2ª xornada: este sábado no Porriño… a polos 100!

28 09 2009

Cartel Pincha Out-09

A LNB Sur volve á carga este sábado 3 de outubro no Porriño. A vila do Louro está en festas, e que mellor maneira de celebralo que co II Torneo de Pincha “Festas do Cristo”. Ás catro da tarde do sábado do Re-Cristo, os palanadores e palanadoras meridionais xuntaranse no curuto máis próximo ao centro urbano: o Monte da Risca. Para atopalo, botádelle un ollo ao mapa (vén marcado en verde). Na explanada montaremos o noso peculiar Roland Garros, con tres ou catro pistas na que xogar de forma simultánea. Ollo, que se chove a cousa trasládase ao pavillón de Atios: se é así, xa vos informaremos do seu emprazamento.

O torneo organizámolo coa colaboración do Concello do Porriño, que ofrece os premios para os mellores da xornada, a base de produtos cárnicos cortesía de Coren-Frigolouro e bebidas de calidade. Coidado, que che hai moita xente con ganas de comer e beber ben… non só os que estiveron a gran altura en Redondela turrarán por levarse os premios. En Ponteareas celebrouse hai un par de semanas un torneo amistoso no que chegaron á final dous que en Redondela estiveron pouco finos: Carlos Amil dos Paquete Pinchas (que venceu o torneo) e Manuel, de Se Foras Traballar. Eles e moitos outros teñen ganas de vitoria e de porco.

Bateremos no Porriño o record de xogadores nun torneo? A cifra redonda dos 100 palanadores quédanos a tiro de pedra, e o escenario é o mellor para conseguilo. Animádevos, o premio é sustancioso, e a compañía inmellorable.

Advertisements




Electrocútate co videoestalo de Redondela

22 09 2009

A LNB é unha canteira de talentos que trascende o deportivo. Non só concentra algúns dos mellores palanadores e palanadoras do universo, senón que os hai que van máis alá e amosan as súas habilidades en facetas tan dispares como o audiovisual.

Aquí temos unha boa mostra dese talento cun novo videoestalo de Pablo Suengas. Sons electrónicos mesturados co timbre opaco dos paláns e as billardas: ritmo e emoción, deporte e cantina, todo mesturado cos espectaculares efectos psicotrópicos do Michel Gondry da billarda.





Fotos e analise da primeira xornada

16 09 2009

P1014378

Equipas:    A Ghudalla, evolución da equipa Moaña, venceu en Redondela. O pasado ano tras un frouxo comezo progresaron ata o 4º posto, esta tempada ademais de manter o bloque suman novos reforzos, xuntos puntuaron nas catro disciplinas e postúlanse coma un dos favoritos na presente campaña. Os Paquete Pinchas quedaron ás beiras do éxito,  ainda que acusaron algunas baixas tentarán revalidar o seu título: duro rival a bater. Amuinha comezou con paso firme, meteu a catro dos seus na segunda fase sendo a quipa máis sólida. Pincharango foi a sensación do aberto, estrea por todo o alto, xa están cuartos.

P1014361

A Faisca firmou un bo papel  e con algo mais de tino nos desempates, perdeu ata catro, faríase cos chocos do campión. Con 10 puntos empatan: Os Currichos, que puxeron billarda de pata negra pero tamen algunha pezuña que os privou dun mellor posto. Lideiras e Culombio non tiveron o seu mellor día pero o oficio dos seus xogadores salvou a xornada.  Oestrimnios pese a ser unha equipa debutante conta con 3 finalistas en abertos na pasada tempada, ollo á súa evolución.

P1014219

Moi próximos na clasificación están Treze Catorze, que cargou coa maldición do organizador, Branco e Negro que pese a acudir xustiños de palanadores salvaron os mobles,  e Se Foras Traballar que ainda non retomaron o punto de forma da Cunca Xíbara. Os Roxos pagaron a sua inexperiencia en abertos da LNB, teñen por diante toda unha tempada e moito marxe de mellora.

P1014162

Pauliña encabeza a clasificación feminina tras unha gran xornada inicial na que foi de menos a mais. Malia non entrar na 1ª carreira e facer 3ª na segunda vence una definitiva o que a levou a un desempate no que dun golpe se desfixo de seis palanadores. Na eliminatoria seguinte falloulle a sorte e o seu último golpe saíu polo lateral.

P1014187P1014258

Ana Diz pese a facer 12 puntos  nunha gran primeira fase o infortonio cebouse con ela en dous desempates consecutivos. Fátima tamen se quedou as portas da segunda fase ao caír nun desempate. Outras favoritas coma Ana e Chus non tiveron una tarde afortunadas nunha tempada na que estarán caros os pases os play off, pois por detrás veñen gañando carreiras palanadoras coma María, Esme ou Mucha.

P1014349

Chupi comeza a tempada coma cerrou a pasada, líder. O dos Paquete mostrouse forte no inicio gañando o grupo, nas eliminatorias eficiente e aínda que máis dubidativo fixo valer a súa experiencia nas finais.  Xacobo foi o xogador revelación do torneo grazas ao seu xogo de toque que o levaba ata o varal en dous golpes. Xosé Miguel, que cerrou o podio, destacou coma o bombardeiro da conferencia e escápase na clasificación de varados. Davide encabezou os Pincharango, un novo aspirante ao título da LNB ao que so lle resta resolver as finais.

ultima

Por detrás deles un grupeto con Manolo (SFT), gran actuación na que tamén sumou varado, Rubén, o campión nacional caíu cun varado de Chupi, Pablo, xogador franquicia dos Culombio, Alberte e Luis Enrique que combinan forza e clase para Almuinha, e Gil, que pese a ter varias ofertas de pretempada continua á fronte dos Branco e Negro.

A partir de aí 87 palanadores máis todos os que non puderon acudir a primeira cita, que agardan nove abertos puntuables por diante, outras pistas mais propicias e dous resultados para descartar.

Máis fotos





Chupi deixa claro quen é o campión

13 09 2009

  • A Ghudalla é o primeiro líder por equipos ao vencer en Redondela
  • Xosé Miguel da Faísca solta o brazo e consegue tres varados nunha tarde
  • Record de participación na LNB: 95 palanador@s
  • Debut de catro equipos: Pincharango, Oestrimnios, Os Currichos e Os Roxos

A nova tempada da LNB Sur comezou ao grande, tanto que se nos acumulan os titulares para describir como foi a primeira xornada en Redondela. Alí estiveron 95 xogadores e xogadoras, record absoluto da LNB nun aberto. Tal número de palanadores obrigáronnos a xogar en grupos de 9 ou 10 xogadores para que a xornada non se eternizase.

Boa parte do éxito da convocatoria débese á aparición de catro novos equipos: Pincharango, con sede no bar Charango de Salceda; Os Currichos de Ponteareas, que substitúen ao Assembleia Aberta; Oestrimnios, nacido dunha escisión dos Paquete Pinchas e con sede en Pontellas (O Porriño); e Os Roxos, orixinarios de Sanguiñeda (Mos).

Con dúas pistas rápidas e estreitas, o torneo prometía ser áxil, aínda que o elevado número de xogadores estirou a xornada. Parecía factible que houbese un bo número de varados, e ao final caeron 9, dos que Xosé Miguel firmou 3. O da Faísca parecía en plena forma, logo de percorrer todos os abertos de verán que houbo nos últimos tres meses.

Xosé Miguel pintaba como favorito para xogar a final, pero en semis topouse cun inspirado Jacobo da Ghudalla (o equipo antes coñecido como Moaña), que deu a sorpresa e se colou na gran final. Polo outro lado do cadro chegou a semis un debutante, xogador revelación da xornada: Davide de Pincharango. Enfrontouse a Chupi, que con gran seguridade introduciu a billarda no varal en dous golpes. Pero a Davide non lle tremeu a man e fixo o mesmo, forzando o desempate, que Chupi desfixo ao seu favor. Na loita polo terceiro e cuarto posto, foi Xosé Miguel quen conseguiu vencer.

Na gran final impuxéronse os nervios e tanto Jacobo como Chupi cometeron varios erros. Pero para Jacobo era a primeira final nun torneo da LNB Sur e para Chupi era xa a quinta, así que este fixo valer a súa maior experiencia e levouse a vitoria. Colócase así como primeiro líder da LNB Sur 2009-2010, ao igual que xa fixera o ano pasado no primeiro torneo. O vixente campión da LNB Sur acumula con esta tres vitorias en abertos puntuables.

Pero Jacobo non quedou sen premio. A súa gran actuación permitiu á Ghudalla gañar o premio por equipos e convertirse nos primeiros líderes por equipos da tempada, con 19 puntos. Con 18 quedan Paquete Pinchas, 15 teñen Almuinha e 13 a Faísca e os debutantes Pincharango.

Na clasificación individual, logo de Chupi (10 puntos) e Jacobo (8), atópanse Xosé Miguel e Davide con 7 puntos. Despois hai 6 xogadores con 5 puntos: Manolo de Se Foras Traballar (gran xornada), Rubén Otero de Lideiras (o campión nacional caeu ante o seu maior rival, Chupi), Alberte e Luís Enrique de Almuinha, Pablo de Culombio e Gil de Branco e Negro.

Logo desta primeira xornada lidera a clasificación feminina Pauliña dos Treze Catorze, a única muller que desta volta conseguiu pasar a dezaseisavos. Menos sorte tiveron Ana Diz de Faísca e Fátima de Culombio, que quedaron fóra desta rolda a perder os seus desempates.

As próximas xornadas da LNB Sur son o mes que vén. O sábado 3 de outubro xogarase no monte da Risca do Porriño, onde disporemos de 3 ou 4 pistas para axilizar o desenvolvemento do torneo. E o 17 de outubro a billarda viaxa á terra da cachiza, Moaña, para xogar de novo á beira do mar, nun escenario inmellorable.





Este sábado en Redondela… comeza o espectáculo!

9 09 2009

salvaterra

Calma, xente! Parecía que non chegaba o momento, pero xa está aquí o comezo da nova temporada de billarda. A Conferencia Sur da LNB arranca este sábado 12 de setembro en Redondela. O campionato forma parte da programación da Foliada, VI festival de intercambio Galiza-Catalunya. Os da asociación Treze Catorze de Salceda bótanlle unha man á xente de Redondela para organizar este torneo.

foliadacartel

A convocatoria é ás 16.30 horas na alameda de Redondela, concretamente na pista de futbito que está a carón do auditorio da Xunqueira. Podedes ver o mapa no apartado “Mapa e calendario” (é o puntiño verde).

A primeira xornada está chamada a deparar sorpresas. Este verán xa comprobamos que hai moitos equipos que se sinten fortes e queren plantar batalla aos favoritos e actuais campións, os Paquete Pinchas. Faísca e Almuinha non queren renunciar ao seu papel de aspirantes, Culombio quere demostrar que a vitoria na Cunca Xíbara non foi flor dun día, Treze Catorze chega en plena forma logo de que dous dos seus acaparasen a final do Aberto da Poesía en Salvaterra, e equipos como A Ghudalla (anteriormente coñecido como Moaña), Lideiras, Se Foras Traballar e Branco e Negro volven con forzas renovadas.

Ademais para esta tempada temos xa confirmada a presenza de polo menos tres equipos novos: os Pinchas Bravas, nacidos dunha escisión dos Paquete Pinchas; Os Currichos, que substitúe a Assembleia Aberta e incorpora novas fichaxes; e outra equipa nova creada por veteranos e mozos da comarca da Louriña.

A revolución non será televisada, e a LNB tampouco… vas ter que estar alí!





Fran vence no II Aberto da Poesia

7 09 2009

Os libros e o viño do condado foronse para Salceda nas mans dos Treze Catorze que sairon triunfantes do II aberto da poesía no que Fran precisou dunha rolda de desempate para imporse na final o seu compañeiro Chiwi.

Os palanadores da conferencia sur medíronse no xabre de Salvaterra antes do inminente comezo da nova tempada en Redondela. Alí pudemos albiscar pistas sobre o estado de forma dos nosos Palanadores. A cara mais positiva puxeronna os treze catorze que ademais de meter a Fran e Chiwi na final colaron a varios dos seus na segunda fase (David, Nando, Anxo…) e presentan a sua candidatura a liga regular. A gran altura estiveron tamén os semifinalistas, Gil que estivo a piques de revalidar triunfo, e Pablo Suengas que comeza como rematou a pasada campaña,incomensurable. A Cruz en Salvaterra puxeronna algúns dos favoritos aos que o verán pasou factura, Rubén, Chupi ou Elvis sufriron para pasar a primeira rolda e cairon na seguinte dando mostras de fraqueza para o futuro.

finais

O aberto da Poesía foi tamén escenario para a presentación das novas fichaxes dos Paquete Pinchas, Treze Catorce, Pinchas Bravas (escisión  do Paquete Pinchas liderada por Elvis e Anibal) e Os currichos, reforma da Assembleia Aberta impulsada por Tiago (Palanador antes conocido coma Santi)





Salvaterra: Verbas, versos e billardas

2 09 2009

cartaz-peq-09

Despois do descanso estival  esta finde chega un clásicoda pretempada, o Aberto da poesía en Salvaterra de Miño. Esta cita será unha boa oportunidade para comprobar o estado de forma dos palanadores do sur ante a inminente tempada 09-10.

En Salvaterra Gil trátará de revalidar o título conseguido o pasado ano,  unha fazaña nada doada pois  atoparase no camino cos campións zonal e nacional da LNB, con Pablo Suengas, MVP da cunca xíbara, ou cos Paquete Pinchas, a mellor equipa  da LNB 08, que xa confirmaron a sua presencia e tamén se agarda representación do resto de equipas.

Deixámosvos co resumo de tele-varal do Aberto da Poesía 08.