Amil gaña en Moaña; Luis Enrique presiona na clasificación

21 10 2009
  • Paquete Pinchas gaña por equipos e mantense líder
  • Almuinha dá moita guerra: meteu a dous en semis e ponse 2º na xeral
  • Temos equipo novo: Iríache Mellor
  • Branco e Negro bate un récord: conseguir 1 só punto nun torneo

Pasou unha xornada máis, a terceira xa, e veu demostrar que aínda que parecía que Chupi arrancaba arrasando, este ano a liga vai estar moi igualada. Os 101 dálmatas da billarda que se congregaron en Moaña á chamada dos da Ghudalla demostraron que hai talento e competitividade, e que as vitorias se venden caras. Clicade aquí para ver todas as fotos.

Os Andrés Montes e Salinas das retransmisións da billarda

Os Andrés Montes e Salinas das retransmisións da billarda

Desta volta o gañador foi Amil, dos Paquete Pinchas, que se estrea como vencedor dun aberto oficial. Amil tiña o brazo solto, como demostrou cun varado en cuartos de final e con seriedade e concentración conseguiu facerse co torneo vencendo na final a Jurjo. O de Almuinha chegaba por primeira vez a unha final: é un xogador regular que sabiamos que un día ou outro ía ter a súa oportunidade de chegar lonxe nos torneos.

Amil, vencedor en Moaña

En semis quedaron Óscar dos Currichos (4º), outro xogador regular con calidade para sorprender, e Luis Enrique de Almuinha (3º), que colleitou 8 puntos por segunda xornada consecutiva. Válenlle para colocarse 2º na xeral, con 21 puntos e a só 2 de Chupi. O líder dos Paquete Pinchas desta volta caeu en 16avos, e perde boa parte da súa vantaxe na clasificación. Amil escalou ata a 3ª posición da xeral, na que empata con Rubén Otero a 17 puntos. Por detrás quedan Davide de Pincharango (16 ptos.), Panzo da Ghudalla e Manolo de Se Foras Traballar con 14 e Xosé Miguel de Faísca e Tiago dos Currichos con 13.

Cara, ademais de palanador, é un excelente canteiro que fixo o trofeo para o mellor equipo

Cara, ademais de palanador, é un excelente canteiro que fixo o trofeo para o mellor equipo

Palanadoras acertadas

No torneo de Moaña as palanadoras estiveron máis atinadas que en xornadas anteriores. Catro conseguiron pasar de grupos. Ana Diz foi a mellor no seu grupo e colleitou 4 puntos que lle permiten poñerse líder da clasificación feminina con 6. Tamén pasaron ás roldas Benchara de Se Foras Traballar (unha das sorpresas da xornada), María da Ghudalla (unha xogadora na que o equipo ten postas moitas esperanzas) e Fátima (a máis regular das palanadoras).

Duelo Paquetes-Almuinha

Máis mexilóns para os Paquete Pinchas

Máis mexilóns para os Paquete Pinchas

Os mellores equipos da xornada foron Paquete Pinchas e Almuinha. Parece que aos dous equipos se lles dá ben xogar en Moaña, porque o ano pasado empataron a puntos e este ano foi por un puntiño que os de Pontellas levaron de novo os mexilóns para casa. Tamén fixeron unha gran xornada Se Foras Traballar, un equipo que mellorou moito coas novas fichaxes e co excelente estado de forma de Manolo, e Pincharango, que logo de tres xornadas xa non son unha sorpresa para ninguén. Por outra parte, Branco e Negro bateu un récord insuperable no torneo: a puntuación máis baixa lograda por un equipo nun aberto: 1 punto, meritorio se temos en conta a cantidade de xogadores que presentaron.

A Almuinha faltoulle un puntiño... pero de todas formas están contentos

A Almuinha faltoulle un puntiño... pero de todas formas están contentos

Hai que engadir que en Moaña debutou un equipo que agardemos que teña continuidade: Iríache Mellor. Un dos seus, Iago, conseguiu clasificarse e asinar un varado. Rubén Otero fixo outro, que lle serve para empatar con Chupi na segunda praza da clasificación de brazos duros. Tamén fixeron un Amil, Fredo e Josué.

Cita en Maceda co Castañazo

Cambiando de tema, este sábado 24 de agosto celébrase en Maceda (Ourense) o Castañazo. Ademais de escoitar ao Sonoro Maxín, Os Tres Trebóns, Som do Galpóm e Fracasados de Antemano, se vos pasades por alí podedes participar no torneo de billarda que organizan a partir das 16.30 h. Hai posibilidade de durmir nun pavillón de balde e de cear por 6 euros, pero para iso hai que avisar canto antes. Apuntádevos!

castanhazo_maceda

E para rematar, aquí podedes ver o vídeo do anterior torneo, o 2º da liga no Porriño.

Advertisements




3ª xornada: collede as cachisas… volvemos a Moaña

13 10 2009

Atención palanadores e palanadoras: este mes temos ración dobre de billarda. Se no Porriño zoaron as pinchas, en Moaña van bailar as cachisas! O 2º Torneo de Cachisa de Moaña vaise celebrar este sábado 17 de outubro no IES Paralaia ás catro da tarde, organizado pola Asociación Cultural A Ghudalla. Na súa web podes atopar un mapa para non perdervos no camiño.

En Moaña volveremos poñer a proba o record de participantes nun torneo da LNB, co reto que supón para sacar un torneo adiante antes de que caia o sol. Pero tranquilos: desta volta temos pavillón. E ademais estrearemos un novo sistema de sorteo. Dado que o bombo da LNB Sur non ten máis que 90 bolas e xa se nos quedan escasas para a cantidade de participantes que somos, imos pasar do analóxico ao dixital: abandonamos o bombo e faremos o sorteo por sistema electrónico. Billarda hi-tech!

supercomputador

O enxeñeiro que deseñou o supercomputador que se usará no sorteo nunca xogou á billarda

Esta entrañable imaxe de Fuco e Fátima sacando nomes do bombo da LNB non se volverá repetir

Esta entrañable imaxe de Fuco e Fátima sacando nomes do bombo da LNB non se volverá repetir





Chupi e os 108 palanadores

4 10 2009
  • Chupi e Paquete Pinchas, gañadores da xornada
  • Record de participación na LNB: 108 palanador@s
  • Pincharango confírmase como equipo revelación

A Chupi parece que a competencia lle senta ben. Cando a LNB Sur está máis igualada que nunca, cunhas cotas de participación en cada xornada espectaculares e cuns palanadores e palanadoras cada vez en mellor estado de forma, o Ninja de Pontellas desmárcase na clasificación gañando dous torneos seguidos, os dous primeiros da tempada.

porrinho2

Este sábado no monte da Risca volveuse marcar un record de participación nun torneo de billarda: 108 palanadores participaron no II Torneo de Pincha do Porriño “Festas do Cristo”. A esplanada da Risca converteuse no Rolland Garros da billarda, con catro pistas para xogar de forma simultánea. Unha infraestrutura necesaria para administrar a marea de xogadores desta tempada, que desborda espectativas.

Chupi gañou de novo con autoridade. Aínda que comezou con dúbidas no seu grupo, resolveu todos os cruces con solvencia, e iso que lle tocou bailar cos máis feos… no sentido deportivo, por suposto. No seu camiño caeron Pablo dos Paquete Pinchas (gañador en Vigo o ano pasado), Xosé Miguel de Faísca (líder dos varados), Davide de Pincharango (o xogador revelación da tempada) e Rubén Otero dos Lideiras (o campión nacional e o seu máximo rival).

Na final agardábao Luis Enrique, co que xa coincidira no grupo clasificatorio. O de Almiuinha confirmou as boas sensacións que dera o ano pasado e en Redondela ao colarse na súa primeira final. Para chegar aí tampouco tivo un camiño fácil: eliminou a Manolo de Se Foras Traballar (que comezou a liga nun espléndido estado de forma), Fran dos Trece Catorce (campión no Aberto da Poesía de Salvaterra), Lolo de Pincharango (un debutante que apunta boas maneiras) e Amil (que brillou a un altísimo nivel).

A final

A final prometía ser emocionante, pero Chupi deixounos a todos coa boca aberta: fixo un varado espectacular que arrancou as ovacións do público que rodeaba a pista. Resolveu desta maneira o torneo, sen darlle oportunidade ao seu rival para superar o shock. A loita polo terceiro e cuarto posto foi reñida: Rubén Otero e Amil empataron con dous lanzamentos espectaculares nos que deixaron a billarda a un metro do varal no seu primeiro golpe. No desempate, Otero fíxose coa terceira praza.

Así quedamos co varado de Chupi na final

Así quedamos co varado de Chupi na final

Varados e clasificación feminina

As pistas da Risca eran longas, máis ben estreitas e cunha superficie de xabre que facía complicado levantar a billarda. Aínda así houbo dous varados: o de Chupi na final e outro de Rubén Otero. As condicións da pista atragantáronselle ás mellores palanadoras, de xeito que entre as mulleres só Fátima acadou a 3ª praza do seu grupo. E non o fixo nun grupo fácil, pois nel estaban os dous que chegarían á final. Agora encabeza a clasificación feminina empatada con Pauliña dos Treze Catorze, con 3 puntos cada unha.

As mellores equipas

Os Paquete Pinchas proclamáronse mellor equipo da xornada grazas ao 4º posto de Amil e o 1º de Chupi. Por un punto impuxéronse aos Pincharango, que demostraron que as boas vibracións que transmitiron na primeira xornada non eran casuais: Davide, Lolo, Arturo e Lemos firmaron actuacións destacadas e sumaron 19 puntos para o equipo, que xa é segundo na clasificación xeral con 32 puntos, só por detrás de Paquete Pinchas, que ten 38.

Outros que estiveron moi finos no Porriño foron Se Foras Traballar. Se na primeira xornada non lograron bos resultados, nesta ocasión sumaron 17 puntos grazas ás boas actuacións de Luis e Manolo e de dúas fichaxes deste ano: Pedro e Juan. Isto serviulles para subir do posto 11º da clasificación ao 5º. Na clasificación xeral por equipos, colócase en 3ª posición Almuinha, moi regulares, e na 4ª A Ghudalla, que este sábado pincharon no Porriño.

Os 8 mellores, de 8 equipos diferentes

A clasificación individual está comandada por Chupi co seu pleno: 10 + 10. A segunda praza compártena Rubén Otero, Luis Enrique e Davide, con 13 puntos. Quinto é Xosé Miguel da Faísca con 11 puntos, e na sexta praza empatan con 9 Pablo (Culombio), Jacobo (A Ghudalla) e Manolo (Se Foras Traballar). Un dato que fala do igualada que arranca a liga entre os equipos é que os 8 primeiros na clasificación individual, os que ocuparían os postos que dan acceso ao Play-Off, pertencen a 8 equipos diferentes.

Tres gañadores na quinibillarda

A Quinibillarda do sábado recadou 30 euros en 30 apostas. Houbo 3 gañadores, que apostaron por Chupi e polos Paquete Pinchas: a nai, a moza e o irmán de Chupi. Eles repartíronse o 70% reservado para premios, é dicir, 21 euros, 7 euros cada un.

Xa podes consultar a clasificación no apartado correspondente do blog, e podes ver fotos do torneo no FotoVaral.