Transcorrida a metade do campionato, parece claro que Chupi dos Paquete Pinchas é o rival a bater. Venceu en dous dos catro torneos disputados e foi finalista noutro, o que o sitúan á fronte da clasificación con dez puntos sobre os seus principais perseguidores. A súa baza é a gran regularidade, de modo que case sempre resolve as súas partidas en dous ou tres golpes.
Hai un aspecto fundamental para botar as contas da clasificación: lembrade que só van puntuar os 6 mellores campionatos de cada quen, así que como quen di os xogadores teñen a posibilidade de fallar dúas veces.
Os seguintes na clasificación son Agus de Almuinha e Rubén de Lideiras, con 22 puntos. Se ben non tan regulares como Chupi, amosaron en varias ocasións a súa capacidade competitiva e a súa destreza. Agus non acostuma fallar e Rubén ten unha gran potencia de lanzamento. Hoxe por hoxe parecen os dous únicos en condicións de alcanzar a Chupi.
Por detrás hai un bo número de xogadores que amosaron boas maneiras. A clasificación aprétase por debaixo dos 15 puntos de Aníbal dos Paquete Pinchas. Elvis e Charlie do mesmo equipo e Pinto de Faísca suman 13, Abrám de Assembleia Aberta e Pablo de Culombio chegan aos 11, e Fuco (Branco e Negro), Manu (Faísca), Santiago e Ana (Assembleia Aberta) teñen 10, e hai moitos xogadores con 9, 8, 7 puntos… A lista de xogadores aspirantes a rematar entre os oito primeiros é ampla e nese aspecto a liga está aberta a todo tipo de sorpresas. Polo seu rendemento nalgúns campionatos hai que ter moi en conta a Xosé Miguel (Faísca), Panzo, David e Chuki (Moaña), Amil (Paquete Pinchas), etc. E hai xogadores que aínda non destacaron na liga pero si fixeron bos campionatos na pretemporada: Alberte (Almuinha), Santi (Culombio), Josué…
En total, máis de 120 xogadores e xogadoras participaron por agora na LNB Sur, dos cales 65 fixérono en máis dunha ocasión e contan xa como fixos da liga. E con catro torneos por diante, todos e todas terán a súa oportunidade de se clasificaren.
Lembrade que a LNB Sur só terá un campión… pero os oito primeiros clasificados participarán no Play-Off final, enfrontándose aos mellores do noroeste e o nordeste, e de aí sairá o campión absoluto da Liga Nacional de Billarda.