Os Paquete Pinchas arrasan en Marín

17 11 2008

Os Paquete Pinchas arrasaron no Torneo de Marín desta fin de semana. Chegaron dispostos a levalo todo e conseguírono: campión e finalista individual, mellor equipo, xogador con máis varados e liderato nas clasificacións individual e por equipos. Tras a celebración das tres primeiras xornadas aparecen claramente como os rivais a bater… e seguro que o resto de equipos o terán moi en conta de cara a vindeiros torneos. Tremede Paquete Pinchas, que vos temos de ollo!

En Marín a equipa local aspiraba a darlle continuidade ao bo estado de forma que demostraran nas citas anteriores. Pero o esforzo organizativo para montar un torneo estupendo en todos os aspectos pasoulles factura á hora de competir. Só Agus puido asomar a cabeza nunhas semifinais copadas polos Paquete Pinchas. E é que os de Pontellas conseguiron colocar un dos seus en cada unha das eliminatorias de cuartos… e gañaron tres!

Venceu Chupi de novo

Na primeira das semifinais xogaron os ata entón co-líderes, Chupi e Agus, que se xogaban o liderato. Venceu Chupi, que ao pasar á final asegurábase permanecer líder no mes de novembro. O seu rival ía saír dunha semifinal fraticida entre Charlie e Elvis. E aínda que o primeiro colocou a billarda a escasos metros do varal no primeiro golpe, Elvis enganchou un varado espectacular que o lanzou directo á final. Era o segundo varado da xornada, o que o confirmou como xogador revelación do torneo e campión de varados do día. Na final Elvis non puido consumar a sorpresa, e caeu diante da regularidade case matemática de Chupi, que volveu triunfar coa súa sucesión de carreiras case perfectas nas que consegue marcar sempre en dous ou tres golpes.

62 palanadores

Os demais equipos quedaron ensombrecidos pola racha dos Paquete Pinchas. Tanto é así que fronte aos 28 puntos do equipo líder, Almuinha, Faísca e Culombio chegaron só aos 11 puntos, e o resto das franquicias quedaron por debaixo desa marca. En total, no Colexio da Laxe presentáronse 62 palanadores de 10 equipos, as escuadras que van protagonizar esta LNB Sur ata o final da tempadas.

Clasificacións (podedes consultalas completas nesta ligazón)

A clasificación individual está agora encabezada en solitario por Chupi (Paquete Pinchas) con 24 puntos, catro máis que o seu máis inmediato perseguidor, Agus (Almuinha). Por detrás veñen Rubén (Lideiras) con 16, Aníbal (Paquete Pinchas) con 15 e aparece xa con 11 en quinta posición Elvis (Paquete Pinchas).

Ana de Asemblea Aberta segue sendo a primeira na clasificación feminina con 8 puntos, pero logo dunha xornada na que non estivo afortunada ve como se lle achega Chus de Se Foras Traballar, que con moita regularidade acumula 6 puntos en dúas xornadas.

Por equipos, Paquete Pinchas son máis líderes que nunca cos seus 64 puntos, cunha ampla vantaxe sobre Almuinha, que ten 41. A partir de aí as cousas están apretadas, nun pelotón nos que se atopan Asemblea Aberta (34 puntos), Lideiras (29), Faísca (28), Culombio (24), Se Foras Traballar (20), Moaña (18), Branco e Negro (18) e Treze Catorze (17).

Nos varados, o liderato segue en mans de Fuco (Branco e Negro), que logrou este sábado outro varado máis e conta xa con 3. Séguenlle Santiago de Asemblea Aberta e Elvis de Paquete Pincha, con 2 varados cada un.

Como sempre, podedes ver no Foto-Varal as fotos do torneo. E estade atentos os próximos días á aparición do vídeo. E quen sabe se tamén poderemos ver as fotos da nova enchenta de Paquete Pinchas, esta vez a base de bacallau e lacón…

Advertisements

Accións

Information

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s




%d bloggers like this: