Alberte gaña o penúltimo asalto

9 03 2009

O sétimo e penúltimo aberto da primeira tempada da LNB Sur foi un torneo duro por xogarse nun terreo brando, o do campo de fútbol sete situado ao carón do pavillón de Salceda. Foron necesarios esforzos extraordinarios para erguer as billardas, que se enterraban no terreo. Pero isto, lonxe de ser un impedimento para o espectáculo, deulle emoción e vistosidade ao torneo, e permitiu que algúns xogadores se descubriran como especialistas en terreos difíciles. Ao final, Alberte de Almuinha venceu a Iván dos Paquete Pinchas. Estes volveron gañar como mellor equipo, e Pauliña de Treze Catorze foi a mellor palanadora da xornada.

Iván e Alberte, os finalistas

Iván e Alberte, os finalistas

Un total de 67 palanadores e palanadoras participaron no torneo. Por primeira vez xogamos con tres pistas á vez, co que conseguimos reducir os tempos mortos. Iso si, os que xogaron na pista esquerda tiveron que sufrir máis que ningún os charcos do terreo. Alberte forxou a súa vitoria nunha envexable regularidade. Polo camiño deixou a Rubén Otero de Lideiras (oitavos), Santi de Culombio (cuartos) e Xosé Miguel de Faísca (semis). Con eses vimbios chantouse na final contra Iván. Na súa segunda participación, o dos Paquete Pinchas clasificouse logo de eliminar a Santi de Assembleia Aberta (oitavos), David de Culombio (cuartos) e Manuel de Se Foras Traballar (semis). Foi unha final inédita na que se notaron os nervios en ambos. Logo dunha serie de golpes desafortunados, os dous introduciron a pincha no varal no mesmo número de toques. Na carreira do desempate, Alberte estivo máis fino.

O público arroupa aos palanadores na apretada final

O público arroupa aos palanadores na apretada final

Os 10 puntos de Alberte serviron para elevar a 15 os de Almuinha, salvando unha xornada na que tamén fixo un bo papel Luís Enrique (oitavos). Alberte ascendeu ata o cuarto posto da clasificación individual, xusto por detrás de Agus. E Almuinha consolidouse como segundo equipo en solitario na clasificación. Superan así a Faísca, que tiveron unha mala xornada na que só brillou Xosé Miguel, que chegou a semifinais e ademais conseguiu dous varados e suma xa catro na clasificación de varados. Achégase así algo máis a Rubén Otero, que sumou outro para deixar o seu contador en sete no que vai de liga.

Alberte recibe o premio do artesán-artista que creou a 13-14 de madeira

Alberte recibe o premio do artesán-artista que creou a 13-14 de madeira

Para os Paquete Pinchas quedou a honra do premio ao mellor equipo, grazas ao gran papel de Iván e á contribución de Amil (cuartos) e Pablo e Álvaro (oitavos). Con 122 puntos na xeral, teñen xa asegurado o premio ao mellor equipo desta LNB Sur, conseguido grazas á gran variedade de xogadores de bo nivel, que conseguen boas posicións torneo tras torneo.

Paquete Pinchas, men in black, veteranos nisto de recoller premios

Paquete Pinchas, "men in black", veteranos nisto de recoller premios

O outro equipo destacado da xornada foi Culombio, que meteu a tres dos seus en cuartos: Santi, Moi e David. O equipo sumou 15 puntos e subiu dúas posicións na clasificación, ata a quinta praza actual. Sitúase detrás de Lideiras nunha melé de cinco franquías que loitan por acabar na cuarta posición. Culombio aproveitou a mala xornada que tiveron Lideiras, Moaña, Assembleia Aberta e Treze Catorze. Algo mellor lles foi a Se Foras Traballar, nos que destacou a espectacular participación de Manuel, que estivo a punto de facerse cunha praza na final. Salceda foi o escenario do regreso á competición do equipo da Revolta. Esperamos que repitan e se consoliden para o ano vindeiro.

Outra novidade do torneo de Salceda é que parece que os Treze Catorze conseguiron superar en parte a maldición que persegue ao equipo organizador de cada torneo. Colocaron sete xogadores en dezaseisavos, pero ningún pasou desa rolda. Pero Pauliña alzouse co trofeo á mellor xogadora da xornada, para o que tivo que librar unha final de desempate con Chus de Se Foras Traballar. Por fin un trofeo quedou na casa.

David entrega o premio a Pauliña: todo queda en casa

David entrega o premio a Pauliña: todo queda en casa

Pero non só iso levaron os da asociación Treze Catorze. Tamén o recoñecemento pola boa organización do torneo, o éxito do emprazamento, da xente que pasou por alí e de atopar unha chave do 13-14 (toda unha rareza) para premiar ao mellor equipo. E quedamos impresionados cos preciosos trofeos elaborados polo pai de David para premiar aos outros gañadores da xornada. Chapeau!

Viño, callos da casa e pezas únicas para premiar aos mellores

Viño, callos da casa e pezas únicas para premiar aos mellores

A seguinte cita será a última desta tempada: en Mos o 4 de abril. Alí teremos o último aberto e entregaremos os premios finais desta primeira tempada da LNB Sur. Alí saberemos quen é o gañador individual, se Rubén Otero ou Chupi, os dous que contan con opcións. Saberemos que oito palanadores se clasifican para os play-off finais en Compostela. Coñeceremos tamén a gañadora á mellor muller, onde Chus de Se Foras Traballar e Ana de Assembleia Aberta se perfilan como favoritas. E aplaudiremos tamén ao mellor equipo e ao campión de varados.

Atentos a este blog: irémosvos informando dese último torneo e analizaremos a fondo como se atopan neste momento as clasificacións. Por agora, deixámosvos coas fotos do Aberto de Salceda.

P.S.: O domingo no All Stars de Ourense o poderío do sur deixouse ver. Aínda que no aberto non triunfamos, Chupi incrementou o seu prestixio facéndose á vez cos títulos do concurso de mates e o de triples. Enchenta de pezuñas e rabos de porco. Podes ver a epatante crónica do All Stars na web do Varal, e as fotos no Foto Varal.

Advertisements

Accións

Information

One response

9 03 2009
Xosexan

Parabens ós Paquete Pinchas, e para Chupi polo suceso no All Stars.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s




%d bloggers like this: