FORMATO ABREVIADO DAS REGRAS DE XOGO
Fundamento do xogo
O xogo consiste en tratar de chegar coa billarda ata o varal antes co teu contrincante, utilizando para o mesmo golpes que imos dando co palán na billarda, despois de levantala do chan co mesmo, e golpeala posteriormente no aire para enviala cara ao varal.
Normas do xogo
O xogo realizase nun campo de forma rectangular e cunhas medidas de 50 metros de longo por 20 metros de ancho. O campo ten marcado as medidas do mesmo cunha raia que une os puntos todos do mesmo. Ó mesmo tempo nun dos laterais de 20 metros ten marcado no centro un cuadrado de 60 cm X 60cm denominado zona de saque. No outro lateral está marcado o varal que ten unha medida de 3,60 metros de lonxitude. O varal non posue longueiro polo que prolongaremos a liña imaxinaria dos postes.
Todas as medidas anteriores son relativas, xa que nos adaptaremos en cada caso ás condicións do terreo no que vaiamos xogar.
Tendo o campo marcado comezamos a xogar.
Xogamos
Os palanadores situanse na zona de saque, cada un co seu palán e mais coa sua billarda. A orde de lanzamento será alternativa.
O primeiro palanador situa a sua billarda no chan e sobre a zona de saque. Co palán suxeitado coa man temos que golpear a billarda nun dos seus extremos para que esta brinque polo aire e así poder baterlle de novo sen que a mesma caia ao chan. No lanzamento trataremos de que a billarda colla a dirección do varal. Cada xogador só ten unha opción de golpexo válida, polo cal se o xogador golpea a billarda no chan e esta non se levanta, cosidérase opción de tiro, polo que pasa o turno ao contrincante. Se a billarda se levanta do chan pero non a golpeamos no aire, sucede o mesmo, pasa o turno o contrario. Calquera situación na que a billarda é tocada polo palán, está considerada como lanzamento, tanto si é un bo lance, coma si é malo. A billarda nunca se pode golpear desde que toque no chan despois de ser levantada, pero mentras que a mesma non o toque, podemola golpear no aire tantas veces como a nosa habilidade nolo permita.
No primeiro lanzamento o xogador pode chegar a conseguir introducir a billarda no varal, acción que se denomina varado. Si esto sucedese o seu contrario tería que facer a mesma xogada para empatar a partida, se non a partida xa ten gañador. Se o primeiro lanzamento non consigue ser varado, o palanador fai o seguinte lanzamento dende o sitio que a billarda se deten despois de ser lanzada. Está prohibido mover, parar ou desviar a billarda intencionadamente mentras a mesma está rodando. Se este mesmo lanzamento, ou calquera outro, sae por fora da pista o seguinte faise dende o punto da liña por onde a billarda se bote fóra, denominada esta acción saque de banda. Só podemos sacar de banda cando a billarda despois de ser lanzada toca polo menos unha vez dentro da pista, porque si o lanzamento sae fóra directamente, vólvese ao sitio de onde lanzamos. Si o lance sae pola liña de fondo, a billarda volve a situarse no mesmo sitio.
No caso de que unha billarda cae ou para xusto na liña de banda ou na liña de varal, só se considera que está fora cando a billarda supera por completo a liña, tendo que estar todo o corpo da billarda do outro lado.
Como xa dixemos, a orde de tiro é alternativa, e gaña a partida aquel xogador que consegue meter a billarda por entre o varal antes que o seu contrincante, usando sempre o mesmo número de lances ámbolos dous palanadores. Pode darse o caso de que unha partida quede en empate, sempre que no mesmo número de golpes os palanadores metan as suas billardas no varal.
*****
DESENVOLVEMENTO DOS TORNEOS DA LNB SUR
Na LNB á billarda xógase de forma individual, pero os xogadores poden agruparse en equipos. Non é necesario ter equipo nin acudir a todos os torneos para participar nun, e calquera se pode anotar.
Os participantes de cada torneo divídense en grupos de clasificación de número de xogadores variable, pero preferentemente de 5 ou 6 xogadores. Para a realización dos grupos empregarase un sistema aleatorio, sen cabezas de serie. Clasifícanse os dous primeiros de cada grupo e comezan os cruces. Para facer cadrar os grupos de cara aos cruces poden clasificarse 2 ou 3 de cada grupo, segundo o número de xogadores que participen no torneo. Esta decisión tomarase en cada torneo en concreto co obxectivo de lograr que en oitavos de final só haxa 16 xogadores. A partir de aí, desenvolverase o torneo por sistema de eliminatorias.
Procurarase que haxa dous árbitros en cada cancha de xogo e un xuíz de mesa que anote as puntuacións.
Sistema de puntuación
Gañador: 8 ptos.
Finalista: 7 ptos.
Terceiro: 6 ptos.
Cuarto: 5 puntos.
1/4 finalista: 4 ptos.
1/8 finalista: 3 ptos.
Clasificado nos grupos (se hai 1/16avos ou rolda previa aos 1/8avos): 2 ptos.
Puntuación por participar: 1 pto.
O gañador de cada grupo suma 2 puntos máis.
O segundo de cada grupo suma 1 punto máis.
Clasificación da LNB Sur
En total xogaranse 10 torneos. Os puntos que un xogador consegue en cada xornada vanse sumando para a súa clasificación individual. Ao final da liga a cada xogador só se lle contabilizan os seus 8 mellores resultados. Gañará a liga aquel que teña mellor puntuación. Haberá os seguintes gañadores:
- Gañador/a da LNB Conferencia Sur
- Gañadora feminina (só no caso de que non coincida co gañador/a absoluto/a)
- Gañador/a de varados
- Equipo gañador
Os mellores xogadores, os mellores en varados e o mellor equipo participarán nos Play-Offs finais, nos que se enfrontarán cos gañadores das conferencias Noroeste e Norleste para loitar polo triunfo na Liga Nacional de Billarda.
Sistema de equipos
Os equipos contarán cun mínimo de 4 xogadores e un máximo variable, aínda que se procurará que en cada torneo non participen ao mesmo tempo máis de 12. O recomendable de cara á participación nos play-offs é que sexan polo menos 6. Non é necesario que xoguen todos en cada torneo: poden xogar os que queiran, pero só puntúan os 4 mellores no torneo. Os puntos deses catro mellores son os que se contan para determinar o equipo gañador nun torneo.
Na clasificación xeral por equipos, sumaranse os puntos conseguidos por cada equipo en cada torneo, e só se terán en conta as 8 mellores puntuacións.
Pódese participar nos torneos sen ter equipo, e pode facerse un equipo só para un torneo. Ao longo da liga pódense incorporar novas fichaxes a cada equipo, ou facer algún cambio se se produce unha baixa. Ao final da liga controlarase que non se fagan cambios de xogadores coa finalidade de alterar o resultado.
