Afiade as billardas: a liga 2009-2010 xa está aí!!!

31 08 2009

Supoño que a moitos e moitas o verán fíxosevos demasiado longo. Para que quere un que loza o sol e poder folgar se non pode xogar á billarda? Para todos os que pasastes o verán afiando pinchas mentres mirábades para o mar, agarrando o licor café nos festivais como quen colle o palán, soñando despertos con que volvesen os torneos de billarda…

chegou a hora! volve a billarda, volve a LNB cunha nova tempada no Sur!

A primeira xornada desputarase este ano en Redondela o 12 de setembro ás catro da tarde. Un escenario novo para ir ampliando as vilas enganchadas á cachiza.

Antes teremos o primeiro torneo amistoso, o II Aberto de Billarda do Festival de Poesía do Condado. Atención billardeiros impacientes: será este sábado 5 de setembro ás 12 do mediodía nas murallas da fortaleza. Organiza coma o ano pasado a SCD Condado. O gañador recibirá un lote de libros e unha caixa de viño do Condado. Para o segundo clasificado haberá outro lote de libros. Na sección “Mapa e calendario” desta web podedes ver o mapa coa localización do torneo (é o punto verde).

A nova liga vén con algunhas novidades e coa ilusión de repetir o éxito de participación e bo ambiente do ano pasado. Aquí van debulladas as principais novidades, pendentes sempre de que os equipos estean de acordo a partir da primeira xornada.

Máis torneos: temos previsto facer 10 torneos puntuables para a liga, en lugar de 8. Ao igual que o ano pasado, pódense descartar dous resultados, polo que só se terán en conta os puntos conseguidos nos mellores 8 torneos de cada quen.

Reparto máis xusto dos puntos: Pensamos un sistema que repartise de maneira máis xusta os puntos, e é o que en principio imos poñer en práctica desde a primeira xornada. Daranse puntos segundo a rolda á que cada xogador chegue. Os puntos por participar, chegar a 1/16avos, 1/8avos e 1/4artos quedan como estaban. O 4º clasificado levará 5, o 3º 6, o 2º 7 puntos e o gañador 8. Ademais, daranse puntos extra aos mellores xogadores das roldas previas (as partidas en grupos): 2 para o mellor de cada grupo e 1 para o 2º. Estes puntos sumaranse aos outros.

Resumindo, os puntos quedan como seguen:
1 pto. se non pasas da rolda de grupos
2 ptos en 1/16
3 ptos en 1/8
4 ptos en 1/4
5 puntos para o 4º
6 ptos para o 3º
7 ptos para o 2º
e 8 ptos para o 1º.
A estes súmanse:
+ 2 ptos para o primeiro de cada grupo
+ 1 pto para o segundo de cada grupo.

Mercado de fichaxes: os mentideiros deportivos botan fume este verán cos rumores de novas equipas, fichaxes, posibles fusións de equipos, cesións… Por agora só podemos confirmar que temos un…

Equipo novo: nacido dunha escisión dos Paquete Pinchas, desde a parroquia de Pontellas (O Porriño) chegan os Pinchas Bravas. Se as nosas fontes non están equivocadas, nas súas filas están polo menos cinco xogadores que pasaron polos Paquete Pinchas: Elvis, Aníbal, Álvaro, Ángela e Iván. Pola pinta vai ser un equipo a ter en conta, e haberá que ver como se repoñen os Paquete, campións galegos absolutos, desta manchea de baixas.

Web renovada: Pode que non vos fixásedes, pero démoslle un lavado de cara á web da billarda. Comentamos brevemente as principais novidades para que lles deades uso:
– A sección “Mapa e calendario” incorpora un mapa navegable no que atoparedes a ubicación de todos os torneos da liga. Irase actualizando conforme coñezamos as datas e localizacións definitivas dos abertos.
– Creamos dúas seccións novas: “Tempada 2008-09” é un arquivo no que podedes ver os datos da pasada tempada: a clasificación final e o calendario dos torneos desputados.
– “Vídeos” é outra sección nova na que recollemos TODOS os vídeos do Televaral que fan referencia á LNB Sur. Esta sección tamén a iremos ampliando pouco a pouco.
– Novas ligazóns: Na portada, á dereita, atoparedes ligazóns ás webs e blogs dos equipos participantes. Por agora só están as dos equipos que se corresponden con asociacións ou locais sociais, porque os outros non teñen blog (que nós saibamos). Animádevos e enlazarémosvos desde aquí.
– Estamos traballando nalgunha outra novidade que xa daremos a coñecer.

E para saciar as vosas ganas de billarda, deixámosvos co vídeo do último torneo desputado: a Cunca Xíbara, que xogamos en xuño en Moaña e da que resultaron vencedores Culombio.

Advertisements