Expedición Lacón

20 02 2008

Este domingo pasado, a Conferencia Sur presentouse en Cervo para amosar as súas cartas aos máis veteranos palanadores e palanadoras da LNB. Catro representantes da pincha do sur chantáronse no Torneo do Lacón dispostos a arrebatarlles tan suculento trofeo aos mariñáns. Otero, Fuco, Moi e a fichaxe sorpresa internacional (Alberto, de Bilbao) competiron dignamente na cuarta edición do máis veterano dos trofeos de billarda que se disputan en Galicia.

A pesar da súa inexperiencia en torneos desta categoría e a non dominar as reglas oficiais da LNB, demostraron que hai madeira para dar a talla en futuras competicións. Un dos nosos palanadores caeu na primeira rolda, nunha eliminatoria moi disputada. Outros dous quedaron apeados na segunda e un deles pasou esta rolda para caer en cuartos contra David, que ao final se proclamaría campión. O Sur existe, e na tempada 2008/2009 pode dar moitas sorpresas. Polo de agora, hai que ir preparándose para estar nas mellores condicións de cara á Copa do Salnés (en Xil, Meaño, o 27 de abril).

Pronto poremos unhas cantas fotos da expedición (na que estreamos unhas camisetas deseñadas para a ocasión por Otero e Seve). Polo de agora podedes ver en televaral este estupendo vídeo da competición, e no blog do varal unha crónica do acontecemento con algunhas fotos.

Advertisements




A pincha está viva!

13 02 2008

O pateiro pétalle nunha punta á pincha, esta érguese no aire dando voltas sobre si mesma e plac, zúscalle e sae zoando no aire… A pincha está viva!

A pincha está viva, e púidose demostrar esta fin de semana en Pontellas, onde unha ducia de entusiastas chegados de diversas parroquias da Louriña celebraron os primeiro entrenamentos preparatorios de cara á súa entrada no circuíto da LNB. Foi unha tarde moi divertida. Durante un par de horas xogamos ao xeito tradicional, por equipos, con buraco no chan e medindo a distancia. O equipo de Otero, Laura, Fátima, Róber, Fuco e Chupi venceron por 200 a 170 ao equipo que formabamos Aníbal, Ángela, Pablo, Santi, Jota e Moi. Emocionados, continuamos logo practicando coas reglas da LNB, e xa se nos botara a noite enriba cando á luz dunha farola seguiamos petándolle á billarda no torreiro de San Campio. Tanta foi a emoción que unha pequeniña delegación da Louriña viaxará esta fin de semana a Cervo para participar no Torneo do Lacón. Treme A Mariña!

A pincha esta viva, e están máis que vivos os Palanganas, que xa se puxeron en contacto connosco para reunirnos e intercambiar ideas para os tempos que veñen na febre meridional da billarda.

A pincha está viva, pronto teremos novos entrenamentos, e tamén podes vir ti!





Primeiros entrenamentos…

6 02 2008

Pola banda da Louriña, nos concellos do Porriño e Mos, a nova da futura creación da Conferencia Sur da LNB xa puxo as pilas a máis de un. Avanzan as conversacións para gañar xogadores e xogadoras dispostos a baterse nun campionato regular de billarda. Hai bo ánimo e confianza na destreza dos nosos no golpeo da pincha, polo que no Sur non descartamos facer un papel máis que meritorio no primeiro evento que nos agarda: a Copa do Salnés, o 27 de abril en Xil (Meaño).

Para ir quentando motores e poñer os brazos en forma, un grupiño de entre 6 e 10 persoas participaremos este sábado 9 de febreiro os primeiros entrenamentos libres. Serán pola tarde no torreiro de San Campio, na parroquia de Pontellas (O Porriño). Habemos practicar o noso manexo coas reglas oficias da LNB, e dedicaremos un tempiño tamén a xogar ao xeito tradicional na nosa comarca (por equipos e medindo a distancia).

Ver mapa más grande

Non fixamos aínda unha hora, pero se queres vir xogar, recordar que tal se che daba a pincha ou probar por primeira vez, ponte en contacto con nós no correo moisesaj@yahoo.es