Pablo vence a Amil noutra final entre Paquete Pinchas

11 01 2009

Vigo foi a sede do quinto e ata agora máis numeroso torneo da aínda nova LNB Sur. 73 palanadores (entre eles tres Furabolos chegados da confererencia Nororeste) desafiaron o frío polar no Pavillón do Monte da Mina de Castrelos para participar nunha doble sesión de billarda, organizada pola xente do Local Social Faísca.

A parroquia da billarda prepárase para comezar a xogar

A parroquia da billarda prepárase para comezar a xogar

O protagonismo da xornada foi moi repartido. Os Paquete Pinchas foron os protagonistas por volver situarse como mellor equipo (e xa van catro veces) e porque dous xogadores seus acapararon a final (é a terceira vez que ocorre). Nun novo duelo fraternal, Pablo venceu a Amil. Foi unha partida entre dous xogadores con estilos similares no golpeo da billarda: ben agachados, coa man cerca do chan, golpeando a billarda a unha cuarta do estremo do palán e levantándoa máis ben pouco. Pablo venceu con auriculares nas orellas, non sabemos se para escoitar música ou algún outro aliciente, pero o conto funcionou.  Tanto Pablo como Amil dan desta maneira un gran salto na clasificación individual, pasando do medio da táboa aos postos 5º e 6º respectivamente. Así, Paquete Pinchas acapara 6 dos primeiros 9 postos na clasificación, e avantaxa xa en 42 puntos aos seus perseguidores na clasificación por equipos.

O campión e o finalista

O campión e o finalista

Outro protagonista da xornada foi Rubén Otero, dos Lideiras. Pola mañá foi o vencedor do innovador torneo de paláns, a modalidade que se estreou en Vigo con notable éxito. Rubén foi quen máis billardas meteu no varal no tempo limitado co que contaban os xogadores. E pola tarde chegou a semifinais, co que sumou 6 puntiños que o separan de Agus de Almuinha e o deixan segundo en solitario a só 5 puntos do líder, que segue a ser Chupi. Rubén tivo ademais un día moi fino cos varados: realizou 3, que sumados aos que xa tiña colócano como líder en solitario desa clasificación, con 6 varados fronte aos 4 de Fuco, que pasa a ser segundo.

Outro dos titulares que nos deixa a xornada é a lista de favoritos que caeron nos grupos preliminares. Nin Chupi de Paquete Pinchas, líder da clasificación individual, nin Agus de Almuinha, ata agora segundo, nin Pinto de Faísca, gañador do último torneo e esperanza local en Vigo, foron quen de clasificarse nos seus grupos. Iso dá conta do alto nivel e a igualdade que prima en todos os torneos.

Pero tamén houbo sorpresas positivas. Os de Moaña volveron facer outra xornada moi boa. Arosa foi semifinalista e en conxunto foron o segundo mellor equipo, con boas actuacións de David e Panzo. Na clasificación suben ata o 6º lugar, a pesar de ter xogado un torneo menos.

Tamén tiveron unha boa xornada os de Almuinha, que se afianzan no 2º posto por equipos, e os Treze Catorze, que van afinando de cara ao torneo que organizarán en marzo en Salceda. Non estiveron tan finos os de Faísca, que logo da súa vitoria en Ponteareas sufriron o xa clásico síndrome do organizador. Tampouco tiveron o seu mellor día equipos como Culombio, Assembleia Aberta, Se Foras Traballar e Branco e Negro. En Vigo participou un equipo novo que agardamos que teña continuidade: O Guindastre.

En resumo, un gran torneo en todos os aspectos. Parabén aos de Faísca pola estupenda organización, e agora a repoñer forzas de cara ao seguinte torneo: será o 14 de febreiro en Budiño (O Porriño), organizado coa colaboración da Asociación Cultural A Forna. Preparádevos porque se o tempo o permite xogaremos no exterior e pode que en pista de terra. Na páxina de calendario podedes consultar esta e outras citas que xa teñen data, incluíndo abertos e encontros coa xente das outras conferencias.

Advertisements

Accións

Information

2 responses

28 01 2009
paquete pinchas

PIDO DENDE AQUI A VOLTA DE ANIBAL( PAQUETE PINCHAS) ESTE E UN DESPORTO PARA QUE A NOSA COMUNIDADE DE PALANADORES SE DIVIRTA, MOVA O CU E SE EMBORRACHE, NN PARA ENFADADARSE,PERMANECER QUIETOS OU ESTAR SOBRIOS. ESPERAMOSTE EN BUDIÑO!!!!! (qe algen faga o favor de que se entere)

27 02 2009
Tron

para unha vez que fago algo digno e non hai video……que tristura.

Arriba paquete pinchas.

Anibaaaal volve a casa!!!!

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s




%d bloggers like this: