Chupi conquista Ponteareas

30 08 2008

O golpe limpo e preciso de Chupi e a súa seguridade para introducir a pincha no varal en non máis de dous lanzamentos, convertírono hoxe no gañador do I Aberto de Billarda de Ponteareas, que organizou a asociación Baiuca Vermelha. Tedes imaxes de como foi o torneo aquí.

No parque das Pombas congregáronse vinte xogadores nos que se mesturaba a experiencia de curtidos gladiadores como Otero e Xosé Miguel coa frescura de novos talentos que desde o corazón do Condado se enfrontaban por primeira vez á billarda.


Novos talentos para a billarda no Sur

Os grupos depararon sortes dispares, como a coincidencia de Chupi, Otero e Santi no que foi “grupo da morte”. Nestas primeiras partidas sorprendeu a destreza de Sebas, un mozo que sen tempo a quentar lanzouse a gañar partidas. Sebas pasou a cuartos, ao igual que Pablo Suengas, Jota, Agus (representante da xente de Marín), Chupi, Otero, Moisés e Ángel. Para as semis clasificáronse Jota e Ángel na parte alta do cadro e Chupi e Moisés na baixa. Ángel fixo valer a súa regularidade para impoñerse a Jota, mentres que Moisés caeu ante a elegancia no golpeo do de Pontellas.

Na gran final, Diego Chupito fixo valer a súa experiencia e fulminou a Ángel Cortaberry, revelación da xornada, en dous golpeos precisos que lle bastaron para introducir a pincha no varal.


O gañador e o finalista do Aberto de Ponteareas

E así foi a xornada en Ponteareas, onde os nosos anfitrións da asociación Baiuca Vermelha deron o primeiro paso para extender a billarda polo Condado. Para a próxima cita non sairemos desta comarca: será en Salvaterra o vindeiro sábado 6 de setembro ás 16:30 horas na Fortaleza, dentro do XXII Festival da Poesía do Condado.
Agardámosvos alí!

Advertisements




Ponteareas súmase á pincha!

28 08 2008


Atención billardeiras e billardeiros:
esta fin de semana temos un novo torneo de Billarda. Será o sábado 6 ás 18 horas no Parque das Pombas. Organízao a asociación Baiuca Vermelha co asesoramento de Xosé Miguel, que este agosto está sementando de torneos o sur de Galicia. Agardamos que este sábado nos xuntemos xente de Marín, Ponteareas, Mos, O Porriño, Vigo, Moaña… Vaise ampliando pouco a pouco a parroquia da pincha, e hai que estar preparados para o pronto inicio da tempada 2008-2009 na Conferencia Sur.

A seguinte cita no calendario será o sábado seguinte, desta vez en Salvaterra de Miño dentro da programación do Festival de Poesía do Condado. Manterémosvos informados!!!





A LNB chega ao surleste: abertiño en San Xoán de Río

7 08 2008

Atención palanadores e palanadoras do Sur: a billarda non descansa no verán. Afiade as pinchas, porque este sábado 9 en San Xoán de Río, na provincia de Ourense, ábrese unha nova fronte billardeira: chega o Abertiño de San Xoán de Río, o primeiro campionato de billarda no Surleste.
O encargado de poñer a andar este acontecemento é Xosé Miguel, o palanador omnipresente, que xoga na liga norleste e formou pare do equipo do Sur que conseguiu alzarse co Xerro do Salnés en Xil (Meaño). A cita é este sábado 9 de agosto ás 17 horas no pavillón de San Xoán de Río. E todo dentro dun festival no que non ha de faltar a música: Skarnio, Skacha e Cuchufellos.

Así o explica Xosé Miguel no blog do Varal: Xa lles deixei varias billardas para que vaian practicando, o único que se puxeron a xogar no medio da rúa e case rompen os cristais dun bar.Ao final faremolo nun pavillón que na praza do concello queda algo pequena. ….. e de coruña o equipo do Atreu, no que estaba eu cando vivía alí, desprázase case ao completo para este torneio. O queixo, viño e bica que será o premio para o gañador atraen a xente.

A cousa promete! Apuntádevos xa: abelaido@hotmail.com / 627 780 891.