Rubén Otero gaña en Budiño e xa é lider da LNB Sur

17 02 2009

En Budiño fixo un sol radiante. A tarde prestábase para estar fóra e tivemos a xornada climatoloxicamente máis placenteira da temporada. A xente da Forna e os Paquete Pinchas prepararon o terreo de xogo no torreiro da festa de San Brais, que transcorrera a penas tres días antes e da que aínda quedaba algún recordo, como o cartel de “12 tiros, 3 euros”. Como reminiscencia festiva, Fuco fixo de speaker e animou o campionato cos seu estilo de narrador clásico, todo un Joaquín Prats contemporáneo.

Xogamos en dúas pistas de terra, longas, costentas e duras. Terreo pouco propicio para varados (só os conseguiron Santi de Assemblea Aberta e Luís Enrique de Almuinha, dous especialistas). Terreo para partidas longas, no que lle foi moi ben aos que en vez de golpes fortes e baixos practican un xogo constante, de golpes a media distancia e regularidade.

A participación foi de novo altísima: 71 palanadores dos 10 equipos regulares da liga, cunha abrumadora presenza dos de Treze Catorze, que están preparando novos xogadores para o seguinte torneo, que xogan en casa. Serán o primeiro equipo que triunfe na súa casa? Porque este sábado tocoulle aos Paquete Pinchas pinchar como caseiros: só 10 puntos, a súa peor participación. En cambio foi un bo día para Faísca, que se levaron o premio ao mellor equipo do torneo e colocaron a un dos seus na final: Suso Diz, que de paso sube na clasificación ata o 7º posto.

A final arrebatoulla o que está demostrando ser máis regular, Rubén Otero. Parece que se adapta ben a todas as pistas, pero ten predilección polas longas e difíciles. Aínda que segue líder de varados, é precisamente nas canchas nas que non consegue facer varados onde logra gañar os torneos (Moaña e Budiño). Coa súa segunda vitoria álzase ao primeiro posto da clasificación, superando a Chupi, que acusa un baixón de xogo e resultados.

Botádelle un ollo ás clasificacións. Na individual, os que ocupan postos play-off neste momento son Rubén, Chupi, Agus, Elvis, Pablo Álvarez, Santi Mendes, Pinto, Suso Diz e Amil. Pero aínda hai unha recua de palanadores con posibilidades, algúns en clara liña ascendente como Jurjo, Arosa, Alberte e Chiwi, que completaron un excelente torneo en Budiño.

Outra xogadora que brillou a gran nivel na última xornada foi Chus, que cos tres puntos conseguidos sitúase como primeira clasificada feminina. Parabéns tamén a Alberte e Diana, de Almuinha, que golpe a golpe gañaron o premio reservado en Budiño á mellor parella da xornada, aproveitando a coincidencia co 14F, día do innombrable S. V.

Todas as fotos do torneo en Fotovaral.

Advertisements

Accións

Information

One response

27 02 2009
Tron

Non hai video?
😦

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s




%d bloggers like this: