O golpe limpo e preciso de Chupi e a súa seguridade para introducir a pincha no varal en non máis de dous lanzamentos, convertírono hoxe no gañador do I Aberto de Billarda de Ponteareas, que organizou a asociación Baiuca Vermelha. Tedes imaxes de como foi o torneo aquí.
No parque das Pombas congregáronse vinte xogadores nos que se mesturaba a experiencia de curtidos gladiadores como Otero e Xosé Miguel coa frescura de novos talentos que desde o corazón do Condado se enfrontaban por primeira vez á billarda.
Novos talentos para a billarda no Sur
Os grupos depararon sortes dispares, como a coincidencia de Chupi, Otero e Santi no que foi “grupo da morte”. Nestas primeiras partidas sorprendeu a destreza de Sebas, un mozo que sen tempo a quentar lanzouse a gañar partidas. Sebas pasou a cuartos, ao igual que Pablo Suengas, Jota, Agus (representante da xente de Marín), Chupi, Otero, Moisés e Ángel. Para as semis clasificáronse Jota e Ángel na parte alta do cadro e Chupi e Moisés na baixa. Ángel fixo valer a súa regularidade para impoñerse a Jota, mentres que Moisés caeu ante a elegancia no golpeo do de Pontellas.
Na gran final, Diego Chupito fixo valer a súa experiencia e fulminou a Ángel Cortaberry, revelación da xornada, en dous golpeos precisos que lle bastaron para introducir a pincha no varal.

O gañador e o finalista do Aberto de Ponteareas
E así foi a xornada en Ponteareas, onde os nosos anfitrións da asociación Baiuca Vermelha deron o primeiro paso para extender a billarda polo Condado. Para a próxima cita non sairemos desta comarca: será en Salvaterra o vindeiro sábado 6 de setembro ás 16:30 horas na Fortaleza, dentro do XXII Festival da Poesía do Condado.
Agardámosvos alí!



