Culombio bebeu da Cunca Xíbara

28 06 2009

A do sábado foi tarde de sorpresas en Meira. As equipas da Conferencia Sur xogábanse o último título da tempada 2008-2009, a Cunca Xíbara. Para que queres a Copa se podes aspirar á Cunca? E que mellor Rei que o Xíbaro? Co obxectivo de ser os primeiros en inscribir o seu nome na cunca de barro que ano tras ano se porá en xogo no sur, oito conxuntos presentáronse na parroquia moañesa. A tarde estivo chea de sorpresas e ao final foi Culombio, que non figuraba entre os favoritos, o que logrou encher a Cunca Xíbara de viño e beber e brindar pola tempada que remata.

A tarde presentouse ventosa e chea de nubes, polo que non houbo ocasión de sacar o bañador da mochila. Foi unha mágoa, porque á pista de terra que reservaron os de A Ghudalla chegaba a brisa do mar. Se un lle daba un pouco forte á billarda corría o risco de que lla levase a maré. Logo de comer á sombra e adestrar un pouco, ás catro e media comezou a competición na rolda de cuartos. E desde o primeiro momento se puido ver que ía ser un campionato moi disputado.

O podería dA Ghudalla (imaxe de arquivo)

O poderío d'A Ghudalla (imaxe de arquivo)

Cuartos de final: Se Foras Traballar sorprende aos Paquete Pinchas

Paquete Pinchas 9 – Se Foras Traballar 10
Faísca 9 – Assembleia Aberta+Moaña 8
A Ghudalla 12 – Treze Catorze 5
Lideiras 3 – Culombio 13

A primeira das sorpresas da tarde saíu do enfrontamento entre Paquete Pinchas, campións de liga e do Play-Off Nacional, e Se Foras Traballar, que chegaban como noveno equipo da liga Sur. Pero en Moaña puidemos ver que os equipos están máis igualados do que podía parecer a priori. Se Foras Traballar foron gañando carreiras e minando a moral dos Paquete Pinchas, que se viñeron abaixo anímicamente pola presión á que estaban sometidos. Así a eliminatoria chegou ao final igualada e houbo que ir ao desempate. No primeiro Elvis e Luis non conseguiron desfacer o empate, e correspondeulle a Manuel lograr o punto definitivo para Se Foras Traballar diante dos Paquete Pinchas.

Outra eliminatoria moi igualada foi a que desputaron Faísca contra o combinado que formaron Assembleia Aberta con xogadores de Moaña. Todo se decidiu nas últimas tres partidas, ás que os dous equipos chegaron empatados, e onde os de Faísca conseguiron pasar gracias ás vitorioas de Viana e Ana Diz nas súas carreiras.

A Ghudalla presentábase cun equipo completo e compensado, e dado o bo final de tempada que tiveron partía como un dos favoritos. Na súa eliminatoria desfixéronse con certa facilidade de Treze Catorze, un equipo lastrado polas baixas dalgunhas das súas figuras debido a lesións deportivas e compromisos estivais.

Tampouco estivo tan igualada como se prevía a eliminatoria entre Lideiras e Culombio, dous equipos que remataron a liga case cos mesmos puntos. Rubén Otero, líder de Lideiras, andaba pouco centrado e non deu conseguido ningún punto. O resto do equipo non foi quen de compensar o handicap da falta de tino do vixente campión nacional.

Semifinais: os “B” foron decisivos

Se Foras Traballar 5 – Culombio 10
Faísca 6 – A Ghudalla 11

Unha tónica xeral no torneo é que lles foi mellor a aqueles equipos que amosaron estar máis compensados e nos que os xogadores “B” (cuarto, quinto e sexto) de cada equipo estiveron máis finos. Así se puido comprobar na semifinal entre Faísca e A Ghudalla, os dous equipos que parecían máis fortes dos que quedaban en competición. A primeira quenda de carreiras acabou con empate: 3 a 3. Na segunda os de Moaña tomaron vantaxe 7 a 5, cun Barreiro especialmente atinado. Ao final os de Faísca desfondáronse e só Xosé Miguel puido soportar a presión, cun parcial de 4 a 1 os da Ghudalla impuxéronse por 11 a 6.

Na outra semifinal enfrontábanse o equipo revelación, Se Foras Traballar, contra un equipo que parecía estar moi en forma: Culombio. Na primeira quenda os de Vigo-Sanguiñeda colleron vantaxe: 4 a 2. Pero entón os Culombio concentráronse e déronlle a volta ao taboleiro: 5 a 6. Con esa lixeira vantaxe chegaban á última quenda, onde Fátima, Jota e Esme demostraron estar nun bo momento de forma e aseguraron para o seu equipo a vitoria por 5 a 10.

Se Foras Traballar logrou o terceiro posto

3º-4º posto:
Se Foras Traballar 7 – Faísca 6

Na final de compensación, os de Se Foras Traballar deberon pensar que non chegaran tan lonxe para nada e saíron enchufados para lograr a vitoria e a honra de quedar terceiros. Pero enfronte tiñan a Faísca, o segundo mellor equipo da liga, que non llo puxo fácil. Foi un encontro moi igualado, no que ao final resultou decisiva a participación de Luis e Fredo, que xunto cos puntos conseguidos por Pilar, Manolo e Manu deron superado aos de Faísca, no que ningún dos seus xogadores conseguiu gañar máis dunha carreira nesta partida polo terceiro posto.

Culombio, equipo gañador

Culombio, equipo gañador

A gran final: igualdade ata o último golpe

A Ghudalla 8 – Culombio 9

E chegou a gran final. Unha final inédita entre A Ghudalla, anfitrións e cuarto mellor equipo da liga, e Culombio, sextos na LNB Sur e coa subcampioa nacional nas súas filas. Por A Ghudalla xogaban Arosa, David e Panzo no equipo A, e Jacobo, Barreiro e Manuel no B. Por Culombio estaban Moi, Pablo e Santi no equipo A, e Fátima, Esme e Jota no B.

Na primeira quenda, Culombio empezaron crecidos e apuntáronse 5 vitorias de 6 posibles. Só Arosa gañou o seu enfrontamento cun frouxo Moisés. A segunda quenda foi máis igualada: cada equipo logrou tres vitorias, polo que se mantiveron as distancias de cara á última quenda. Con 8 a 4 a favor de Culombio, a estes só lles facía falta gañar unha carreira para asegurarse o empate, e dúas vitorias para gañar.

Pero na última quenda, os “A” de A Ghudalla arrasaron con 3 de 3 vitorias. Así que, co marcador 8 a 7, toda a responsabilidade quedaba nos “B” de cada equipa. Fátima gañoulle a Barreiro, ao tempo que Manuel lle gañaba a Esme. Con só unha carreira en xogo, o marcador estaba 9 a 8. Se Jota marcaba, aseguraba o empate na súa carreira e a vitoria dos Culombio na final. E marcou.

Foi unha gran final, na que polos de A Ghudalla destacou a seguridade de Arosa, David e Panzo, mentres que Jacobo, Manuel e Barreiro tiveron máis problemas nas súas carreiras.

En Culombio, ao longo da tarde xogaron cunha extraordinaria regularidade Santi, Fátima e Esme, que gañaron puntos decisivos. Moi comezou ben, pero foi desinflándose a medida que avanzaba o torneo. O contrario que lle ocorreu a Jota, que empezou frouxo e acabou sendo o gran protagonista da vitoria na final. O máis regular do torneo, o MVP da Cunca Xíbara foi Pablo, que en toda a tarde conseguiu gañar 6 carreiras, empatar 2 e perder tan só 1.

Pablo Suengas, MVP da Cunca Xíbara (imaxe de arquivo)

Pablo Suengas, MVP da Cunca Xíbara (imaxe de arquivo)

Culombio brindou coa Cunca Xíbara chea de viño e retou xa ao resto de equipos da Conferencia Sur para o ano que vén, cando se volva poñer en xogo este trofeo. Xíbaros do mundo, teredes que estar alí para ver tal cousa. Por agora ide collendo folgos, porque en setembro volve a liga!

(AVISO A NAVEGANTES:esta crónica ampliarase nos vindeiros días con imaxes da Cunca Xíbara)





Asalto á Cunca Xíbara

24 06 2009

Na tempada 2008-2009 da Conferencia Sur da LNB aínda queda un torneo por xogar: a Cunca Xíbara. Este sábado en Meira (Moaña), oito equipos desputaranse este título a modo de torneo de copa. Unha xenuína cunca de barro será o premio que o mellor equipo de torneo terá a horna de ostentar durante un ano e poñelo en xogo de novo o verán vindeiro.

A cita é o sábado 27 en Moaña.(Pincha aquí para ver o mapa). Os partidos comezan ás catro e media, pero antes arrancaremos cunha comida en común. A xente da Asociación Cultural A Ghudalla (xérmolo do equipo Moaña) organiza o torneo e pon bebida fresca para todos. E logo veñen os enfrontamentos, que quedan distribuídos así:

16.30h. Cuartos de final
A: 1º vs 8º (Paquete Pinchas vs Se Foras Traballar)
B: 2º vs 7º (Faísca vs Assembleia Aberta)

17.15h. Cuartos de final
C: 3º vs 6º (Moaña vs Treze Catorce)
D: 4º vs 5º (Lideiras vs Culombio)

18.00h. Semifinais
A vs D
B vs C

18:45h. Final

O cadro de enfrontamentos pode cambiar se aparece algún equipo máis (animádevos Almuinha e Branco e Negro, contamos con vós!).





Poderío meridional

1 06 2009

Só tres semanas despois da dolorosa derrota no xerro do Salnés, sandada a base de bebidas espirituosas para esquecer o mal trago (deportivo), as xentes do sur demostraron en Conxo que non esqueceron como se xoga á billarda. Onte aproveitaron as circunstancias climatolóxicas, e nun ambiente semi-tropical aproveitaron para impoñerse aos seus compañeiros norteños (máis afeitos aos climas humidos) no Play-Off Nacional 2008-2009.

Ía calor, moita calor. O sol petaba como se o xabre do campo de fútbol de Conxo fose en realidade a area do Sahel. As tribus nómades chegaron de tres esquinas de Galicia coas billardas entre os dentes, dispostos a suar por coronarse como campións nacionais da LNB. E suar, suaron, diso podemos dar fe!

Á mañá desputouse a final feminina, na que o sur estaba representado por Diana, Ana, Fátima e Chus. As catro fixeron un bo papel, malia que Diana e Ana non conseguiron pasar a primeira rolda ao enfrontarse a dúas rivais de moita categoría: Geni e Demelsa. Chus e Fátima si pasaron e xogáronse entre elas o posto na final. Foi Fátima quen, cun xogo implacable, conseguiu a vitoria que lle permitía enfrontarse na última partida á gran favorita, Geni. E aínda que tivo na man a vitoria na primeira carreira, Geni impuxo a súa lei e Fátima tivo que conformarse cun brillante subcampionato, que como dicía algún locutor vespertino “ser subcampión é máis que ser campión”. Parabéns, Fátima!.

A finais por equipo tamén se desputou pola mañá. Furabolos e Remourelle Bulls chegaban moi preparados á gran final, mentres que os Paquete Pinchas viñan de poñer en práctica un curioso e relaxado sistema de preparación: praia e partidas de chave. Pero estaban afinados, e demostraron o seu poderío tal como fixeron ao longo de toda a liga. Chupi, Elvis e Amil gañaron as cinco carreiras que desputaron, e tamén Charlie, Pablo e Manuel apañaron unha boa chega de puntos, que lles serviron para proclamarse campións nacionais fronte a dous rivais de moita categoría aos que non deron tregua.

Pero o máis inspirado do día fixo a súa aparición pola tarde. Rubén Otero, demostrou ter o brazo máis poderoso da LNB. Primeiro no concurso de varados. En dez intentos logrou dous varados, por diante de Fuco e Markitos, que obtiveron un cada un. Ademais de Otero e Fuco, nesta final participaron polo sur Xosé Miguel e Santi, que non tiveron sorte nos seus lanzamentos.

E xa só quedaba a final absoluta, na que se decidiría quen sucedía a Markitos como campión da LNB. Polo sur tiñamos oito clasificados: Amil, Agus, Alberte e Xosé Miguel xogaron a un bo nivel, pero non conseguiron pasar da primeira rolda. Na segunda rolda houbo un enfrontamento fraticida entre Elvis e Chupi, no que caeu o primeiro. Pablo chegou ata as semifinais, onde lle tocou xogarse o pase co defensor do título. Pese a xogar a un nivel moi alto, non puido con Markitos. Noutra semifinal enfrontábanse os dous palanadores que só un mes antes se xogaran en Mos o título de campión do sur: Chupi e Otero. O dos Lideiras tiña o brazo fino, e pronto tomou vantaxe, que consolidou para colocarse na final, xunto con Markitos e Hugo, dous Billardeiros Musicais. Pero Otero estaba lanzado, e na final non cedeu un só punto: gañou as cinco carreiras e proclamouse campión. Rubén Otero, parabéns!