Chupi e os 108 palanadores

4 10 2009
  • Chupi e Paquete Pinchas, gañadores da xornada
  • Record de participación na LNB: 108 palanador@s
  • Pincharango confírmase como equipo revelación

A Chupi parece que a competencia lle senta ben. Cando a LNB Sur está máis igualada que nunca, cunhas cotas de participación en cada xornada espectaculares e cuns palanadores e palanadoras cada vez en mellor estado de forma, o Ninja de Pontellas desmárcase na clasificación gañando dous torneos seguidos, os dous primeiros da tempada.

porrinho2

Este sábado no monte da Risca volveuse marcar un record de participación nun torneo de billarda: 108 palanadores participaron no II Torneo de Pincha do Porriño “Festas do Cristo”. A esplanada da Risca converteuse no Rolland Garros da billarda, con catro pistas para xogar de forma simultánea. Unha infraestrutura necesaria para administrar a marea de xogadores desta tempada, que desborda espectativas.

Chupi gañou de novo con autoridade. Aínda que comezou con dúbidas no seu grupo, resolveu todos os cruces con solvencia, e iso que lle tocou bailar cos máis feos… no sentido deportivo, por suposto. No seu camiño caeron Pablo dos Paquete Pinchas (gañador en Vigo o ano pasado), Xosé Miguel de Faísca (líder dos varados), Davide de Pincharango (o xogador revelación da tempada) e Rubén Otero dos Lideiras (o campión nacional e o seu máximo rival).

Na final agardábao Luis Enrique, co que xa coincidira no grupo clasificatorio. O de Almiuinha confirmou as boas sensacións que dera o ano pasado e en Redondela ao colarse na súa primeira final. Para chegar aí tampouco tivo un camiño fácil: eliminou a Manolo de Se Foras Traballar (que comezou a liga nun espléndido estado de forma), Fran dos Trece Catorce (campión no Aberto da Poesía de Salvaterra), Lolo de Pincharango (un debutante que apunta boas maneiras) e Amil (que brillou a un altísimo nivel).

A final

A final prometía ser emocionante, pero Chupi deixounos a todos coa boca aberta: fixo un varado espectacular que arrancou as ovacións do público que rodeaba a pista. Resolveu desta maneira o torneo, sen darlle oportunidade ao seu rival para superar o shock. A loita polo terceiro e cuarto posto foi reñida: Rubén Otero e Amil empataron con dous lanzamentos espectaculares nos que deixaron a billarda a un metro do varal no seu primeiro golpe. No desempate, Otero fíxose coa terceira praza.

Así quedamos co varado de Chupi na final

Así quedamos co varado de Chupi na final

Varados e clasificación feminina

As pistas da Risca eran longas, máis ben estreitas e cunha superficie de xabre que facía complicado levantar a billarda. Aínda así houbo dous varados: o de Chupi na final e outro de Rubén Otero. As condicións da pista atragantáronselle ás mellores palanadoras, de xeito que entre as mulleres só Fátima acadou a 3ª praza do seu grupo. E non o fixo nun grupo fácil, pois nel estaban os dous que chegarían á final. Agora encabeza a clasificación feminina empatada con Pauliña dos Treze Catorze, con 3 puntos cada unha.

As mellores equipas

Os Paquete Pinchas proclamáronse mellor equipo da xornada grazas ao 4º posto de Amil e o 1º de Chupi. Por un punto impuxéronse aos Pincharango, que demostraron que as boas vibracións que transmitiron na primeira xornada non eran casuais: Davide, Lolo, Arturo e Lemos firmaron actuacións destacadas e sumaron 19 puntos para o equipo, que xa é segundo na clasificación xeral con 32 puntos, só por detrás de Paquete Pinchas, que ten 38.

Outros que estiveron moi finos no Porriño foron Se Foras Traballar. Se na primeira xornada non lograron bos resultados, nesta ocasión sumaron 17 puntos grazas ás boas actuacións de Luis e Manolo e de dúas fichaxes deste ano: Pedro e Juan. Isto serviulles para subir do posto 11º da clasificación ao 5º. Na clasificación xeral por equipos, colócase en 3ª posición Almuinha, moi regulares, e na 4ª A Ghudalla, que este sábado pincharon no Porriño.

Os 8 mellores, de 8 equipos diferentes

A clasificación individual está comandada por Chupi co seu pleno: 10 + 10. A segunda praza compártena Rubén Otero, Luis Enrique e Davide, con 13 puntos. Quinto é Xosé Miguel da Faísca con 11 puntos, e na sexta praza empatan con 9 Pablo (Culombio), Jacobo (A Ghudalla) e Manolo (Se Foras Traballar). Un dato que fala do igualada que arranca a liga entre os equipos é que os 8 primeiros na clasificación individual, os que ocuparían os postos que dan acceso ao Play-Off, pertencen a 8 equipos diferentes.

Tres gañadores na quinibillarda

A Quinibillarda do sábado recadou 30 euros en 30 apostas. Houbo 3 gañadores, que apostaron por Chupi e polos Paquete Pinchas: a nai, a moza e o irmán de Chupi. Eles repartíronse o 70% reservado para premios, é dicir, 21 euros, 7 euros cada un.

Xa podes consultar a clasificación no apartado correspondente do blog, e podes ver fotos do torneo no FotoVaral.

Advertisements

Accións

Information

2 responses

5 10 2009
Fátima

Chupi!!! Eres unha máquina!!! E iso que era pista de terra, que en teoría dáxeche mal… Si señor!

5 10 2009
Trece

Parabéns para a orghanización, isto cada vez e máis espectacular, 223 fotos, meghafonia… e supoño que video de Pablo que cada vez faino mellor.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s




%d bloggers like this: