Chupi deixa claro quen é o campión

13 09 2009

  • A Ghudalla é o primeiro líder por equipos ao vencer en Redondela
  • Xosé Miguel da Faísca solta o brazo e consegue tres varados nunha tarde
  • Record de participación na LNB: 95 palanador@s
  • Debut de catro equipos: Pincharango, Oestrimnios, Os Currichos e Os Roxos

A nova tempada da LNB Sur comezou ao grande, tanto que se nos acumulan os titulares para describir como foi a primeira xornada en Redondela. Alí estiveron 95 xogadores e xogadoras, record absoluto da LNB nun aberto. Tal número de palanadores obrigáronnos a xogar en grupos de 9 ou 10 xogadores para que a xornada non se eternizase.

Boa parte do éxito da convocatoria débese á aparición de catro novos equipos: Pincharango, con sede no bar Charango de Salceda; Os Currichos de Ponteareas, que substitúen ao Assembleia Aberta; Oestrimnios, nacido dunha escisión dos Paquete Pinchas e con sede en Pontellas (O Porriño); e Os Roxos, orixinarios de Sanguiñeda (Mos).

Con dúas pistas rápidas e estreitas, o torneo prometía ser áxil, aínda que o elevado número de xogadores estirou a xornada. Parecía factible que houbese un bo número de varados, e ao final caeron 9, dos que Xosé Miguel firmou 3. O da Faísca parecía en plena forma, logo de percorrer todos os abertos de verán que houbo nos últimos tres meses.

Xosé Miguel pintaba como favorito para xogar a final, pero en semis topouse cun inspirado Jacobo da Ghudalla (o equipo antes coñecido como Moaña), que deu a sorpresa e se colou na gran final. Polo outro lado do cadro chegou a semis un debutante, xogador revelación da xornada: Davide de Pincharango. Enfrontouse a Chupi, que con gran seguridade introduciu a billarda no varal en dous golpes. Pero a Davide non lle tremeu a man e fixo o mesmo, forzando o desempate, que Chupi desfixo ao seu favor. Na loita polo terceiro e cuarto posto, foi Xosé Miguel quen conseguiu vencer.

Na gran final impuxéronse os nervios e tanto Jacobo como Chupi cometeron varios erros. Pero para Jacobo era a primeira final nun torneo da LNB Sur e para Chupi era xa a quinta, así que este fixo valer a súa maior experiencia e levouse a vitoria. Colócase así como primeiro líder da LNB Sur 2009-2010, ao igual que xa fixera o ano pasado no primeiro torneo. O vixente campión da LNB Sur acumula con esta tres vitorias en abertos puntuables.

Pero Jacobo non quedou sen premio. A súa gran actuación permitiu á Ghudalla gañar o premio por equipos e convertirse nos primeiros líderes por equipos da tempada, con 19 puntos. Con 18 quedan Paquete Pinchas, 15 teñen Almuinha e 13 a Faísca e os debutantes Pincharango.

Na clasificación individual, logo de Chupi (10 puntos) e Jacobo (8), atópanse Xosé Miguel e Davide con 7 puntos. Despois hai 6 xogadores con 5 puntos: Manolo de Se Foras Traballar (gran xornada), Rubén Otero de Lideiras (o campión nacional caeu ante o seu maior rival, Chupi), Alberte e Luís Enrique de Almuinha, Pablo de Culombio e Gil de Branco e Negro.

Logo desta primeira xornada lidera a clasificación feminina Pauliña dos Treze Catorze, a única muller que desta volta conseguiu pasar a dezaseisavos. Menos sorte tiveron Ana Diz de Faísca e Fátima de Culombio, que quedaron fóra desta rolda a perder os seus desempates.

As próximas xornadas da LNB Sur son o mes que vén. O sábado 3 de outubro xogarase no monte da Risca do Porriño, onde disporemos de 3 ou 4 pistas para axilizar o desenvolvemento do torneo. E o 17 de outubro a billarda viaxa á terra da cachiza, Moaña, para xogar de novo á beira do mar, nun escenario inmellorable.

Advertisements

Accións

Information

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s




%d bloggers like this: