Os Lideiras asaltan o galiñeiro capitaneados por Celso

29 12 2009
  • O veterano palanador de 71 anos triunfa no Aberto da Galiña de Mos e escala ata o 4º posto na xeral.
  • Os Lideiras conseguen a maior puntuación dun equipo nun campionato este ano e colócanse cuartos na clasificiación.
  • Ana Diz é a mellor palanadora do torneo e mantense no liderato feminino, mentres que Aarón debuta con tres varados nun só día.
  • Éxito do novo formato da quinibillarda: 56 participantes e catro acertantes de cinco apostas.

Máis tarde que nunca, chega a crónica da quinta xornada da LNB Sur. Case nos pasamos ao ano seguinte sen informarvos de como quedou a xornada, como vai a clasificación e quen se leva o premio da quiniela, pero superados os impedimentos loxísticos/temporais, aquí estamos para informarvos, da forma máis telegráfica posible do sucedido. De como vai a clasificación podedes poñervos ao día aquí.

No I Aberto da Galiña de Mos participaron 94 palanadores e palanadoras que se sobrepoñeron ao frío siberiano que corría polo pavillón da Peña de Francia. Xogamos en dúas pistas: dúas algo máis curtas e estreitas fóra, cunha pista de asfalto, e dúas dentro, máis longas pero moi rápidas. As finais foron nestas últimas, nas que se viron a maioría dos varados da xornada.

Celso, nunha imaxe de arquivo

Vence Celso
En Mos estiveron a maior parte dos favoritos, e algúns deles non conseguiron pasar das roldas preliminares, como Xosé Miguel, Amil, Pablo, Tiago ou Fátima. Nas eliminatorias puidemos ver algúns duelos moi intersantes, como os que protagonizaron en cuartos de final de Chupi e Luis Enrique (1º e 2º na xeral) e Celso e Rubén Otero (pai e fillo). As semifinais foron entre membros dos mesmos equipos. Por unha banda dous Lideiras: o veterano Celso, 71 anos e unha traxectoria ascendente na LNB, e Aarón, debutante do mesmo equipo. Pola outra banda dous Paquete Pinchas: Chupi, líder sólido da clasificación, e Manuel Anxo, outra das sorpresas da xornada.

Chupi e Celso venceron aos seus finais e chegaron a unha fina moi igualada: foron necesarios dous desempates para proclamar a Celso gañador do seu torneo e merecedor do galo de Mos. Na final de consolación, Aarón asinou o seu terceiro varado da tarde e acadou a terceira posición. A vitoria serviulle a Celso para subir da 9ª á 4ª praza da clasificación individual e confirmar o seu bo momento de forma. O resto da clasificación non sofre cambios significativos, aínda que Chupi segue ensanchando a vantaxe sobre os seus perseguidores.

Lideiras bate a marca de puntos da tempada
Nada menos que 25 puntos conseguiu Lideiras: a mellor marca desta tempada. Foi grazas ás grandes actuacións de Celso, Aarón e Rubén Otero. Os outros equipos destacados da xornada foron Oestrimnios, que reapareceron con Elvis, Aníbal e Rubén en boa forma; A Ghudalla, nos que volveron destacar Cara e o sempre regular Panzo; e Paquete Pinchas, liderados por Chupi e Manuel Anxo. Foi unha boa xornada para Branco e Negro, que con 12 puntos conseguiu o seu mellor rexistro histórico. Pola contra, Culombio confirmou o seu mal estado de forma, ao non pasar dos 6 puntos.

No que se refire á clasificación por equipos, o gran beneficiado desta xornada é Lideiras, que escala postos ata a 4ª posición, mentres cae na táboa Treze Catorze, ausentes o pasado domingo. En cabeza mantense Paquete Pinchas.

Ana Diz e Chupi, na cabeza das clasificacións feminina e de varados
Ana Diz volveu ser a mellor palanadora, ao caer en dezaseisavos de final. Tamén Iolanda de Lideiras e María da Ghudalla conseguiron dous puntos ao ser terceiras dos seus grupos. A da Faísca consolídase no liderado feminino con 12 puntos, dous máis que María e Fátima.

En canto á clasificación de varados, Chupi consegue manterse en cabeza en solitario con catro varados tras o logrado en Mos, polo que é neste momento líder individual e de varados, e o seu equipo a mellor escuadra. Ségueno con tres varados Xosé Miguel, Luis Enrique, Rubén Otero e Aarón.

Catro acertantes da Quinibillarda
En canto á Quinibillarda, este foi o resultado final:
Chupi (PAQ) – Xosé Miguel (FAI): 1
Celso (LID) – Tiago (CUR): 1
Luis Enrique (ALM) – Amil (PAQ): 1
Ana Diz (FAI) – María (GHU): 1
Pincharango – A Ghudalla: 2
Lemos (PIN) – Fuco (BEN): 1

Houbo 56 apostas, polo que se recadaron 56 euros. Non houbo ningún acertante de 6. Os catro acertantes de 5 repártense o 50% do recadado: 28 euros. Son: Moi Culombio, Josué-Mucha Lideiras, Carolina Magán e Davide Gándara. Cada un deles recibirá na próxima xornada 7 euros.

*Actualización
Logo de revisar as actas, atopamos un erro: Rubén Otero conseguiu en Mos dous varados, polo que ten en total catro e empata na cabeza da clasificación de varados con Chupi.





Axenda do 26 D

25 12 2009

Mentres agardamos ansiosos a crónica e a clasificación que  tras o aberto de mos estára mais apertada ca nunca, aproveitamos para informarvos de dous actos previstos para o 26 D.



Por un lado os compañeiros da A.C. Almuinha recibirán a visita do Apalpador e rematarán a noite con música en directo como podedes ver no seu blogue. Por outro Siareir@s Galeg@s organiza actos en Compostela entre os que se inclue o II Aberto de Billarda da Autentica que contará con palanadores das distintas conferencias. Mais info en O Varal.

Xa sabes, se tes un Sábado ocioso non te quedes na casa.





O Apalpador achegarase a Mos

18 12 2009

ÚLTIMA HORA: O Domingo 20 O Apalpador ten prevista unha parada en Mos para agasallar con lambetadas aos palanadores  da Conferencia Sur.

Un finde no que na axenda ademais de Billarda duas equipas participantes na LNB Sur  teñen organizaodos distintos actos dos que te podes informar nos enlaces permantes que manteñen no noso blogue, os Treze-Catorce e Almuinha.





Video da 4ª Xornada. Salceda

17 12 2009




Análise da próxima quinibillarda

16 12 2009

O Sanedrín de Expertos Billardeiros fainos chegar o seu pronóstico para o boleto do próximo domingo. Aconsellámoste unha atenta lectura para aumentar as túas posibilidades, pero a quinibillarda aínda non permite múltiples polo que a última decisión terás que tomala ti.

Cadro 1: FÁTIMA (CUL) – LORENA (TRE); de non poder asistir ao torneo os 13-14, este enfrontamento quedaría substituído. De todas formas, de contar coa presenza de Lorena, presumímola máis concentrada na conciencia medioambiental que no palán, e coa difícil rival quinielística que lle tocou en sorte dámoslle poucas opcións. 1.

Cadro 2: CHUPI (PAQ) – XOSÉ MIGUEL (FAI); o pequeno gran faisco non llo porá sinxelo ao líder, pero o ritmo perdido coa súa ausencia en Salceda pode ser un handicap. Confiamos no Paquetepincha. 1.

Cadro 3: CELSO (LID) – TIAGO (CUR); Celso chegará convencido de metelas polo medio para evitar moviolas, e Tiago pode pagar os platos rotos. Pero o pontareano non é home de medias tintas. Calquera cousa menos tablas. 1-2.

Cadro 4: LUIS ENRIQUE (ALM) – AMIL (PAQ); o palanador revelación contra o vencedor de Moaña. Amil só pinchou en Redondela e Luis Enrique mantén unha aplastante regularidade. O enfrontamento máis aberto. 1-x-2.

Cadro 5: ANA DIZ (FAI) – MARÍA (GHU); dúas das palaneadoras máis en forma do momento. A forza de María empeza a coller control pero Ana é a líder en solitario das féminas e a pista rápida de Mos pode favorecerlle. 1-x.

Cadro 6: PINCHARANGO – A GHUDALLA; duelo por todo o alto. Os dous máximos perseguidores dos paquetes repártense victorias parciais entre eles nos catro torneos disputados, pero cremos que xa chegou a hora de Pincharango; Lemos, Davide, e Lolo tentarán comandar o equipo incluso ata a unha vitoria absoluta. 1.

Cadro 7: MANOLO (SFT) – FRAN (TRE); o primeiro enfrontamento reserva tamén está no aire pola dúbida da presenza de Fran. Pero Manolo tentará recuperar a boa forma perdida en Salceda e apostamos porque máis preto da casa non se deixará vencer. 1-x.

Cadro 8: LEMOS (PIN) – FUCO (BEN); o cadro oito pode traernos un premio millonario. Fuco tentará por fin unha actuación regular e dar a sorpresa ante o emerxente Lemos. O sinxelo é apostar a vitoria local. 1-2.

Cadro 9: PANZO (GHU) – PABLO (CUL); o cámara da Lnb, como o reporteiro Fuco, ve eclipsada as súas actuacións deportivas por as súas achegas a Televaral, pero o seu octavo posto non é casualidade. O inda pouco coñecido Panzo nunca ten un mal golpe e parece difícil de derrotar. 1-x.

Cadro 10: SE FORAS TRAB. – OESTRIMIOS; os locais alternan torneos de bo traballo con outros de case nin rañala polo que a versión que nos ofrecerán en Mos é toda unha incógnita. Oestrimios perdéronse a cita de Salceda pero os seus agresivos palanadores son unha verdadeira ameaza. Apostamos por eles. 2.





Os palanadores toman a palabra

15 12 2009

A falta de confirmar quen serán os encargados de retransmitir as badaladas de fin de ano a golpe de palán, TELE VARAL estrea un dos seus programas máis esperados.

Demandado nos últimos tempos por todas as afeccións, ávidas de coñecer as impresións dos seus grandes ídolos, chega a primeira edición de VERBA DE VARAL para ofrecerlles as declaracións das mellores palaneadoras e palaneadores do país.

Gravado en Salceda DC, no 4º torneo da LNB-SUR, por fin podemos escoitar aos artistas do palán. E por suposto, para un seguimento adaptado e comprensible por todos,,, ofrécese en versión orixinal subtitulada!

Aproveitamos para agradecer a todos os competidores que sigan colaborando con TELE VARAL, acudindo aos diferentes programas, entrevistas e roldas de prensa, como deferencia a todos os nosos seguidores e telespectadores.





A Quinibillarda

12 12 2009

O Domingo 20 estrearemos o novo formato da Quinibillarda. Na 5ª xornada da LNB Sur a aposta consistirá en atinar o resultado no torneo  dos palanadores que aparecen no boleto. En cada casilla deberá marcarse  1 ou 2  para apostar polo palanador que chegue mais lonxe no torneo, e un x si pensamos que cairán na mesma rolda.

Ademais dos primeiros 6 enfrontamentos a contabilizar na Quinibillarda tamén aparecen 4 reservas que so contabilizará no caso que algún palanador incluido no boleto non poidese asistir ao aberto. Os Duelos da Quinibillarda iranse mudando nas distintas xornadas.

Para os acertantes dos 6 enfrontamento repartirase o 70% do recadado, no caso de que ninguén atine os seis enfrontamentos os acertantes de 5 faranse co 50% do bote quedando o resto para gastos da LNB, xa que como todos sabemos carece de nengún tipo de axuda institucional e avanza grazas o esforzo de cada un dos seus participantes.  SORTE!!!!







En Nadal tamén andaremos a paus

10 12 2009

O día 20 do Mes de Nadal teremos  unha nova cita da LNB Sur. O primer aberto da Galiña de Mos por primeira vez desputarase en Domingo e agardannos varias novidades. Permanecede atentos.





Lemos rompe o maleficio do organizador no aberto con máis varados

1 12 2009
  • O dos Pincharango venceu a Chupi cun varado nunha tarde na que se conseguiron 16
  • Pauliña convertiuse na primeira xogadora en facer un varado, e Ana Diz e Lorena tamén conseguiron os seus
  • Os Paquete Pinchas volven gañar e mantñense na cabeza da clasificación
  • No pavillón de Salceda as pinchas bailaron a ritmo de pimba e Sarri Sarri

Que máis dá que chova cando á sombra dun pavillón tan xeitoso como o de Salceda se pode xogar a seco e sen mollarse! Ás billardas gustoulles o terreo no que se desputou o aberto organizado polos de Pincharango, e demostrárono esvarando con soltura por unha pista rápida e propicia para saídas de campo… e varados!

Unha pista de luxo, un campión sen melenas

Caeron nada máis e nada menos que 16. Tres xogadores fixérono por partida doble: Luís Enrique (Almuinha), Darío (Pincharango) e Pinto (Faísca). E as mulleres demostraron o altísimo nivel que están acadando esta tempada cos primeiros varados con selo feminino na LNB Sur: o primeiro foi de Pauliña (Treze Catorze), á que seguiron a súa compañeira Lorena e Ana Diz (Faísca).

As tres raíñas dos varados: Ana Diz, Pauliña e Lorena

As tres raíñas dos varados: Ana Diz, Pauliña e Lorena

En total, en Salceda participaron 74 palanadores. Houbo ausencias destacadas dalgúns dos favoritos, como Otero, Xosé Miguel, Tiago e Alberte, pero os que estiveron demostraron un nivel altísimo. Os Treze Catorze meteron un feixe de palanadores en dezaseisavos, pero todos caeron axiña. A Ghudalla amosou ter varias bazas boas: Panzo meteuse en cuartos e subiu outro pouco na xeral (xa é 4º), mentres Arosa se desquitou de tres torneos horribles; foi o primeiro en chegar a Salceda e a base de entrenamento colouse nas semifinais. Con 20 puntos, o equipo de Moaña quedou a un só do mellor equipo do torneo, que volveron ser Paquete Pinchas.

Arosa, o coloso da Ghudalla

A un paso das semis quedou Celso, que este sábado liderou os Lideiras. Na xogada máis polémica do partido (e do que vai de tempada), un golpe seu pegou nun dos paus do varal e o comité arbitral tivo que decidir se o fixo por dentro ou por fóra. Ao final resolveuse que por fóra, ante o disgusto do xogador.

O reporteiro Fuco entrevista a Celso logo da xogada da polémica

Celso perdeu ante Lemos, dos Pincharango, que despois de quedar terceiro no seu grupo foi mellorando de xogo ao longo das eliminatorias e acabou por chegar en plena forma a semifinais, onde eliminou a Arosa. Polo outro lado do cadro chegaron dous Paquetes, Amil e Chupi. O ninja de Pontellas, non perdeu puntería a pesar de que cortou o pelo, e deixou fóra ao seu compañeiro de equipo. Amil acabaría terceiro e consolídase nesa mesma praza na clasificación.

Veteranía no sur: Pepe, Celso, Mucha e Sita

Á gran final Lemos chegou cheo de moral e reventou todos os prognósticos: non só gañou por primeira vez un xogador do equipo organizador, senón que o fixo ao grande: cun varado. O pavillón case cae da emoción!

Espectación no golpe que lle deu a vitoria a Lemos

Pero realmente impresionante foi comprobar o altísimo nivel que están a acadar as palanadoras, e non só a base de varados. Lorena de Treze Catorze quedou co premio á mellor muller do torneo, ao caer en cuartos diante do campión e líder do campionato: Chupi. O sábado tamén pasaron de rolda Fátima, Ana Diz, Pauliña e María da Ghudalla. Elas as cinco parecen as máis fortes desta tempada, pero non poden perder de vista a outras xogadoras que apuntan maneiras, como Lara da Ghudalla ou as veteranas Sita dos Roxos e Mucha de Lideiras, ademais de dúas das mellores do ano pasado que este ano aínda non atoparon o seu xogo: Chus de Se Foras Traballar e Ana dos Currichos.

Foto de familia de Pincharango: gran organización, gran resultado

E do torneo quedámonos tamén coa animación do público, que non perdeu nin un golpe das dúas pistas mentres palmeaba e bailaba ao ritmo da selección musical de Dj Gil. Para recrear o ambiente, que mellor que lembrar dúas das cancións máis coreadas polo graderío este sábado: o pimba de Quim Barreiros na garagem da vizinha, e o rock vasco de Kortatu celebrando a fuga de Sarri. Música!