral (xa é 4º), mentres Arosa se desquitou de tres torneos horribles; foi o primeiro en chegar a Salceda e a base de entrenamento colouse nas semifinais. Con 20 puntos, o equipo de Moaña quedou a un só do mellor equipo do torneo, que volveron ser Paquete Pinchas.
A un paso das semis quedou Celso, que este sábado liderou os Lideiras. Na xogada máis polémica do partido (e do que vai de tempada), un golpe seu pegou nun dos paus do varal e o comité arbitral tivo que decidir se o fixo por dentro ou por fóra. Ao final resolveuse que por fóra, ante o disgusto do xogador.
Celso perdeu ante Lemos, dos Pincharango, que despois de quedar terceiro no seu grupo foi mellorando de xogo ao longo das eliminatorias e acabou por chegar en plena forma a semifinais, onde eliminou a Arosa. Polo outro lado do cadro chegaron dous Paquetes, Amil e Chupi. O ninja de Pontellas, non perdeu puntería a pesar de que cortou o pelo, e deixou fóra ao seu compañeiro de equipo. Amil acabaría terceiro e consolídase nesa mesma praza na clasificación.
Á gran final Lemos chegou cheo de moral e reventou todos os prognósticos: non só gañou por primeira vez un xogador do equipo organizador, senón que o fixo ao grande: cun varado. O pavillón case cae da emoción!
Pero realmente impresionante foi comprobar o altísimo nivel que están a acadar as palanadoras, e non só a base de varados. Lorena de Treze Catorze quedou co premio á mellor muller do torneo, ao caer en cuartos diante do campión e líder do campionato: Chupi. O sábado tamén pasaron de rolda Fátima, Ana Diz, Pauliña e María da Ghudalla. Elas as cinco parecen as máis fortes desta tempada, pero non poden perder de vista a outras xogadoras que apuntan maneiras, como Lara da Ghudalla ou as veteranas Sita dos Roxos e Mucha de Lideiras, ademais de dúas das mellores do ano pasado que este ano aínda non atoparon o seu xogo: Chus de Se Foras Traballar e Ana dos Currichos.
E do torneo quedámonos tamén coa animación do público, que non perdeu nin un golpe das dúas pistas mentres palmeaba e bailaba ao ritmo da selección musical de Dj Gil. Para recrear o ambiente, que mellor que lembrar dúas das cancións máis coreadas polo graderío este sábado: o pimba de Quim Barreiros na garagem da vizinha, e o rock vasco de Kortatu celebrando a fuga de Sarri. Música!
http://www.elpais.com/articulo/Galicia/Juegos/chapados/antigua/elpepiautgal/20091203elpgal_13/Tes