52 candidatos e un xamón, crónica do Torneo do Porriño

29 09 2008

O campión entrevistado por Fuco

Finalmente foi Chupi quen levou o xamón para casa. E ademais colocouse como primeiro líder da LNB Sur.  Para iso tivo que lidiar na final con Aníbal, que demostrou que a parroquia porriñesa de Pontellas é unha canteira iangotable de grandes palanadores, posto que de alí son os dous. Foi unha final chea de intriga, na que se notou que o nerviosismo afectou a ambos por igual. Tras unha sucesión de golpes imprecisos remataron empatados e houbo que xogar unha nova partida de desempate. Nela, Chupi empalmou no segundo intento un varado que puxo fin á desputa sobre quen se quedaba coa pata do porco.

Pero Aníbal non ten motivos para estar triste: no primeiro torneo que xoga chega á final. E é que se nota que ambos xogaron á pincha polos camiños cando eran pequenos. Coa súa final conseguiron tamén que os Paquete Pinchas conseguisen a vitoria por equipos: nisto da pincha está claro que non son uns paquetes…

Os triunfantes Paquete Pinchas

Quedaron xusto por diante dun dos equipos que parece contar con máis xogadores en boa forma: Almuinha. Os de Marín sorprenderon pola súa asombrosa regularidade. Os seus sete xogadores desprazados ao Porriño conseguiron clasificarse nos grupos preliminares e pasar a dezaseisavos. Xurxo e Anxo chegaron a oitavos, e este último conseguiu un varado. Os mellores foron Cristian, que chegou a cuartos, e Agus, que lle desputou unha semifinal ao infranqueable Chupi.

Outro equipo que demostrou un bo nivel foi Asemblea Aberta. Os de Ponteareas tiveron en Abram ao seu xogador máis entonado, ao chegar ata as semifinais. Tanto el como Santiago asinaron senllos varados.

Os Branco e Negro parecía que se ían comer o mundo, especialmente Fuco que á altura de dezaseisavos xa acumulaba dous varados que o converten no primeiro líder de varados da liga. Pero a súa barreira situouse nos cuartos de final, onde caeron tanto el como Alfonso, que tamén conseguiu un varado.

Entre os que non tiveron unha xornada tan afortunada atópanse os Lideiras. Logo de meter seis xogadores en dezaseisavos caeron todos nesa rolda, agás Josué, que aguantou unha máis. Josué e Rubén Otero anotaron un varado cada un.

Lara, Josué e David seguen coa mirada o lanzamento de Diana, de Almuinha

Tampouco estiveron finos os de Culombio. Eran o equipo máis numeroso, pero dous de cada tres dos seus palanadores non lograron pasar dos grupos preliminares. Pablo Suengas e David Cadenas caeron en dezaseisavos e Moisés volveu perder diante de Chupi unha rolda máis adiante. Este equipo, ao igual que Lideiras, ten moita marxe de mellora…

O Faísca de Vigo acusou as importantes baixas de Xosé Miguel e Manu. Comezaron con cinco xogadores, dos que Xosé Rodas chegou a dezaseisavos e Viana deu un paso máis para caer en cuartos. Todo apunta a que en Moaña as cousas poden irlles moito mellor.

O Torneo do Porriño veu nacer os Chimpa na Meda, un equipo formado no momento por un grupo de mozos de espírito deportivo pero case nula experiencia na billarda. E a pesar de todo lograron que un dos seus, Eduardo, se coase nos cuartos de final, e só un varado de Abram o apeou de chegar máis lonxe.

Os Chimpa na Meda nun receso

E isto foi o que deu de si o I Torneo de Pincha do Porriño “Festas do Cristo”, o aberto inaugural da LNB Sur, que aquí podedes ver en imaxes. Estamos moi satisfeitos da xornada: alta participación, bo ambiente, bo nivel de xogo e o compromiso do Concello do Porriño de seguir apoiando este e outros eventos similares para os anos vindeiros. Parabéns, billardeiros!

Non vos perdades a información do Varal sobre como arrancou a liga nas outras dúas conferencias… a Superliga de Billarda ruxe en toda Galicia.

E a seguinte cita, en Moaña. Estades atentos ao blog, non lle quitedes ollo!

Advertisements




Chupi e os Paquete Pinchas, vitoria e liderato

28 09 2008

o I Torneo de Pincha do Porriño quedou en casa. A LNB Sur arrancou coa vitoria de Chupi, de Pontellas (O Porriño), que se convirte no primeiro líder da liga. O temido palanador dos Paquete Pinchas desputou a final con Aníbal do seu mesmo equipo. O brillante papel dos dous xogadores serviu para que os Paquete Pinchas lograsen o triunfo como mellor equipo, superando a Almuinha, que demostraron estar moi en forma. Na clasificación de varados, Fuco ponse en cabeza cos dous conseguidos onte.

Polo demais, destacar a alta participación, con 52 xogadores e 8 equipos para arrancar con forza a LNB Sur. Podedes consultar como vai a liga tras o primeiro torneo na páxina dedicada á clasificación. Proximamente, crónica do torneo, fotos e vídeos!!





Para quentar motores analizamos a pretempada

23 09 2008

O Torneo do Porriño está xa aí. Este sábado bota a andar a primeira tempada regular da Conferencia Sur da Liga Nacional de Billarda. Lémbrade que terá lugar ás 17:00 horas na pista cuberta do Colexio Fernández López. E xa sabemos cales son os premios que levarán os mellores, outorgados polo Concello do Porriño, que colabora na organización deste torneo. Seguindo a liña culinaria dos torneos de verán, o gañador individual recibirá un suculento xamón, ademais dun trofeo. Para o subcampión hai outro trofeo e un pequeno lote de produtos cárnicos (ou sexa, unhas latas de callos de edición especial). A mellor equipa recibirá tamén trofeo e lote de produtos cárnicos do mesmo tipo.

A LNB Sur é un campionato novo, polo que se presenta moi aberto, sen un favorito claro. Estamos seguros que ao longo dos vindeiros torneos haberá moitas sorpresas e coñeceremos nomes novos de futuras estrelas da billarda. Polo de agora, para ter unha idea de quen pode facer cousas importantes na liga, temos que botar a vista atrás e recordar o que foron os abertos que se celebraron nos últimos meses polas terras do sur… de aí podemos tirar cales poden ser as estrelas desta LNB Sur 2008-2009.

Os gañadores de torneos

Que a cousa vai estar aberta demóstrao que nos torneos que se desputaron ata agora ninguén repetiu vitoria. Seis abertos, seis gañadores.

– Josué. Xoga cos Lideiras, de Mos. Gañou o Aberto de Torroso (Mos) e demostrou clase e suficiencia a pesar da súa xuventude. Ausente dos seguintes abertos por razóns extradeportivas, a súa volta no Porriño é temida polos rivais.

– Rubén Otero. Xoga tamén cos Lideiras, de Mos. Gañou o Aberto A Nosa Terra de Pereiras (Mos). Un clásico do Sur, non fallou en ningún torneo ao que o foi convocado, aínda que tivese que percorrer centos de quilómetros nun día. Ten un golpeo duro e boa man para os varados, só lle falta gañar en regularidade.

– Alberte. Xogará no Almuinha, de Marín. Gañou o Aberto da Pataca de Xinzo de Limia. Pola súa fortaleza física e por vencer na final ao experimentado Xosé Miguel (o gladiador da billarda), podemos afirmar que estamos diante dun xogador poderoso que comandará a equipa de Marín nos vindeiros torneos.

– Chupi (Diego). Xogará nun equipo que se está formando na Louriña. Gañou o Aberto de Ponteareas, onde confirmou o que a maioría xa sabiamos: é un dos rivais a bater. Asusta a súa regularidade, pois case sempre completa as súas partidas en dous golpes, e incluso aporta algúns varados. No interparroquial de Barreiros soubemos que tamén pode ter un mal día. Chupi foi ademais finalista do Aberto de Torroso.

– Gil. Xogará nun equipo que se está formando na Louriña. Gañou o Aberto do Festival de Poesía do Condado, en Salvaterra. É unha estrela silenciosa, que sen facer moito ruído vai avanzando nos cadros para desvelar todo o seu potencial nos partidos importantes.

– No Aberto de San Xoán de Rio gañou un palanador local, Santi de Domecelle, que non participará na liga regular da LNB Sur, onde de seguro había dar moita guerra.

Os finalistas

Se a este grupo de xogadores do Sur que xa teñen algún torneo no peto lles engadimos os que chegaron a desputar finais, podemos ter unha listaxe bastante sólida de estrelas que poden despuntar na LNB Sur.

– Santi Bastos. Xoga co Culombio, da Louriña. Finalista no Aberto A Nosa Terra de Pereiras (Mos). Será o líder do seu equipo. Cando ten un bo día, resolve con eficiencia os seus encontros. A piques estivo de dar a sorpresa e superar ao experimentado Rubén Otero.

– Xurxo. Xoga co Almuinha, de Marín. Foi finalista do Aberto de San Xoán de Río. Outro xogador solvente da equipa que se formou en Marín. En Salvaterra volveu xogar a bo nivel e presenta un enorme potencial de cara a vindeiros torneos.

– Xosé Miguel. Xoga co Faísca, de Vigo. Finalista no Aberto da Pataca de Xinzo de Limia. É o palanador máis experimentado, o home ubicuo que xa xogou na Conferencia Noroeste e argallou un par de torneos polas terras de Ourense. Ten un golpeo conduntente, que foi decisivo no torneo do Xerro do Salnés. Nos últimos torneos amosouse algo irregular, pero todo apunta a que afinará máis nos que veñen agora.

– Ángel Cortaberry. Xoga co Culombio, da Louriña. Finalista no Aberto de Ponteareas. Alí deu a sorpresa ao retar en chancletas ao poderoso Chupi. A súa solvencia en todo tipo de deportes fai prever que de forma discreta saberá situarse entre os mellores da billarda.

– Manu. Xoga co Faísca, de Vigo. Finalista no Aberto do Festival de Poesía do Condado. Foi a gran sorpresa para a maioría dos que estivemos alí. Nun torneo dominado polas xentes de Mos e O Porriño, Manu acabou con todos os seus rivais con determinación e a punto estivo de proclamarse campión. Ten estilo, forza e moita proxección.

A lista de favoritos podería ser aínda moito máis ampla. Sen dúbida hai moitos palanadores e palanadoras que demostraron moi boas maneiras nestes torneos e que darán moito que falar nos vindeiros meses. Polo de pronto, xa sabemos cales son os rivais que tomar como referencia.





O Porriño á vista, pero antes… a selección!

18 09 2008

A selección galega está xa preparada para baterse á alemana. En Vieiros podemos ver un documento audiovisual fascinante que nos amosa as habilidades do combinado xermano. Se aprenderon tamén a xogar á pincha como a falar galego poden ser un rival temible.

Na convocatoria de Galicia para este partido destaca a presenza de catro xogadores do Sur: Gil, campión do Abertinho do Festival de Poesía; Amil, semifinalista nese mesmo torneo; Otero, gañador do Aberto da Nosa Terra de Pereiras, e Fuco, membro da expedición pioneira ao Torneo do Lacón de Cervo. Unha representación de altura para acompañar ás estrela do Norleste e demostrar que Galicia é a gran superpotencia mundial da billarda.

A cita é este sábado en Ribadeo, tedes toda a información no blog do Varal. E para a semana seguinte comeza a liga no Sur. O Porriño será o escenario do primeiro torneo. Xa temos outro equipo confirmado: o Faísca, de Vigo.

Para a semana contarémosvos máis cousas sobre as características da pista, os premios, e todo o relacionado co torneo e co inicio da LNB Sur.





Galicia – Alemaña: cita coa historia

16 09 2008

A billarda ten este sábado 20 de setembro outra cita coa historia. A selección galega, a Auténtica, enfrontarase con outra selección europea, a todopoderosa Alemaña. Ribadeo será o escenario dun novo enfrontamento internacional logo das dúas edicións da Copa Cantábrica desputadas con Asturias.

Se queres coñecer a fondo todo o relacionado co gran derby, visita O Varal, onde tes cumprida e excitante información do encontro. Ou escoita a Xermán Viluba e Aitor Rivas na Radio Galega dando conta do encontro. Alemaña xa ten convocatoria, a galega está aínda por presentar, a falta de confirmar os palanadores do sur que se unirán á selección.

E mentres agardamos por coñecer a lista de seleccionados para a lista de internacionais de Galicia, podemos xa adiantar os xogadores que formarán parte dos primeiros dous equipos confirmados na LNB Sur: Almuinha de Marín e Culombio da Louriña.

ALMUINHA: Diana, Alberte, Fram, Jurjo, Xoam, Cristian, Ajus, Helena e Ánxela.

CULOMBIO: Róber Alonso, Moi Álvarez, Santi Bastos, David Cadenas, Esme L. Castro, Ángel Cortaberry, Laura Pereira, Fátima R. Sío, Pablo Suengas e Tito.

Agardamos en breve ter a formación dos equipos que están a argallar A Faísca de Vigo, a Baiuca Vermelha de Ponteareas, e un par de conxuntos máis que se están cocendo na Louriña.





“Isto está pa min”

10 09 2008

Así de claro o tivo Gil desde o momento no que eliminou a Otero nos oitavos de final do Abertiño de Billarda do Festival de Poesía do Condado: “Isto está pa min”. Este é o clímax dunha nova e fabulosa videocreación que nos presenta Otero, o Chano Piñeiro da LNB Sur. Desta vez bailamos ao ritmo de música pimba e revivimos os mellores momentos da última cita da billarda no sur.





As fotos de Salvaterra

8 09 2008

No Foto Varal están xa as fotos do torneo de Salvaterra. Os mellores momentos do festival de golpeos que vivimos na muralla.