Salvaterra: Verbas, versos e billardas

2 09 2009

cartaz-peq-09

Despois do descanso estival  esta finde chega un clásicoda pretempada, o Aberto da poesía en Salvaterra de Miño. Esta cita será unha boa oportunidade para comprobar o estado de forma dos palanadores do sur ante a inminente tempada 09-10.

En Salvaterra Gil trátará de revalidar o título conseguido o pasado ano,  unha fazaña nada doada pois  atoparase no camino cos campións zonal e nacional da LNB, con Pablo Suengas, MVP da cunca xíbara, ou cos Paquete Pinchas, a mellor equipa  da LNB 08, que xa confirmaron a sua presencia e tamén se agarda representación do resto de equipas.

Deixámosvos co resumo de tele-varal do Aberto da Poesía 08.





Afiade as billardas: a liga 2009-2010 xa está aí!!!

31 08 2009

Supoño que a moitos e moitas o verán fíxosevos demasiado longo. Para que quere un que loza o sol e poder folgar se non pode xogar á billarda? Para todos os que pasastes o verán afiando pinchas mentres mirábades para o mar, agarrando o licor café nos festivais como quen colle o palán, soñando despertos con que volvesen os torneos de billarda…

chegou a hora! volve a billarda, volve a LNB cunha nova tempada no Sur!

A primeira xornada desputarase este ano en Redondela o 12 de setembro ás catro da tarde. Un escenario novo para ir ampliando as vilas enganchadas á cachiza.

Antes teremos o primeiro torneo amistoso, o II Aberto de Billarda do Festival de Poesía do Condado. Atención billardeiros impacientes: será este sábado 5 de setembro ás 12 do mediodía nas murallas da fortaleza. Organiza coma o ano pasado a SCD Condado. O gañador recibirá un lote de libros e unha caixa de viño do Condado. Para o segundo clasificado haberá outro lote de libros. Na sección “Mapa e calendario” desta web podedes ver o mapa coa localización do torneo (é o punto verde).

A nova liga vén con algunhas novidades e coa ilusión de repetir o éxito de participación e bo ambiente do ano pasado. Aquí van debulladas as principais novidades, pendentes sempre de que os equipos estean de acordo a partir da primeira xornada.

Máis torneos: temos previsto facer 10 torneos puntuables para a liga, en lugar de 8. Ao igual que o ano pasado, pódense descartar dous resultados, polo que só se terán en conta os puntos conseguidos nos mellores 8 torneos de cada quen.

Reparto máis xusto dos puntos: Pensamos un sistema que repartise de maneira máis xusta os puntos, e é o que en principio imos poñer en práctica desde a primeira xornada. Daranse puntos segundo a rolda á que cada xogador chegue. Os puntos por participar, chegar a 1/16avos, 1/8avos e 1/4artos quedan como estaban. O 4º clasificado levará 5, o 3º 6, o 2º 7 puntos e o gañador 8. Ademais, daranse puntos extra aos mellores xogadores das roldas previas (as partidas en grupos): 2 para o mellor de cada grupo e 1 para o 2º. Estes puntos sumaranse aos outros.

Resumindo, os puntos quedan como seguen:
1 pto. se non pasas da rolda de grupos
2 ptos en 1/16
3 ptos en 1/8
4 ptos en 1/4
5 puntos para o 4º
6 ptos para o 3º
7 ptos para o 2º
e 8 ptos para o 1º.
A estes súmanse:
+ 2 ptos para o primeiro de cada grupo
+ 1 pto para o segundo de cada grupo.

Mercado de fichaxes: os mentideiros deportivos botan fume este verán cos rumores de novas equipas, fichaxes, posibles fusións de equipos, cesións… Por agora só podemos confirmar que temos un…

Equipo novo: nacido dunha escisión dos Paquete Pinchas, desde a parroquia de Pontellas (O Porriño) chegan os Pinchas Bravas. Se as nosas fontes non están equivocadas, nas súas filas están polo menos cinco xogadores que pasaron polos Paquete Pinchas: Elvis, Aníbal, Álvaro, Ángela e Iván. Pola pinta vai ser un equipo a ter en conta, e haberá que ver como se repoñen os Paquete, campións galegos absolutos, desta manchea de baixas.

Web renovada: Pode que non vos fixásedes, pero démoslle un lavado de cara á web da billarda. Comentamos brevemente as principais novidades para que lles deades uso:
- A sección “Mapa e calendario” incorpora un mapa navegable no que atoparedes a ubicación de todos os torneos da liga. Irase actualizando conforme coñezamos as datas e localizacións definitivas dos abertos.
- Creamos dúas seccións novas: “Tempada 2008-09″ é un arquivo no que podedes ver os datos da pasada tempada: a clasificación final e o calendario dos torneos desputados.
- “Vídeos” é outra sección nova na que recollemos TODOS os vídeos do Televaral que fan referencia á LNB Sur. Esta sección tamén a iremos ampliando pouco a pouco.
- Novas ligazóns: Na portada, á dereita, atoparedes ligazóns ás webs e blogs dos equipos participantes. Por agora só están as dos equipos que se corresponden con asociacións ou locais sociais, porque os outros non teñen blog (que nós saibamos). Animádevos e enlazarémosvos desde aquí.
- Estamos traballando nalgunha outra novidade que xa daremos a coñecer.

E para saciar as vosas ganas de billarda, deixámosvos co vídeo do último torneo desputado: a Cunca Xíbara, que xogamos en xuño en Moaña e da que resultaron vencedores Culombio.





Culombio bebeu da Cunca Xíbara

28 06 2009

A do sábado foi tarde de sorpresas en Meira. As equipas da Conferencia Sur xogábanse o último título da tempada 2008-2009, a Cunca Xíbara. Para que queres a Copa se podes aspirar á Cunca? E que mellor Rei que o Xíbaro? Co obxectivo de ser os primeiros en inscribir o seu nome na cunca de barro que ano tras ano se porá en xogo no sur, oito conxuntos presentáronse na parroquia moañesa. A tarde estivo chea de sorpresas e ao final foi Culombio, que non figuraba entre os favoritos, o que logrou encher a Cunca Xíbara de viño e beber e brindar pola tempada que remata.

A tarde presentouse ventosa e chea de nubes, polo que non houbo ocasión de sacar o bañador da mochila. Foi unha mágoa, porque á pista de terra que reservaron os de A Ghudalla chegaba a brisa do mar. Se un lle daba un pouco forte á billarda corría o risco de que lla levase a maré. Logo de comer á sombra e adestrar un pouco, ás catro e media comezou a competición na rolda de cuartos. E desde o primeiro momento se puido ver que ía ser un campionato moi disputado.

O podería dA Ghudalla (imaxe de arquivo)

O poderío d'A Ghudalla (imaxe de arquivo)

Cuartos de final: Se Foras Traballar sorprende aos Paquete Pinchas

Paquete Pinchas 9 – Se Foras Traballar 10
Faísca 9 – Assembleia Aberta+Moaña 8
A Ghudalla 12 – Treze Catorze 5
Lideiras 3 – Culombio 13

A primeira das sorpresas da tarde saíu do enfrontamento entre Paquete Pinchas, campións de liga e do Play-Off Nacional, e Se Foras Traballar, que chegaban como noveno equipo da liga Sur. Pero en Moaña puidemos ver que os equipos están máis igualados do que podía parecer a priori. Se Foras Traballar foron gañando carreiras e minando a moral dos Paquete Pinchas, que se viñeron abaixo anímicamente pola presión á que estaban sometidos. Así a eliminatoria chegou ao final igualada e houbo que ir ao desempate. No primeiro Elvis e Luis non conseguiron desfacer o empate, e correspondeulle a Manuel lograr o punto definitivo para Se Foras Traballar diante dos Paquete Pinchas.

Outra eliminatoria moi igualada foi a que desputaron Faísca contra o combinado que formaron Assembleia Aberta con xogadores de Moaña. Todo se decidiu nas últimas tres partidas, ás que os dous equipos chegaron empatados, e onde os de Faísca conseguiron pasar gracias ás vitorioas de Viana e Ana Diz nas súas carreiras.

A Ghudalla presentábase cun equipo completo e compensado, e dado o bo final de tempada que tiveron partía como un dos favoritos. Na súa eliminatoria desfixéronse con certa facilidade de Treze Catorze, un equipo lastrado polas baixas dalgunhas das súas figuras debido a lesións deportivas e compromisos estivais.

Tampouco estivo tan igualada como se prevía a eliminatoria entre Lideiras e Culombio, dous equipos que remataron a liga case cos mesmos puntos. Rubén Otero, líder de Lideiras, andaba pouco centrado e non deu conseguido ningún punto. O resto do equipo non foi quen de compensar o handicap da falta de tino do vixente campión nacional.

Semifinais: os “B” foron decisivos

Se Foras Traballar 5 – Culombio 10
Faísca 6 – A Ghudalla 11

Unha tónica xeral no torneo é que lles foi mellor a aqueles equipos que amosaron estar máis compensados e nos que os xogadores “B” (cuarto, quinto e sexto) de cada equipo estiveron máis finos. Así se puido comprobar na semifinal entre Faísca e A Ghudalla, os dous equipos que parecían máis fortes dos que quedaban en competición. A primeira quenda de carreiras acabou con empate: 3 a 3. Na segunda os de Moaña tomaron vantaxe 7 a 5, cun Barreiro especialmente atinado. Ao final os de Faísca desfondáronse e só Xosé Miguel puido soportar a presión, cun parcial de 4 a 1 os da Ghudalla impuxéronse por 11 a 6.

Na outra semifinal enfrontábanse o equipo revelación, Se Foras Traballar, contra un equipo que parecía estar moi en forma: Culombio. Na primeira quenda os de Vigo-Sanguiñeda colleron vantaxe: 4 a 2. Pero entón os Culombio concentráronse e déronlle a volta ao taboleiro: 5 a 6. Con esa lixeira vantaxe chegaban á última quenda, onde Fátima, Jota e Esme demostraron estar nun bo momento de forma e aseguraron para o seu equipo a vitoria por 5 a 10.

Se Foras Traballar logrou o terceiro posto

3º-4º posto:
Se Foras Traballar 7 – Faísca 6

Na final de compensación, os de Se Foras Traballar deberon pensar que non chegaran tan lonxe para nada e saíron enchufados para lograr a vitoria e a honra de quedar terceiros. Pero enfronte tiñan a Faísca, o segundo mellor equipo da liga, que non llo puxo fácil. Foi un encontro moi igualado, no que ao final resultou decisiva a participación de Luis e Fredo, que xunto cos puntos conseguidos por Pilar, Manolo e Manu deron superado aos de Faísca, no que ningún dos seus xogadores conseguiu gañar máis dunha carreira nesta partida polo terceiro posto.

Culombio, equipo gañador

Culombio, equipo gañador

A gran final: igualdade ata o último golpe

A Ghudalla 8 – Culombio 9

E chegou a gran final. Unha final inédita entre A Ghudalla, anfitrións e cuarto mellor equipo da liga, e Culombio, sextos na LNB Sur e coa subcampioa nacional nas súas filas. Por A Ghudalla xogaban Arosa, David e Panzo no equipo A, e Jacobo, Barreiro e Manuel no B. Por Culombio estaban Moi, Pablo e Santi no equipo A, e Fátima, Esme e Jota no B.

Na primeira quenda, Culombio empezaron crecidos e apuntáronse 5 vitorias de 6 posibles. Só Arosa gañou o seu enfrontamento cun frouxo Moisés. A segunda quenda foi máis igualada: cada equipo logrou tres vitorias, polo que se mantiveron as distancias de cara á última quenda. Con 8 a 4 a favor de Culombio, a estes só lles facía falta gañar unha carreira para asegurarse o empate, e dúas vitorias para gañar.

Pero na última quenda, os “A” de A Ghudalla arrasaron con 3 de 3 vitorias. Así que, co marcador 8 a 7, toda a responsabilidade quedaba nos “B” de cada equipa. Fátima gañoulle a Barreiro, ao tempo que Manuel lle gañaba a Esme. Con só unha carreira en xogo, o marcador estaba 9 a 8. Se Jota marcaba, aseguraba o empate na súa carreira e a vitoria dos Culombio na final. E marcou.

Foi unha gran final, na que polos de A Ghudalla destacou a seguridade de Arosa, David e Panzo, mentres que Jacobo, Manuel e Barreiro tiveron máis problemas nas súas carreiras.

En Culombio, ao longo da tarde xogaron cunha extraordinaria regularidade Santi, Fátima e Esme, que gañaron puntos decisivos. Moi comezou ben, pero foi desinflándose a medida que avanzaba o torneo. O contrario que lle ocorreu a Jota, que empezou frouxo e acabou sendo o gran protagonista da vitoria na final. O máis regular do torneo, o MVP da Cunca Xíbara foi Pablo, que en toda a tarde conseguiu gañar 6 carreiras, empatar 2 e perder tan só 1.

Pablo Suengas, MVP da Cunca Xíbara (imaxe de arquivo)

Pablo Suengas, MVP da Cunca Xíbara (imaxe de arquivo)

Culombio brindou coa Cunca Xíbara chea de viño e retou xa ao resto de equipos da Conferencia Sur para o ano que vén, cando se volva poñer en xogo este trofeo. Xíbaros do mundo, teredes que estar alí para ver tal cousa. Por agora ide collendo folgos, porque en setembro volve a liga!

(AVISO A NAVEGANTES:esta crónica ampliarase nos vindeiros días con imaxes da Cunca Xíbara)





Asalto á Cunca Xíbara

24 06 2009

Na tempada 2008-2009 da Conferencia Sur da LNB aínda queda un torneo por xogar: a Cunca Xíbara. Este sábado en Meira (Moaña), oito equipos desputaranse este título a modo de torneo de copa. Unha xenuína cunca de barro será o premio que o mellor equipo de torneo terá a horna de ostentar durante un ano e poñelo en xogo de novo o verán vindeiro.

A cita é o sábado 27 en Moaña.(Pincha aquí para ver o mapa). Os partidos comezan ás catro e media, pero antes arrancaremos cunha comida en común. A xente da Asociación Cultural A Ghudalla (xérmolo do equipo Moaña) organiza o torneo e pon bebida fresca para todos. E logo veñen os enfrontamentos, que quedan distribuídos así:

16.30h. Cuartos de final
A: 1º vs 8º (Paquete Pinchas vs Se Foras Traballar)
B: 2º vs 7º (Faísca vs Assembleia Aberta)

17.15h. Cuartos de final
C: 3º vs 6º (Moaña vs Treze Catorce)
D: 4º vs 5º (Lideiras vs Culombio)

18.00h. Semifinais
A vs D
B vs C

18:45h. Final

O cadro de enfrontamentos pode cambiar se aparece algún equipo máis (animádevos Almuinha e Branco e Negro, contamos con vós!).





Poderío meridional

1 06 2009

Só tres semanas despois da dolorosa derrota no xerro do Salnés, sandada a base de bebidas espirituosas para esquecer o mal trago (deportivo), as xentes do sur demostraron en Conxo que non esqueceron como se xoga á billarda. Onte aproveitaron as circunstancias climatolóxicas, e nun ambiente semi-tropical aproveitaron para impoñerse aos seus compañeiros norteños (máis afeitos aos climas humidos) no Play-Off Nacional 2008-2009.

Ía calor, moita calor. O sol petaba como se o xabre do campo de fútbol de Conxo fose en realidade a area do Sahel. As tribus nómades chegaron de tres esquinas de Galicia coas billardas entre os dentes, dispostos a suar por coronarse como campións nacionais da LNB. E suar, suaron, diso podemos dar fe!

Á mañá desputouse a final feminina, na que o sur estaba representado por Diana, Ana, Fátima e Chus. As catro fixeron un bo papel, malia que Diana e Ana non conseguiron pasar a primeira rolda ao enfrontarse a dúas rivais de moita categoría: Geni e Demelsa. Chus e Fátima si pasaron e xogáronse entre elas o posto na final. Foi Fátima quen, cun xogo implacable, conseguiu a vitoria que lle permitía enfrontarse na última partida á gran favorita, Geni. E aínda que tivo na man a vitoria na primeira carreira, Geni impuxo a súa lei e Fátima tivo que conformarse cun brillante subcampionato, que como dicía algún locutor vespertino “ser subcampión é máis que ser campión”. Parabéns, Fátima!.

A finais por equipo tamén se desputou pola mañá. Furabolos e Remourelle Bulls chegaban moi preparados á gran final, mentres que os Paquete Pinchas viñan de poñer en práctica un curioso e relaxado sistema de preparación: praia e partidas de chave. Pero estaban afinados, e demostraron o seu poderío tal como fixeron ao longo de toda a liga. Chupi, Elvis e Amil gañaron as cinco carreiras que desputaron, e tamén Charlie, Pablo e Manuel apañaron unha boa chega de puntos, que lles serviron para proclamarse campións nacionais fronte a dous rivais de moita categoría aos que non deron tregua.

Pero o máis inspirado do día fixo a súa aparición pola tarde. Rubén Otero, demostrou ter o brazo máis poderoso da LNB. Primeiro no concurso de varados. En dez intentos logrou dous varados, por diante de Fuco e Markitos, que obtiveron un cada un. Ademais de Otero e Fuco, nesta final participaron polo sur Xosé Miguel e Santi, que non tiveron sorte nos seus lanzamentos.

E xa só quedaba a final absoluta, na que se decidiría quen sucedía a Markitos como campión da LNB. Polo sur tiñamos oito clasificados: Amil, Agus, Alberte e Xosé Miguel xogaron a un bo nivel, pero non conseguiron pasar da primeira rolda. Na segunda rolda houbo un enfrontamento fraticida entre Elvis e Chupi, no que caeu o primeiro. Pablo chegou ata as semifinais, onde lle tocou xogarse o pase co defensor do título. Pese a xogar a un nivel moi alto, non puido con Markitos. Noutra semifinal enfrontábanse os dous palanadores que só un mes antes se xogaran en Mos o título de campión do sur: Chupi e Otero. O dos Lideiras tiña o brazo fino, e pronto tomou vantaxe, que consolidou para colocarse na final, xunto con Markitos e Hugo, dous Billardeiros Musicais. Pero Otero estaba lanzado, e na final non cedeu un só punto: gañou as cinco carreiras e proclamouse campión. Rubén Otero, parabéns!





As nosas bazas

29 05 2009

feminino

Na competición feminina Chus consolidouse durante a tempada como a mellor xogadora do sur sendo a palanadora mais constante e por iso a principal opción da nosa conferencia ante o poderío do Norte. Ana e acadou o que ninguna outra, colarse nas semifinais, con outro día así de inspirado é unha firme candidata. Fatima fixose en duas ocasións co premio de mellor palanadora e continua coa sua progresión. Finalmente Diana e Pilar, duas xogadoras que alternan grandes golpes con algúns fiascos, se conseguen asentar este Domingo o seu xogo, terán as suas opcións.

varados ben

Rubén liderou olgadamente a xeral de varados, pero nunha pista longa e tan lenta como a que nos atoparemos no conxo, X. Miguel con unha poderosa pegada preséntase coma favorito. Santi é o especialista do Sur en varados, forza e precisión pero debe superar a presión das roldas finais nas que o seu xogo decae,se consigue templar os nervios e unha aposta segura. Fuco, xa sen muletas, demostrará que é un xogador cordinado.

masculina

Chupi enfróntase o seu maior reto, despois de dominar no sur a sua calidade e a gran competividade que amosa en cada torneo fai que depositemos en el as nosas esperanzas. Ruben agarda que os favoritos non teñan o seu día para aproveitar a sua oportunidade e Agus ten na gran final o escenario perfecto para recuperar o xogo que nos abraiou a comezos de tempada. X. Miguel é o noso xogador en progresión ¿Será o título nacional a sua cima? Pabo e Amil contribuiron a cada victoria dos Paquete Pinchas, o primeiro xa nos amosou que podee quen de gañar nun aberto tan complicado como o de Vigo mentres que Amil agarda a sua oportunidade. Elvis é a gran incognita, o xogador mais instintivo e apaixoado da conferencia o que fai imposible calquer intento de análise.

equipa

Os Paquete Pinchas foron os dominadores  absolutos da LNB Sur, soio a Faisca foi quen de vencelos na pista de budiño, nas demais citas gañaron por equipas. Ademais de colocar 4 palanadores entre os 8 finalistas teñen detrás a xogadores que e aportaban puntos decisivos cada xornada e será a sua actuación na final a que os poida levar ao éxito. Charlie, Manuel, Mari, Alvaro, Anibal, Romi, X. Xan,  Ivan, Anxela, Amil, Chupi, Elvis e Pablo tratarán de que o mellor equipo do sur o sexa tamén de Galiza.

Lembrade: Rua Campo do Conxo (Sta Maria do Conxo, Compostela) As 11:30 comezamos, 14:00  xantar, Pola tarde reanudamos.  A POLAS FINAIS!!!





Play Off Nacional

27 05 2009

O Domingo 31 de Maio no campo do Conxo decidiranse os campións nacionais da LNB ´09 donde os representantes do Sur tratarán de quebrar a hexemonia implantada ata agora pola Conferencia Norleste. E para presentar aos nosos palanadores nada mellor que que esta producción para TeleVaral dirixida por Pablo coa que podemos rememorar a gala de Mos, con mais glamour que no Kodak Theatre de Milton.

E aquí temos tamén recen forneado a cartaz co programa oficial da xornada, obra do artistas Nachok, un habitual nas colaboracións coa LNB.

cartaz play off_09

Dende o Noroeste chegará a armada encabezada polos Furabolos, equipa gañadora que ademais conta con Ivan, Toño, X. Antón e Iolanda para os individuais. Virán acompañados de palanadores con mais experiencia en finais nacionais coma Serxio, maceira, Rafa, Roi, Xaquim, Leti ou Jano. Polo que indagaron as nosas fontes atención especial con Iván (especialista en varados) e o xogo firme de Iolanda e Serxio. Toño e X. Antón xa foron quen de batirnos en Marin.

furabolos

Na guagua do Norleste chegan os favoritos, no ´08 gañaron todo, i ete ano veñen a por mais coa moral a tope tra-la copa Salnés. Resulta difícil destacar algún xogador entre tanta figura: Markitos, actual campión e líder ´09 en varados, Hugo, subcampeón, Ana, Campiona ´08, Geni, Subcampiona e primeira muller en gañar un aberto LNB, e os Remourelle Bulls que collen o testigo dos Billardeiros Musicais gañadores no ´08.

remourelle





O Dia das Billardas

18 05 2009

Este foi o fin de semana mais activo dende que a LNB comezou a gatexar, as billardas danzaron por cada recuncho coma sempre o fixeran: Aberto da Lingua (Marin), Illa de Samertolomeu (Meira), Aberto das letras (A Coruña), Festa da Lingua (Vigo) e Aberto das Letras (Compostela).

P1012949

Na conferencia Sur arrincamos o Sabado en Marim, onde os compañeiros da Almuinha sobrepuxeronse a chuvia e levaron a cabo unha xornada abraiante, actuacións musicais, contacontos, libros, talleres, xantar, billarda e un serán para rematar de madrugada. No aberto recibimos a visita dos Furabolos do Pino, X. Antón, Iolanda e Ivan deron boa mostra do potencial do noroeste de cara o play off e Toño fíxose co lote literario reservado para o campión barrendo cos Paquete pinchas, a colonia africana de Ahmed, Yassinee mohamed I e II, e pese a resistencia e o voo de Alberte na final.Visita o FotoVaral

P1012961

O Domingo a tarde voltou o Sol, e o Parque de Castrelos mentres agarda a visita de Leonard Cohen, foi o marco perfecto para a festa das letras.

P1013003
Se en Marín nos acompañaron os Furabolos, ata Vigo chegaron  Billardeiros Musicais dende Ribadeo, a quen non  temos verbas dabondo para agradecer a colaboración na organización, un traballo iniciado pola Faisca.

Durante toda a tarde foron moitos os que se bautizaron co palán, pero a gloria  estaba reservada para Elvis, que se impuxo a Daniel nunha final de infarto.  Xose Miguel e Franco pese a facer unha gran actuación cairon nas semis tras eliminar a Pinto e a un Viana que cada dia vai a mais.  Ollo con el a vindeira tempada.

Charlie que non estivo tan fino como en Marín nos golpeos, realizou outra gran colección de fotografías do torneo que tamén podedes ver aquí.

P1013079






Sesión Continua

13 05 2009

Apaga o teu televisor, ou mellor tirao pola fiestra. Hoxe temos sesión dupla, para comezar temo-la xenial obra de Pablo Suengas do Culombio, que nos ofrece unha estilizada mestura de música e imaxes do acontecido no II aberto de Mos. A culme da videocreación en televaral.

E ainda fervendo proxectamos o video resumo chegado dende Ribadeo do acontecido no Xerro do Salnés.

Televaral ofreunos bos recordos do acontecido, pero o frénetico ritmo que marca a LNB non deixa lugar a tregua i este fin de semana as billardas voltarán a voar as duas beiras da ria.

O sábado en Marín: Festa da Lingua.

Aberto de billarda no Pavillon do Sequelo as 18:00  Mais Info

cartaz-reint

Domingo 17, Samertolomeu (Moaña) as 11:00 Aberto de billarda. Os compañeiros da aghudalla (Equipa Moaña na LNB)Convidan a un pincho e viño a todolos xogadores da LNB que alí se despracen e premios da feira de artesanía para os gañadores.

O Domingo en Castrelos:

aberto das Letras

Aberto das Letras:

As 17:00   Taller de Billarda

As 18:00   Aberto de Billarda

As 19:30    Entrega de Premios

Ao remate actuacións musicais,  Deica!





O xerro viaxa cara ó norte

12 05 2009

O Norte cóbrase a revancha e faise co Xerro do Salnes nunha tarde pasada por auga. Chegaron a Xil coa clara determinación de levarse o xerro cara Ribadeo e o sur nesta ocasión non foi quen de detelos.

P1012835

A xornada comezou co desembarco das duas conferencias na Taberna da Cancela donde a xente de xil nos fixo sentirnos na casa, despois acompañaronos no percorrido polos furanchos ademais de abrirnolas portas das Adegas Castrocelta. No Noso bar repuxemos forzas para a batalla vespertina. Nada mais chegar a Pista das Angustias unha tromba de auga abriu unha serie de despropósitos como a falla de recursos materiais ou o estado de letargo no que cairon algúns palanadores.Pese a todo isto non faltou quen collese as rendas, e grazas a  colaboración de todos iniciouse a competición.

xerro

O norte impuxo un forte ritmo dende o principio e pese a que os palanadores de Meaño raiaron a alto nivel foron Franco e Eric os que se plantaron na final asegurando así a victoria do Norte tanto a nivel individual coma de equipas.

xer

Para cerrar outra xornada memorarable a Taberna da Cancela foi o escenario para o fin de festa, no que Manuel Abuín cun abraiante repertorio musical fixo gozar aos supervivintes ata cair a noite.

revelión das estornelas